InvestiGal apoia as investigadoras posdoutorais que reclaman ante a Xunta o seu dereito a non ser penalizadas pola súa maternidade

InvestiGal denuncia que a crise sanitaria actual volve evidenciar as desigualdades que este colectivo sofre de forma recurrente.

  • O pasado ano 2019 tanto a Xunta de Galicia como as Universidades recoñeceron que as persoas que eran nais e pais durante o seu programa posdoutoral sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte. Aínda sen ser óptima, a propia Xunta fixo unha proposta para que esas persoas non quedasen fóra do sistema.
  • Na crise causada pola COVID-19, a Xunta de Galicia deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade.
  • Dende InvestiGal demandamos que de maneira inmediata se inclúa ás investigadoras da Modalidade A 2016 afectadas por permisos de maternidade e paternidade nas prórrogas de 6 meses debido á COVID-19.

Galicia, 28 de maio de 2020.

O programa posdoutoral da Xunta de Galicia busca a formación de investigadores de alto nivel competitivo nas Universidades galegas. O pasado ano 2019 tanto a Xunta de Galicia como as Universidades recoñeceron que as persoas que eran nais e pais durante o seu programa posdoutoral (Modalidade A) sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte (Modalidade B, á que un/ha investigador/a só se pode presentar nunha única ocasión, na convocatoria que lle corresponde) ao ter gozado dos permisos relacionados coa maternidade.

O colectivo de investigadores/as propuxo diversas fórmulas naquel momento para chegar a unha solución, e foi a propia Xunta a que determinou que estas traballadoras debían finalizar os seus contratos ao mesmo tempo que aquelas persoas coas que deberían de concorrer á seguinte convocatoria, para así estar en igualdade de condicións que as mesmas, como literalmente recolle o convenio que Xunta e Universidades (USC e UVigo) asinaron para este fin. A proposta que achegou a Xunta, sen ser a óptima, resolvía nese momento a situación. 

Debido á sorprendente crise causada pola COVID-19, pónse de novo de manifesto os fallos do sistema: a Xunta deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade. Estas persoas, que do mesmo xeito que as demais investigadoras e investigadores viron interrompidos ou seriamente retardados os seus traballos durante a presente situación, reclaman o seu dereito a rematar as súas investigacións, tal e como estaba previsto nos seus contratos, en igualdade de condicións aos seus compañeiros e compañeiras cos que terán que medirse en convocatorias futuras. 

A opinión pública debe saber que nestas convocatorias de concorrencia competitiva a porcentaxe de avaliacións finais negativas da Modalidade A (que impide concorrer á subseguinte Modalidade B) aumenta de forma anómala naqueles casos onde hai maternidade, polo que se entende que esta situación ten que ver cunha problemática estrutural. De feito, existen varios procedementos en curso, tanto administrativos como xudiciais, relacionados cos permisos de maternidade dentro das axudas posdoutorais da Xunta e doutras investigadoras contratadas por entidades dependentes da Xunta (SERGAS). Isto demostra a falta de interese en resolver situacións de discriminación vixentes e en implementar as medidas precisas para evitar que se sigan repetindo no tempo. 

InvestiGal – Rede Galega pola Investigación demanda que de maneira inmediata se inclúa ás investigadoras da Modalidade A 2016 afectadas por permisos de maternidade e paternidade nas prórrogas de 6 meses debido á COVID-19. Xa se rexistraron reclamacións ante a Valedora do Pobo,  a Consellería de Educación e GAIN (2020/784297; 2020/784260), sen obter respostas efectivas. Presentáronse hoxe novos rexistros ante a Presidencia, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Consellería  de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Sanidade, a GAIN, e a ACIS (2020/928250; 2020/928047;2020/928103; 2020/928164; 2020/928198; 2020/928302; 2020/928363), dado a urxencia dos casos, pois estamos a falar de resolver proxectos vitais de 4 personas que foron completamente abandonadas polas institucións. Ademais, InvestiGal demanda que se resolvan e emenden as demais situacións de discriminación vixentes, mediante satisfacción extraprocesal, e que se tomen medidas a nivel lexislativo para evitar que estas situacións se sigan repetindo ano tras ano.

Nesta ligazón podedes acceder a un documento elaborado polo GdT Igualdade, Xénero e Conciliación cunha análise mais detallada desta situación.

Ánimo compañeiras!

InvestiGal acolle positivamente a prórroga de contratos predoutorais e postoutorais en investigación anunciada pola Xunta de Galicia, pero indica que non é suficiente

InvestiGal aplaude a prórroga, anunciada pola Xunta, de seis meses en todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma pero reclama incluír á totalidade do persoal contratado de duración determinada doutras entidades.

  • InvestiGal vén reclamando nas últimas semanas[1] ás axencias galegas de financiamento, universidades e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria da COVID-19.
  • A Xunta de Galicia anunciou[2] hoxe que Educación e a Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma.
  • Solicitamos que a prórroga dos contratos de investigación se extenda a todos os contratos de persoal investigador, co fin de evitar agravios comparativos entre o persoal investigador en función da entidade financiadora dos seus contratos ou das diferentes modalidades de vinculación laboral que posúan. Asímesmo, demandamos o compromiso da Xunta de Galicia para blindar as prazas e presupostos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021.

Galicia, 29 de abril de 2020.

Nas últimas semanas, InvestiGal -Rede Galega pola Investigación- reclamou ante os medios[1] que as entidades financiadoras (Xunta, Universidades, Fundacións…) de contratos de persoal investigador tomen canto antes unha medida semellante de prórrogas do persoal e dos proxectos, co fin de reducir a inseguridade dun colectivo xa bastante precarizado, e evitar agravios comparativos entre investigadores en función da axencia que financia os seus contratos. Esta reclamación plasmouse formalmente coa presentación de escritos[3] á Axencia GAIN, á Consellería de Industria, á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e á Consellería de Educación. 

No día de hoxe, a Xunta de Galicia, como resposta as nosas reclamacións, anuncia[2] que tanto Educación como a Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais dependentes dos programas autonómicos e afectados polo estado de alarma. Estarían incluídos os contratos predoutorais dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019, así como os posdoutorais dos anos 2017 (modalidade A), 2018 (modalidade A e B) e 2019 (modalidade A e B), o que corresponde cun total de 436 persoas investigadoras beneficiadas. Estas medidas súmanse e amplian as anunciadas polo Ministerio o día 31 Marzo (BOE do 1 de abril) para os programas estatais. Aínda así quedarían fóra destas prórrogas figuras predoutorais e posdoutorais financiadas polo Ministerio (FPIs, FPUs, persoal contratado posdoutoral) que teñen máis dun ano de contrato; persoal contratado por proxectos autonómicos e nacionais; así como do ámbito propio das Universidades (persoal axudante e axudante doutor).

InvestiGal fai un chamamento a todos os organismos contratantes (Ministerio, Xunta, Universidades, OPIs, Fundacións de Investigación Sanitaria,…) a que, no exercicio das súas competencias, incorporen á totalidade do seu persoal investigador de duración determinada a esta prórroga de seis meses dado que todo o persoal está afectado pola mesma situación extraordinaria que estamos a vivir. Entendemos que, dadas as actuais circunstancias, a solución debe ser común e a prórroga por seis meses debe ser incorporada a todo o persoal con funcións investigadoras. Constatamos que as medidas aprobadas pola Xunta de Galicia van na mesma dirección, aínda que con carácter máis ambicioso, que as anunciadas hai días polo Ministerio. Con todo, e debido á propia situación de excepcionalidade, tamén para o lexislador que elabora a normativa, existen unha serie de lagoas e indefinicións para algunhas figuras que non deben ser excluídas. De aí que solicitamos dos organismos contratantes a maior flexibilidade e comprensión coas diversas casuísticas particulares do persoal investigador, que abranguen desde estadías obrigatorias, agora interrumpidas ou comprometidas, a labores inexcusables de atención á crianza ou a persoas dependentes. 

Por outro lado, a respecto das convocatorias de contratación de persoal investigador e financiamento de I+D que non poida saír adiante no 2020 por causa da actual crise, InvestiGal demanda o compromiso da Xunta de Galicia para blindar as prazas e orzamentos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021. O investimento en investigación, e menos nas circunstancias presentes, non debe ser diminuido.

Referencias:

A situación dos contratos temporais do persoal de investigación en Galicia na crise do COVID-19

InvestiGal reclama ás axencias galegas de financiamento, universidades e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria do COVID-19.

  • As medidas excepcionais tomadas a raíz da crise sanitaria do COVID-19 provocaron o peche dos centros de investigación e, polo tanto, a paralización de gran parte da actividade investigadora. Isto afecta á duración de moitos contratos temporais do persoal investigador.
  • A disposición adicional decimoterceira do Real Decreto Lei 11/2020, do 31 de marzo (BOE de 1 de abril), establece, entre outras, a posibilidade de prorrogar os contratos de traballo temporais financiados por convocatorias públicas estatais no eido da investigación.
  • Solicitamos que as restantes axencias de financiamento (Xunta, Universidades, Fundacións…) de contratos de persoal investigador tomen canto antes unha medida semellante de prórrogas do persoal e dos proxectos, co fin de reducir a inseguridade dun colectivo xa bastante precarizado, e evitar agravios comparativos entre investigadores en función da axencia que financia os seus contratos.

Galicia, 7 de abril de 2020.

InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, constituíuse o pasado 29 de febreiro en Santiago de Compostela co obxectivo de agrupar a vontade e ser a expresión do colectivo de persoal investigador de Galicia en todos os seus ámbitos[1]. Dentro da situación excepcional pola que está a atravesar toda a sociedade, a investigación estase mostrando como o piar fundamental que é para garantir o benestar, progreso, convivencia e reflexión crítica das persoas que a compoñen. Precisamente por este motivo, manifestamos o seguinte respecto do persoal investigador con contratación de duración determinada. 

O peche dos centros de traballo onde habitualmente realizamos o noso labor impide as tarefas presenciais obxecto dos nosos contratos (elaboración de teses doutorais, desenvolvemento de proxectos de investigación, tarefas de xestión e mesmo docencia). Así, todas as investigacións están detidas ou seriamente ralentizadas. O persoal con responsabilidade docente continúa coa súa actividade de forma telemática malia as limitacións técnicas e operativas. Asemade, ao igual que lle sucede ao resto da poboación, a situación de confinamento leva consigo ocupacións inescusables relativas a coidados de menores ou persoas dependentes que impiden de facto a continuidade intelectual do labor investigador non presencial. 

Para facer fronte a esta situación excepcional, o Real Decreto Lei 11/2020 contempla, na súa disposición adicional decimoterceira[2], a posibilidade de prórroga dos contratos do persoal investigador. InvestiGal valora de forma positiva o fondo das medidas establecidas no RD, pero observamos con preocupación como a aplicación destas medidas están orientadas a unha parte do persoal investigador. En primeiro lugar, afecta só ao persoal financiado por programas públicos estatais. Isto deixa no limbo a aquelas outras investigadoras e investigadores contratados a cargo de programas autonómicos, propios de universidades ou de fundacións públicas. En segundo, esta medida tense contemplado únicamente no caso de persoal que finaliza o seu contrato no ano vixente. Esta medida establece un agravio comparativo para as restantes investigadoras e investigadores, que tamén están vendo interrompido e mesmo paralizado o desenvolvemento natural das súas actividades de investigación.

Debido a que a situación de confinamento e a imposibilidade de acceso aos lugares de traballo afecta a todo o persoal investigador, InvestiGal fai un chamamento á Consellería de Educación, Organismos Públicos de Investigación (OPIs), Fundacións, Reitorías e Vicerreitorías competentes para que, no exercicio das súas competencias e autonomía: 1) realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os Ministerios e 2) fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais. Consideramos que as prórrogas que se establezan deben comprender a todo o persoal investigador, sen exclusións.

Debido a que a situación de confinamento e a imposibilidade de acceso aos lugares de traballo afecta a todo o persoal investigador, InvestiGal fai un chamamento á Consellería de Educación, Organismos Públicos de Investigación (OPIs), Fundacións, Reitorías e Vicerreitorías competentes para que, no exercicio das súas competencias e autonomía: 1) realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os Ministerios e 2) fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais. Consideramos que as prórrogas que se establezan deben comprender a todo o persoal investigador, sen exclusións.

Referencias:


Presenza nos medios a fin de semana do 7-8 de marzo

Durante a fin de semana do 7 e 8 de marzo InvestiGal estivo presente nos medios de comunicación con sendas entrevistas a dúas persoas da Xunta de Representantes. Por unha banda, Zulema Varela denunciou a situación precaria das investigadoras e investigadores en Galicia nunha entrevista para Praza, dispoñíbel aquí. Ademais, salientou que “Hai moita xente que nestes anos de crise quedou sen nada e deixárona tirada. Xente de 40 ou 45 anos que chegou un momento que quedou sen saídas para continuar a súa carreira investigadora”. Por outra banda, Alejandro Vilar concedeu unha entrevista no programa A Vivir Galicia da Cadena SER, dispoñíbel aquí (a partir do minuto 42), co obxectivo de dar a coñecer InvestiGal á sociedade e tamén denunciar a situación de precariedade que vive o sector da investigación.

Nace InvestiGal – Rede Galega pola Investigación

Persoal investigador de toda Galicia únese pola dignificación do sector

Durante a mañá do día 29 de febreiro, fundouse InvestiGal – Rede Galega pola Investigación en Santiago de Compostela. Medio centenar de persoas provintes do sector investigador de toda a xeografía galega reuníronse no Centro Sociocultural O Ensanche para compartir inquedanzas sobre a precaria e inestable situación actual do I+D en Galicia e artellar un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador. InvestiGal nace coa vontade de aglutinar a pluralidade de perfís relacionados co sector (persoal investigador, técnico, xestor, docente) dos diversos centros de produción de coñecemento (universidades, centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións, etc.) que conviven no país. Após unha longa xornada de traballo e debate, establecéronse unha serie de liñas programáticas básicas. Entre elas cabe destacar a dignificación da carreira investigadora, a cal pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polos seus profesionais, o fomento da súa estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais. Tamén houbo acordo na defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos aos que se enfrontan as mulleres do sector.

O futuro da investigación galega non pode depender de quen ocupe a presidencia da Xunta, senón que é de vital importancia a existencia dun pacto social que aposte por situar o investimento en I+D+i en Galicia á par dos estándares europeos. Actualmente, Galicia só inviste neste sector o 0,94 % do seu PIB, mentres que a media europea sitúase no 3%. Ademais, a Rede condena a falta de vontade política e a nefasta xestión dos poucos recursos existentes, o que nos últimos anos provocou que Galicia só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación.

InvestiGal considera de máxima urxencia que o goberno galego supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país. Para iso, o colectivo exixe máis investimento, mellor xestión do mesmo, e regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación.

O nacemento de InvestiGal foi nova en diferentes medios