Un novo pacto pola ciencia

InvestiGal participou na elaboración do novo pacto pola ciencia, publicado o mércores 21 de xuño pola Coordinadora Marea Roja de la Investigación:

A continuación reproducimos o texto pacto, que podedes atopar integramente aquí e en varios idiomas:

Un novo pacto pola ciencia

Nos últimos anos púxose de manifesto o papel determinante da investigación científica na sociedade. A pandemia da COVID-19 e a emerxencia climática son dous exemplos de como a investigación científica supón un dos piares principais para afrontar a complexidade dos retos actuais. No plano lexislativo vimos algúns avances na incorporación de dereitos do persoal de investigación coa aprobación da reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación (LCTI), así como un incremento no presuposto de I+D+I impulsado polos fondos europeos Next-Generation EU. Porén, unha reforma parcial e unha inxección temporal de fondos non poden facer fronte ás necesarias transformacións pendentes no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SECTI). É o momento de establecer un novo pacto pola ciencia, centrándonos en catro alicerces fundamentais para a próxima lexislatura:

1) Estatuto do Persoal de Investigación

O sistema de xestión na ciencia debe escoitar ás persoas que a producen, ás persoas que fan a ciencia, a todo o persoal de investigación. Defendemos o modelo de ciencia que comeza na protección da súa base humana como o modelo mellor cohesionado, máis eficiente e máis innovador. Por este motivo, o inicio da transformación social dende a ciencia e a investigación debe situarse sobre as condicións laborais e os dereitos de todo o seu cadro de persoal. Seguindo o exemplo do que supuxo o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF) en 2019 para o colectivo predoutoral, precisamos dun Estatuto de Persoal de Investigación (EPI) que inclúa a todo o persoal investigador, técnico e de xestión en ciencia. Débense garantir dereitos mínimos en canto a retribucións, progresión na carreira científica e estabilización, entre outras cuestións. Esta garantía debe de ir acompañada por mudanzas que afecten a todo o persoal da Administración Xeral do Estado (AXE) como a creación dun grupo profesional M4 (correspondente ao nivel 4 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior) no convenio colectivo único para o personal laboral da AXE e a actualización das indemnizacións por razón de servizo (dietas).

2) Simplificación y eficiencia burocrática

Os acordos DORA e CoARA, aínda que apuntan na dirección correcta, resultan insuficientes para facer fronte á saturación burocrática. Resulta imperativo elaborarmos políticas activas de desconxestionamento, como, por outra parte, de simplificación e desaceleración de trámites administrativos e satisfacción de ránkings e métricas de productividade. Asuntos como a elaboración dun rexistro único para convocatorias de prazas de persoal docente e investigador en Universidades Públicas (artigo 86.1, Ley Orgánica do Sistema Universitario) e Organismos Públicos de Investigación ou o uso xeneralizado dun formato único de CV nas distintas convocatorias de contratos e proxectos están a prometerse dende hai moitos anos. Cos medios técnicos xa dispoñibles, non hai escusa para non levalo ao cabo. Tamén é fundamental que exista un calendario fixo para as convocatorias competitivas de proxectos e recursos humanos (como é o caso da Axencia Estatal de Investigación, pero non noutros organismos do SECTI) e, ante todo, que este calendario se cumpra rigurosamente, dotando ás axencias e demais organismos dos recursos (humanos e materiais) necesarios para elo. Do mesmo xeito, debe existir unha estabilidade e continuidade nos devanditos programas, que a día de hoxe poden ser moi volubles nos seus requisitos e demais características, se non o é xa a súa propia existencia. O exceso de burocracia innecesaria e mal planificada non só vai en detrimento da produtividade do persoal investigador, senón que é unha das tarefas que máis afectan á desmotivación, á saúde mental (burn out) e a un mal uso dos recursos públicos, xa que consume tempo de traballo duns e doutros profesionais nunha tarefa que se pode simplificar sen maior custo económico.

3) Ciencia responsable: transparencia, integridad, diversidad e coimplicación

Necesitamos dotármosnos de normas e protocolos claros e contundentes para rematar cos múltiples abusos de poder no SECTI, que van dende a prevaricación en concursos públicos ata o acoso sexual, pasando pola fraude científica. A crecente crítica e alarma mediática amosan a urxencia de acometer políticas que sancionen estas conductas e acaben coa impunidade actual. O recentemente nomeado Comité Español de Ética na Investigación debe ser dotado dos medios necesarios para asegurar esta función e non ser relegado a un organismo meramente consultivo e marxinal. A aposta por un sistema transparente que potencie a integridade na ciencia e investigación ten que vir complementada con outra aposta por transformar un sistema de ciencia baseado na competitividade, a excelencia e a singularidade meritocrática nun sistema basal constituído pola habitabilidade, a cooperación e a colaboración, a accesibilidade dos recursos e a promoción de todas as manifestacións da diversidade e inclusividade. Por unha banda, é necesario un compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM e nos postos de maior nivel, onde se produce unha maior desigualdade de xénero. Por outra banda, debemos impulsar unha ciencia inclusiva non só na diversidade sexual, senón tamén na diversidade funcional coa creación dun plan específico para a integración. Finalmente, a ciencia e a investigación xa non poden entenderse como leiras de coñecementos disxuntos nin como esferas illadas do social. Son necesarias convocatorias baseadas en accións/problemas, que integren o coñecemento local xunto ao académico, impulsando a colaboración interdisciplinar e a formación de ecosistemas de coñecementos (laboratorios de innovación pública e cidadá, ONGs, redes de persoas expertas). Resulta imperativo descentralizar as políticas de transferencia científica, estreitar as relacións entre as distintas áreas de investigación (STEM to STEAMS) e activar protocolos e alternativas de ciencia aberta.

4) Inversión del 3% del PIB en I+D+I

España arrastra un retraso histórico en inversión en I+D+I frente ao conxunto da Unión Europea, que á súa vez inviste pouco, en media e en relación ao PIB, fronte a outros países como os Estados Unidos, Xapón ou Corea do Sur. Esta lexislatura debe ser a que acade o 3% do PIB e unha taxa de execución do 90%, tanto en gasto non fiinanceiro coma gasto financeiro. Esta inversión mínima en I+D+I non pode seguir a ser unha promesa sen compromiso, senón que debe establecerse e publicarse unha memoria económica detallada e vinculante que asegure o cumprimento deste obxectivo. Soamente dende un modelo transparente e suxeito a un rigoroso seguimento poderemos asegurar a súa efectividade e evitar desviacións.

Ao garantizarmos dereitos laborais, simplificarmos burocracia, promovermos a responsabilidade na ciencia e aumentarmos a inversión en I+D+I, estaremos a construír un SECTI capaz de dignificar o traballo do persoal de investigación e beneficiar a toda a sociedade no seu conxunto.

A peregrinación á ANECA: como sobrevivir

O vindeiro martes 25 de abril ás 17:00h organizamos o coloquio “A peregrinación á ANECA: como sobrevivir”, no que contaremos coa presenza do Profesor Jesús Aboal Viñas (ex-membro da Comisión de Ciencias experimentais e Ciencias experimentais I) da ANECA (PEP) para aclarar todas as dúbidas relacionadas cos procesos de acreditación.

O evento será presencial na aula 04 da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Nel tamén contaremos coa presenza de compañeiras/os de InvestiGal que farán unha breve introdución e exporán as principais novidades da LOSU, que entra en vigor agora e trae cambios nas figuras existentes na universidade.

Será un evento aberto no que é fundamental a participación do público, así que convidámosvos a asistir e a enviar as vosas preguntas, consultas ou comentarios por adiantado a contacto@investi.gal.

Xornada práctica sobre a carreira investigadora na academia

Para empezar o ano sen perder comba, organizamos para o día 17 de xaneiro e de maneira online, esta xornada práctica sobre a carreira investigadora na academia. O noso obxectivo con esta xornada é chegar á audiencia máis nova (alumnado de grao, mestrado, ou persoas que están empezando o doutoramento) e proporcionarlles, cunha perspectiva práctica (baseada na experiencia das propias persoas implicadas), unha visión xeral da carreira investigadora, centrada na etapa predoutoral e nun elemento clave da mesma: o seu financiamento.

Xornada práctica sobre a carreira investigadora na academia

Jornadas Cultura Laboral en Investigación

As Jornadas Cultura Laboral en Investigación terán lugar o próximo mes de outubro de 2022 en tres sedes distintas (Santiago de Compostela, Valencia e Madrid) e desenvolveranse cun un formato híbrido, de xeito que se poderá asistir presencialmente ás actividades de cada sede, así como seguir as sesións telemáticamente via streaming. Tal e como se recolle na páxina web do evento:

“El principal objetivo de las jornadas J-CLI es formar un foro social crítico para dar a conocer los aspectos laborales y los derechos del sector de ciencia e investigación, así como favorecer la concienciación colectiva y ofrecer un canal de difusión e interacción de los distintos colectivos, asociaciones y plataformas que representan al personal de investigación. Las jornadas J-CLI son totalmente transversales y abiertas, dirigidas a los distintos profesionales que componen el tejido trabajador en la investigación.”

InvestiGal co-organiza, xunto coa Asemblea de Investigadoras de Compostela, as actividades presenciais que terán lugar o xoves 13 e o venres 14 de outubro no Centro de Formación da EDIUS (USC). Animámosvos a todas a consultar o programa de actividades da nosa sede e a rexistrarvos para asistir tanto presencialmente coma telematicamente.

Premio “Institución do ano” do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia organizou unha votación polo Día do/a Biólogo 2022 para escoller a Premiados/as e Membros de Honra en distintas categorías. Na categoría de Peme/Institución do ano houbo 4 candidaturas e escolléronse 2, unha polo 2020 e outra polo 2021, resultando InvestiGal unha das premiadas. Agradecemos sinceramente este recoñecemento que pon de manifesto a importante labor de tódalas persoas involucradas activamente en InvestiGal durante os xa máis de 2 anos de vida! Ademais, serve de pulo para continuar traballando en prol de mellorar a situación do sector da investigación en Galicia.

Queremos tamén darlle os parabéns ao resto dos premiados e o COBGA por este tipo de iniciativas que son una forma de chegar a máis sectores da sociedade.

Actualización 20/05/2022

Elena Lendoiro, presidenta de InvestiGal, e Zulema Varela, tesoureira e coordinadora do GdT de Medios, acudiron o pasado venres 13 de maio a un acto que tivo lugar no no Pazo de Adrán para recoller o premio.

2ª aniversario de InvestiGal

O pasado 29 de febreiro cumprimos 2 anos de vida!! 🎂🥳 E para celebralo fixemos este pequeno vídeo no que repasamos a curta pero intensa traxectoria de InvestiGal: propostas, divulgación, igualdade, xornadas, etc. Levamos moito conseguido, pero queremos que sexa aínda máis e para iso precisamos do voso apoio e participación.

Xornadas “Doutoramento: hai vida fóra da Universidade?”

InvestiGal organiza un ciclo de xornadas titulado “Doutoramento: hai vida fóra da Universidade?”, no que diversos actores falarán de oportunidades para traballar en investigación e ciencia no sector privado. Teremos a oportunidade de coñecer a experiencia de persoas que tras o doutoramento deixaron a academia para traballar no sector privado, así como das empresas que contan con estes perfís profesionais entre o seu persoal. Esta actividade conta ca participación de AIMEN, CEAMSA, Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial Das Ciencias Da Vida), e Hifas da Terra.

Cando e onde?

As xornadas terán lugar os martes 11, 18 e 25 de xaneiro de 19:30h a 20:30h. A ligazón para acceder ás xornadas en liña é a seguinte: https://i.gal/xornadas-xaneiro

Programa e poñentes

Martes 11 de xaneiro

  • 19.30 – 19.45. Jade Irisarri. Doutora en bioloxía e Responsable Regulatory & Seg. Alimentaria de Pescanova.
  • 19.45 – 20.00. Francisco Gontad. Doutor en Física Aplicada e investigador senior no grupo de microprocesado láser en AIMEN.
  • 20.00 – 20.15. Andrea Fernández. Bióloga e doutora traballadora de Ceamsa e tamén traballadora por conta propia en Amalgamasilvestre.
  • 20.15 – 20. 30. Francisco Alonso. Arqueólogo en Tempos Arqueólogos.

Martes 18 de xaneiro

  • 19.30 – 19.45. Miguel Vieito. Avogado en exercicio, especializado en Dereito e Saúde e Dereito Anti-discriminatorio. É ademais mediador e experto en bioética, sendo vogal, entre outros órganos, do Consello Galego de Bioética
  • 19.45 – 20.00. Fernando Pérez. Enxeñeiro forestal, doutor e traballador na empresa Föra Forest Technologies.
  • 20.00 – 20.15. Julio Martínez. Representante do Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial Das Ciencias Da Vida).
  • 20.15 – 20. 30. Diego Alberto Fernández. Biólogo e doutor traballador en Hifas da Terra.

Martes 25 de xaneiro

  • 19.30 – 19.45. Tamara Delgado. Doutora en procesado de materiales con láser. Actualmente traballa en AIMEN.
  • 19.45 – 20.00. Elena Santidrian. Veterinaria e traballadora nunha empresa de terapia xénica en Amsterdam.
  • 20.00 – 20.15. Brais Romero. Xornalista cultural e programador de cinema, foi director da revista de cine A Cuarta Parede.
  • 20.15 – 20. 30. Ambroise Vandewynckele. Coordinador de procesos de fabricación avanzada en AIMEN.

Vídeos das xornadas

Martes 18 de xaneiro

Martes 25 de xaneiro

Participación nas IV Xornadas “A Luz da Ciencia”

Entre o 13 e 15 de xaneiro de 2022 tiveron lugar as IV Xornadas “A Luz da Ciencia” no Pazo de Mariñán. Dende InvestiGal tivemos a oportunidade de estar representadas por María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García e Zulema Varela Río, investigadoras e socias de InvestiGal desde o seu nacemento, quen participaron na segunda sesión sobre “Ciencia, investigación e xénero”. Nesta intervención, que podedes ver integramente en YouTube, falaron a Lei Ángeles Alvariño e fixeron unha análise da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación científica.

InvestiGal comparece na subcomisión relativa ao desenvolvemento do Pacto pola Ciencia e a Innovación e o Estudo e Análise da Modificación da Lei da Ciencia

InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, foi citada a comparecer na Subcomisión relativa ao desenvolvemento do Pacto pola Ciencia e a Innovación e o Estudo e Análise da Modificación da Lei da Ciencia, creada no seo da Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades do Congreso dos  Deputados.

Dita comparecencia terá lugar o mércores 6 de octubre de 2021 ás 17:30h na sesión que se celebrará a partir das 16:00 horas. As representantes de InvestiGal nesta comparecencia serán Zulema Varela, actualmente tesoreira da asociación e investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela, e Vanessa Valdiglesias, investigadora Beatriz Galindo da Universidade da Coruña.

Como vimos denunciando desde a nosa creación en febreiro de 2020, a carreira investigadora é cada vez máis complicada debido á falta de investimento e de políticas firmes de retención e captación de talento, que en última instancia se traducen nunha fuga de cerebros constante e nun sistema de I+D+i débil. Esta fuga de cerebros supón, ademais dunha perda moi importante de recursos humanos, a perda do investimento de diñeiro público realizado en formar a centos de investigadoras e investigadores. Por outra banda, este investimento continúa a ser moi reducido, pois de acordo cos últimos datos oficiais (ano 2019), España só inviste o 1,24% do seu PIB en I+D+i, cando a media europea é do 2,11%. Unha cifra que aínda se fai máis pequena se temos en conta que o obxectivo do Horizonte 2020 era chegar ao 3%.

Nesta comparecencia presentaremos algunhas propostas que cremos que poden mellorar o noso sistema de I+D+i, pois cremos que as reformas das leis da ciencia e de universidades deben ser un punto de inflexión e preséntanse como unha boa oportunidade para atallar a meirande parte dos problemas que ten o sistema de I+D+i español. O principal cambio debe ser unha nova mentalidade que aposte realmente polo I+D+i como motor económico e social, comezando por definir unha carreira investigadora para todos os ámbitos (tecnólogos, persoal técnico de apoio, persoal xestor, investigadores do Sistema Nacional de Saúde, e persoal de investigación en OPIs e universidades) que garanta unha estabilización a medio prazo.

InvestiGal convoca unha concentración o xoves 15 de abril ás 18:00h na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para protestar contra a reforma da Lei de Ciencia

  • O Consello de Ministros aprobou o 31 de marzo o proxecto de reforma da Lei de Ciencia 14/2011, que non atende as demandas históricas do colectivo investigador e perpetuará a precariedade do mesmo.
  • Consideramos que a reforma non fará máis que perpetuar a precariedade existente, pois non garante a estabilización do persoal investigador de calquera ámbito nin o pleno dereito laboral desde o comezo da carreira investigadora. 
  • A concentración súmase as convocadas para a mesma tarde do xoves por outros colectivos investigadores en distintas cidades coma Sevilla, Barcelona, Valencia ou Madrid.

A Rede Galega pola Investigación – InvestiGal convoca unha concentración en contra da reforma da Lei da Ciencia 14/2011 o próximo xoves día 15 de abril ás 18:00h. Dita concentración terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e súmase ás convocadas en outras cidades (Madrid, Valencia, Sevilla, etc.) por outros colectivos investigadores, incluíndo á Coordinadora Marea Roja de la Investigación á que tamén pertence InvestiGal.

Precisamente a Coordinadora Marea Roja de la Investigación publicou hai uns días un resumo dos principais cambios que esta reforma pretende introducir. Unha das modificacións estrela é a introdución da figura Tenure Track, co obxectivo de crear unha carreira máis atractiva, ordenada e estable, que reduza a idade media de entrada. Este novo programa aparece xunto á extinción da figura de Científico Titular de Organismos Públicos de Investigación (OPIs), de xeito que coa nova lei serán sustituidos postos de funcionarios por prazas de persoal fixo laboral, con moita menos independencia e unha importante redución dos dereitos laborais (complementos por antiguidade, etc.). Basicamente, o que se propón na reforma é a fusión dos actuais contratos Ramón y Cajal, que dan lugar a postos estables (nalgúns casos) de Científico/a Titular en OPIs ou Contratado/a Doutor en universidades tras obter a avaliación positiva no programa I3, nun único contrato laboral con cláusulas de despido e menos dereitos.

As análises feitas por distintos colectivos sinalan que a reforma non garante a estabilización do persoal investigador xa que a oferta dos contratos Tenure Track segue condicionada a cada Oferta Pública de Emprego, quedando a contratación en maos dos centros de destino e dun comité de expertos. Ademais, o Ministerio de Traballo recoñeceu que o novo contrato “non resolve as necesidades de estabilización da gran bolsa de persoal investigador precario de larga duración existente hoxe en día no sistema de investigación” e plantexa dúbidas legais e xurídicas relativas a súa implantación. En resumo, preténdese a substitución do sistema actual, que xa define unha carreira ordenada, por outro con menos dereitos, máis precariedade, e sin compromiso de aumento do investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente.

Outro aspecto importante e negativo da reforma é que non recoñece a carreira investigadora de todas as escalas e sectores da investigación. En primeiro lugar, elimina a única forma de promoción interna que agora mesmo existe para o persoal técnico de investigación de OPIs, ponte entre a escala técnica e científica. Ademais, a modificación da lei volve a esquecerse deste persoal, xa que unha década despois de súa aprobación, continua sen desenvolverse a escala de Tecnólogo de OPI que aparece no artigo 29 de dita lei. E en segundo lugar, a reforma esquece completamente os investigadores hospitalarios que desenvolven a súa actividade nos centros do Sistema Nacional de Saúde, que actualmente carecen de carreira profesional, e que esta reforma tampouco desenvolve, deixándoos de novo nun limbo laboral. Faltando ó compromiso adquirido no Eixo 1 do Plan de Choque para a Ciencia e a Innovación, presentado polo presidente do Goberno en Xulio de 2020. En Euskadi ou na Comunitat Valenciana estabilizarónse a este tipo de traballadores como investigadores estatutarios, que é o que marca a Lei de Investigación Biomédica. Pedimos que isto se faga extensivo ó resto do estado.

Finalmente, seguen sen incluírse os compromisos adquiridos cos colectivos de investigación predoutorais (coma dereito á indemnización por finalización de contrato) nin as urxentes necesidades nas etapas postdoutorais (estatuto de investigadores postdoctorales e unificación de salarios).

E por todos estes motivos, o día 15 sairemos as rúas para dicir:

  • Non a unha modificación da Lei da Ciencia que non resolve os problemas do envellecemento e precariedade das traballadoras da investigación.
  • Non a unha modificación da Lei da Ciencia que nega os dereitos laborais ó persoal da      investigación.
  • Non a unha modificación da Lei da Ciencia que non recoñece a carreira profesional para o conxunto de escalas e sectores da ciencia.

Todas as entidades que convocan estas concentracións solicitan ó Goberno do Estado incluir dentro deste proxecto de reforma todos os dereiros e garantías laborais que deben acompañar á contratación pública en todas as escalas de investigación, e abrir unha mesa de negociación con todos os axentes sociais involucrados e os ministerios afectados con fin de redactar unha nova lei, actualizada en fondo e forma coas necesidades históricas de noso colectivo.

Desde InvestiGal animamos a toda a cidadanía a sumarse a concentración do vindeiro xoves 15 de abril para demostrar o seu apoio ao persoal investigador, nun momento no que está demostrado que o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación é fundamental para superar calquera tipo de crise.