Consideracións a respecto da convocatoria Predoutoral Xunta 2026

Introdución

A análise da convocatoria predoutoral da Xunta de Galicia para o ano 2026 revela unha continuidade nas carencias estructurais do sistema investigador galego. Malia as puntuais melloras acadadas tras o sinalamento público de distintas eivas —como a ausencia de listas de espera, posteriormente incorporadas na convocatoria de 2025—, detectamos aspectos que poñen de manifesto dificultades de acceso, falta de adaptación á diversidade de perfís e á investigación básica e un peso crecente de criterios alleos á avaliación científica. Neste contexto, considérase necesario revisar detidamente os puntos que están a xerar preocupación entre os/as candidatos/as a investigadores predoutorais.

Sen ciencia non hai futuro, e sen predoutorais non hai ciencia.

1. Requisitos de acceso e comparación entre modalidade académica e industrial.

1.1. Matrículas no programa de doutoramento antes de contar cun contrato e diferenzas coa modalidade de Doutoramento Industrial.

A convocatoria mantén a obriga de formalizar a matrícula nun programa de doutoramento para acceder á convocatoria, unha esixencia que desde Investigal consideramos que precariza a carreira investigadora desde o seu primeiro chanzo ao obrigar a tomar decisións académicas sen garantías de financiamento. Aínda que a nova convocatoria permite constar a tempo parcial ata a o momento da sinatura do contrato, esta suposta flexibilización ten un impacto real moi limitado e un carácter puramente formal, xa que os procedementos e prazos administrativos das distintas universidades do SUG non sempre permiten realizar a modificación de dedicación entre a publicación da resolución e a sinatura efectiva.

Así, a petición tradicional do sector investigador –e que xa conta con precedentes máis xustos e factibles como o modelo da convocatoria do ano 2022- é que se permita concorrer cumprindo unicamente cos requisitos de acceso tal e como se fai actualmente para o caso dos Doutoramentos Industriais.

2. Modelo de selección e peso do expediente académico

2.1 Nota mínima de acceso.

O modelo de selección proposto pola Xunta para 2026 afonda nunha visión reducionista que prioriza a burocracia sobre o potencial científico, convertendo o expediente académico nun filtro case absoluto. Mantense a esixencia dunha nota media mínima de 7,5 —ou 7 en Enxeñaría e Arquitectura—, un requisito que lonxe de asegurar a excelencia, funciona como unha ferramenta administrativa para limitar a participación e reducir a carga de traballo da administración á conta de excluír traxectorias investigadoras altamente competitivas que non acadan ese limiar por motivos diversos. Esta tendencia vese agravada pola recente modificación das FPU de xaneiro de 2026, onde a nota media chega a absorber ata 80 puntos da avaliación, deixando os 20 restantes supeditados a informes internos da comisión académica. Deste xeito, a capacidade de valorar perfís con traxectorias non lineais, interrupcións ou actividades complementarias desaparece en favor dun sistema que só mide o rendemento académico previo e o “visto bo” administrativo.

2.2 Retirada formal da esixencia de título de mestrado.

No que respecta á titulación de acceso, a eliminación da obriga de posuír o título de mestrado resulta ser unha manobra puramente cosmética, xa que o requisito de estar matriculada nun programa de doutoramento segue operando como un filtro indirecto que non se adapta á diversidade real de posgraos, como os de 90 créditos. Este corte ignora a natureza heteroxénea do persoal investigador, que inclúe desde candidaturas internacionais ata persoas que compatibilizan a formación co emprego ou que tiveron que interromper a súa carreira.

2.3 Conveniencia de non establecer un límite temporal á titulación de acceso.

A todo o anterior súmaselle a ineficacia de establecer límites temporais ríxidos, que para 2026 se fixa no 1 de xaneiro de 2022 para a obtención do título de acceso. A existencia dunha data “limite” responde máis a tempos administrativos que ao momento real de madurez investigadora; por iso, desde Investigal defendemos un sistema orientado ao talento e á calidade que permita o acceso independentemente da data de obtención do título, sempre que se conte cun proxecto sólido, viable e recoñecido dentro do marco académico correspondente.

3. Diferenzas económicas: doutoramentos clásicos vs doutoramentos industriais

Existe unha fenda económica evidente entre os doutoramentos clásicos e os industriais na convocatoria de 2026 que consolida un desequilibrio estrutural preocupante no sistema galego. Malia que ambas modalidades comparten o mesmo financiamento para seguros e estadías internacionais —cun máximo de 6.000 €—, a vía industrial goza de vantaxes que a universitaria ignora por completo: partidas adicionais de ata 5.000 € anuais para gastos directos como viaxes, equipamento ou software, e unha inxección de ata 10.000 € ao ano para que a universidade cubra custos de matrícula, supervisión e infraestrutura. Esta falta de equidade resulta especialmente crítica para aquelas liñas de investigación sen financiamento específico que dependen de fondos basais universitarios a miúdo insuficientes, xerando unha investigación de dúas velocidades onde a modalidade académica queda relegada a unha precariedade material que dificulta a súa competitividade e desenvolvemento.

4. Focalización da avaliación no expediente.

A focalización excesiva no expediente académico, sumada a cambios formais sen aplicación real que condicionan o acceso segundo o número de créditos do mestrado, converte a convocatoria nunha ferramenta burocrática que premia o rendemento pasado en lugar de captar talento investigador potencial. O sistema actual transforma o proceso nun simple recoñecemento do rendemento académico previo, ignorando que a nota media está condicionada por múltiples factores socioeconómicos e non captura aspectos esenciais como a motivación ou as habilidades específicas necesarias para a ciencia. Ao promover un modelo uniforme, a Xunta prexudica a diversidade de perfís que require a actividade científica colaborativa, deixando fóra de calquera valoración a participación en divulgación, a formación complementaria ou a adecuación do proxecto.

Aínda que existe un debate necesario sobre se se debe valorar a experiencia investigadora previa nun contrato de iniciación para non favorecer a quen provén de grupos de elite, a realidade é que os únicos méritos ponderados actualmente —o coñecemento de idiomas e as bolsas de colaboración— están fortemente correlacionados coa propia nota media, reforzando o sesgo do expediente. Dende Investigal consideramos que, sen converter a convocatoria nunha competición de currículos senior, sería desexable un modelo máis equilibrado e multidimensional que reserve unha pequena porcentaxe para outros méritos como contribucións puntuais en congresos ou formación específica, permitindo así que a excelencia investigadora non se reduza exclusivamente a unha cifra académica.

5. Avaliación do proxecto de tese e adecuación á RIS3

A deriva na avaliación dos proxectos de tese supón un dos retrocesos máis graves na calidade da convocatoria. Ata 2022, o sistema contaba cunha avaliación científica real, onde persoal experto externo ao SUG e a ACSUG asignaban ata 20 puntos á calidade e viabilidade do proxecto (metodoloxía, rigor e planificación) e ata 15 á súa adecuación estratéxica. Porén, dende 2023, eliminouse calquera valoración sobre a calidade científica do proxecto, reducindo este apartado a un máximo de 10 puntos centrados exclusivamente na adecuación á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3 Galicia 2021-2027).

Este cambio implica que a avaliación deixou de ser un proceso netamente científico para converterse nun mero trámite de encaixe administrativo coas liñas da RIS3. Esta situación penaliza gravemente á investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento, que pode recibir automaticamente 0 puntos por non estar orientada a unha transferencia inmediata.

Ademais, desde Investigal denunciamos a desvinculación progresiva entre o proceso de avaliación e a especialización disciplinar. A responsabilidade da valoración pasou de expertos científicos a órganos cunha composición maioritariamente administrativa, como o Grupo Técnico da Comisión Interdepartamental de I+D+i e, finalmente en 2026, á Área de Estratexias e Programas da GAIN. Esta mudanza nos órganos avaliadores limita a correspondencia entre a revisión dos proxectos e o rigor académico que require unha etapa tan crítica como o inicio da carreira investigadora.

6. Falta de transparencia: ausencia de adxudicación provisional.

A falta de transparencia no proceso de resolución constitúe outro dos puntos críticos da convocatoria de 2026. Actualmente, a proposta de resolución carece de efectos administrativos e non é recorrible, o que deriva nunha publicación directa da resolución definitiva no DOG. Desde Investigal sinalamos que esta dinámica limita significativamente a capacidade de revisión e a corrección de posibles erros materiais antes do peche do proceso.

Esta ausencia dunha adxudicación provisional sitúa ás persoas solicitantes nunha posición de menor capacidade de resposta e garantías fronte a posibles incidencias na baremación. Nun proceso de concorrencia competitiva tan esixente, a transparencia debería ser o piar fundamental para evitar que calquera fallo administrativo ou de interpretación técnica resulte irreversible para o futuro das investigadoras e investigadores.

7. Incentivos simbólicos: prima pola defensa da tese

A introdución dun incentivo económico de 1.000 € pola defensa da tese dentro dos catro anos de contrato preséntase como unha novidade que, desde Investigal, recibimos con escepticismo. Consideramos que a utilización de fondos públicos para este tipo de primas simbólicas non aborda os problemas estruturais de precariedade nin contribúe de xeito efectivo ao fortalecemento da saúde da convocatoria.

8. Cambios económicos introducidos en 2026

A actualización económica da convocatoria de 2026 introduce cambios nas contías por anualidade, reflectindo un incremento nominal que, na práctica, segue a ser insuficiente. Aínda que as cifras aumentan —pasando de 24.000 € a 24.600 € nos dous primeiros anos, e ata os 30.600 € no cuarto ano—, este axuste non compensa a perda acumulada de poder adquisitivo nin se harmoniza coa evolución do IPC en Galicia dende 2021 (Táboa 1). É importante subliñar que estas contías representan o custo total da axuda para o financiamento dos contratos e custos sociais, polo que non deben confundirse co salario neto percibido pola persoa investigadora.

Táboa 1. Actualización das contías na convocatoria do 2026.


Convocatoria 2025Convocatoria 2026
Ano 124.000 €24.600 €
Ano 224.000 €24.600 €
Ano 324.000 €25.200 €
Ano 429.000 €30.600 €
Orientación posdoutoral30.000 €31.500 €

Ademais deste incremento nas anualidades, a convocatoria incorpora unha axuda específica de 3.500 € para cubrir a indemnización por extinción do contrato, o que supón un lixeiro aumento respecto aos 3.400 € anteriores. Porén, desde Investigal alertamos sobre a introdución da prorrata mensual, un mecanismo que axusta o financiamento real ao número de meses de contrato efectivos. Esta medida blinda o gasto da administración e deixa aberta a porta a que calquera atraso ou desaxuste no calendario administrativo repercuta directamente nunha diminución do financiamento real percibido. Como punto positivo, elimínase a obriga de permanecer un mínimo de tres meses no programa para que o contrato sexa financiable, eliminando un filtro que podía penalizar ás persoas investigadoras por causas alleas á súa vontade.

Sobre as modificacións das bases da convocatoria das axudas para a Formación de Profesorado Universitario (FPU)

A recente modificación na normativa da convocatoria das axudas FPU, que elimina por completo a avaliación da traxectoria académica e profesional das persoas candidatas, supón un cambio preocupante e prexudicial para o obxectivo de fomentar a excelencia e garantir a equidade no acceso ao sistema científico na súa etapa base: a predoutoral.

Vénse de publicar a convocatoria do ano 2024 para estas axudas, perante á que InvestiGal recollemos con preocupación os segui  ntes puntos:

  1. Por un lado, a chegada xa no ano 2025 da convocatoria supón un atraso inaceptábel de cara ás encomendas para o ecosistema investigador: novamente descoñecemento e invertidume marcan esta etapa, empeorando o contexto de marxes temporais, lugar ou institución para a realización da tese ou sustento vital. Descoñecer implica non pode planificar esta etapa, desde o punto de vista administrativo, científico ou vital.
  2. Por outro, a eliminación da avaliación da traxectoria académica ou profesional implica un retroceso na democratización destas axudas, xa que representa
    1. Unha redución da diversidade de méritos avaliables
      A limitación do sistema de avaliación ao expediente académico restrinxe a capacidade de valorar aspectos que son fundamentais para identificar talento e potencial investigador, como os premios académicos recoñecidos, participacións ou comunicacións en congresos ou proxectos de investigación mediante bolsas de colaboración. Tamén se ignoran a participación en programas de iniciación á investigación, a realización de prácticas extracurriculares ou cursos de formación en técnicas ou de temática investigadora así como estadías erasmus. Ademais de aspectos como a competencia en idiomas, fundamental para calquera actividade investigadora, debería ser tida en conta.
    2. A desincentivación do esforzo investigador previo
      A eliminación do recoñecemento ás publicacións científicas, participacións en congresos ou logros en convocatorias competitivas mina a motivación das persoas candidatas para implicarse en actividades de investigación e divulgación durante a súa formación universitaria, actividades que enriquecen enormemente o panorama científico e profesional.
    3. Unha inequidade de facto na valoración
      Este novo criterio penaliza aquelas persoas candidatas que, aínda que teñen expedientes académicos bos ou notables, destacan especialmente polo seu labor investigador previo. A investigación require competencias e habilidades que non se reflicten unicamente no expediente académico, como a capacidade crítica, a innovación ou a proactividade, que quedarán agora invisibilizadas.
    4. Un impacto negativo na calidade da selección
      Ao deixar de valorar méritos relacionados coa experiencia profesional e investigadora, pérdese a oportunidade de seleccionar persoas con perfís máis completos e diversos, o que pode comprometer a calidade e o impacto do sistema investigador no futuro.
    5. A ausencia dunha avaliación científica externa do proxecto
      Con este novo modelo, a avaliación do proxecto recae nos propios departamentos, resultando máis equitativo un proceso de avaliación vía comisión externa. Agora, no ámbito dos departamentos existe o risco de uniformidade nas puntuacións ou de favorecer as prioridades e o grao de consolidación das IPs.
    6. En definitiva, o fomento da desigualdade
      Este novo enfoque beneficia especialmente a estudantes que, por circunstancias privilexiadas, puideron centrarse exclusivamente no rendemento académico, sen ter que compatibilizalo con actividades de divulgación, investigación ou traballo. Isto supón un obstáculo para as persoas candidatas que, por motivos socioeconómicos ou persoais, se viron obrigadas a diversificar os seus esforzos.
  3. Finalmente, co argumento do aumento de retribución, redúcense o número de contratos. O problema base arredor do sistema científico continúa sendo o financiamento: a pesar do suposto aumento de partidas, como en outras convocatorias, observamos unha reducción do número de prazas, 50 menos có ano anterior, e polo tanto, de oportunidades.

Así, o conxunto de cambios e tendencias nestas e noutras convocatorias, lonxe de solucionar, agrava eixos centrais das reivindicacións investigadoras: a incertidume e o impacto negativo na carreira investigadora
Os constantes cambios nas bases das convocatorias, como o que agora nos ocupa, xeran unha importante incerteza para as persoas candidatas e para o conxunto do sistema investigador. Estes cambios abruptos e sen previsión suficiente dificultan a planificación da traxectoria profesional e investigadora, minando a confianza na estabilidade das políticas públicas e desincentivando a aposta pola investigación como unha carreira a longo prazo.

A diversidade de méritos debe seguir sendo un dos piares fundamentais para garantir un acceso máis xusto ao sistema investigador e tao mesmo tempo impulsar a excelencia. As convocatorias públicas deben promover un modelo xusto e equitativo que recoñeza a pluralidade de achegas ao coñecemento, sen reducir a avaliación a un único indicador que non reflicte, en moitos casos, a calidade e o potencial das futuras xeracións de investigadoras e investigadores. Desde InvestiGal observamos con preocupación como a maioría dos cambios por parte das institucións poñen o foco do debate na excelencia académica como base da mellora do sistema investigador, no entando, nós temos claro que o maior problema é a falta de financiación: a innovación non nace dun perfil concreto, senón da diversidade e dunha estabilidade que permitan avanzar na carreira sen obstáculos.

Reflexión sobre a retención e o retorno

En Galiza, temos unha oportunidade histórica para transformar o noso sistema de investigación e converter o talento da nosa xente investigadora no motor do progreso. As iniciativas de retorno, como as axudas de GAIN que levan investidos 14 millóns de euros, son un paso valioso para recuperar a aqueles que tiveron que marchar, pero o verdadeiro desafío é crear as condicións para que podan quedarse e medrar aquí.

Traer de volta aos nosos investigadores/as é unha declaración de confianza no seu talento e na súa capacidade para contribuír ao desenvolvemento do país. Agora, é o momento de ir máis aló: construír un sistema de investigación sólido, que ofreza oportunidades reais, estabilidade e apoio continuo. Galiza pode ser un referente en ciencia, demostrando que aquí tamén é posible innovar, investigar e avanzar ao máis alto nivel.

Estas axudas son moito máis ca un retorno; son o primeiro paso para recuperar o potencial dunha xeración brillante e sentar as bases dun futuro próspero. Co esforzo colectivo das institucións, as empresas e a sociedade, podemos facer que Galiza sexa non só un lugar para volver, senón un lugar para quedar, crear e triunfar.

Porque apostar pola nosa xente investigadora é apostar polo futuro de todos nós.

Deixamos algunhas novas recentes sobre este asunto:

Boas entradas en 2025!

Comunidade de InvestiGal en WhatsApp

Tal e como acordamos na última asemblea e vos anunciamos antes do verán, xa temos dispoñible a comunidade de WhatsApp de InvestiGal. O noso obxectivo sempre é mellorar a comunicación entre as socias e que haxa máis interacción. Pensamos que isto non se estaba conseguindo por medio Discord, e de aí a mudanza a WhatsApp. Por tanto, a partir de agora as canles para comunicarnos entre nós serán o WhatsApp e o chat de Telegram, así como as nosas RRSS.

Para unirvos á comunidade debedes solicitalo na ligazón recibida por correo e verificaremos se xa sodes socias ou socios de InvestiGal, requisito indispensable para estar na comunidade.

A continuación deixámosvos as normas básicas do funcionamento da comunidade:

  • Esta é unha comunidade para socias e socios de InvestiGal. Lembra que non podes engadir a ninguén a comunidade. Iso é tarefa d@s administrador@s.
  • A comunidade conta cun Taboleiro de anuncios onde informaremos de todas as nosas accións, actos etc.
  • Tamén consta de diversos Grupos de traballo, onde se dividen os diferentes espazos de traballo da asociación (xénero, predoutorais etc), e un Grupo Xeral que pode ser usado como chat xeral. Por favor, respecta a temática de cada un e segue as normas habituais: non abusar de maiúsculas, non asolagar con moitas mensaxes ou moito texto de seguido, non poñer ligazóns a sitios maliciosos, etc.
  •  O grupo da coordinadora é de uso exclusivo para a xunta de representantes e coordinador@s dos grupos.

4º aniversario de InvestiGal

Hoxe celebramos o noso 4º aniversario!

InvestiGal naceu un 29 de febreiro de 2020 e para conmemoralo publicamos a infografía que podedes descargar aquí e que repasa algúns dos momentos máis relevantes na nosa breve e intensa traxectoria.

Grazas polo voso apoio, traballo e ánimos, seguiremos traballando en prol do sector da investigación en Galicia.

Propostas de InvestiGal de cara as eleccións ao Parlamento de Galicia 2024

O vindeiro 18 de febreiro celébranse as eleccións ao Parlamento de Galicia. Dende InvestiGal, pensamos que o futuro de Galicia depende en boa medida de que sexamos quen de realizar un cambio de estratexia respecto ao modo en que entendemos e xestionamos a investigación en Galicia e que nos leve a poñer en valor a nosa profesión e a construír unha sociedade do coñecemento.

Financiamento. O investimento de Galicia en I+D+i é do ~1,1%, lonxe do de España (~1,45%) e o da media europea (~2,3%). Investir en I+D+i é un “bo negocio” xa que estas actividades xeran un retorno económico situado arredor do 20% do investimento [1] e por cada 1€ invertido un retorno de 2,50€ [2].

  • Desde InvestiGal vemos totalmente primordial aumentar o investimento no noso sector e que isto se faga de xeito estábel ao longo do tempo e non dependa das eivas duns gobernos ou outros.
  • Implantación dun financiamento basal aos grupos de investigación con independencia do centro ou organismo ao que pertenzan e baseado na transparencia, equidade e produtividade.

Carreira científica. Debemos profesionalizar ao persoal investigador e definir a carreira investigadora. É importante destacar que a fuga de investigadores/as na etapa intermedia ou final da carreira investigadora adoita ser común. Isto supón a perda de toda a inversión pública realizada para a súa formación, cuantificada en máis de 500.000€/investigador [3].

  • Definición e apoio para unha carreira científica profesional definida e integral.
  • Deseño dun programa forte de retención, captación e retorno de talento. 
  • Elaboración dun plan de atracción de talento, similar aos programas ICREA ou IKERBASQUE, no que se abordará de maneira específica o retorno de investigadores/as altamente productivos/as que están a desempeñar a súa función fora de Galicia. Establecer contratacións a longo prazo, atractivas e competitivas.
  • Elaboración dun sistema de avaliación que prime a calidade e traxectoria global e incorpore expertos/as independentes.
  • Posibilidade de estabilización do persoal científico e técnico.

Administrativo e lexislativo. A fragmentación dos organismos que xestionan o I+D+i galego, dividido en tres consellerías (educación, sanidade, industria…), supón atrasos e falta de homoxeneización na burocracia.

  • En InvestiGal consideramos que é fundamental a creación dunha Conselleria de Investigación, Innovacion e Universidades, de xeito que agrupe, administre e xestione o investimento en I+D+i.
  • Pacto Galego pola Investigación. Completo e dotado de contido real e compromisos vinculantes, e transversal ao estar referendado por toda a representación parlamentaria.
  • Compromiso de manter e respetar o ocalendario de Axudas e Programas con datas constantes tanto de publicación da convocatoria coma de resolución que permitan ao personal investigador e técnico organizar as súas vidas persoais e profesionais. 

Perspectiva de xénero na ciencia. A brecha de xénero, a conciliación familiar e a igualdade son problemas que deben ser atallados.

  • Medidas para evitar o abandono das mulleres nas etapas pre e posdoutoral.
  • Non penalizar a maternidade e parternidade, lactancia, enfermidade ou coidado de persoas dependentes.
  • Medidas para romper o teito de cristal e promover a presencia feminina en tódolos ambitos da ciencia e en tódalas etapas da carreira científica profesional.
  • Seguimento da lei Angeles Alvariño.

REFERENCIAS:

  1. https://sciencebusiness.net/system/files/reports/Why-fund-research_.pdf
  2. https://cadenaser.com/asturias/2023/05/08/las-matematicas-de-la-investigacion-cada-euro-invertido-en-idi-genera-25-de-retorno-radio-asturias/ 
  3. https://theconversation.com/cuanto-cuesta-formar-a-un-investigador-en-espana-demasiado-como-para-perderlo-130314

Un novo pacto pola ciencia

InvestiGal participou na elaboración do novo pacto pola ciencia, publicado o mércores 21 de xuño pola Coordinadora Marea Roja de la Investigación:

A continuación reproducimos o texto pacto, que podedes atopar integramente aquí e en varios idiomas:

Un novo pacto pola ciencia

Nos últimos anos púxose de manifesto o papel determinante da investigación científica na sociedade. A pandemia da COVID-19 e a emerxencia climática son dous exemplos de como a investigación científica supón un dos piares principais para afrontar a complexidade dos retos actuais. No plano lexislativo vimos algúns avances na incorporación de dereitos do persoal de investigación coa aprobación da reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación (LCTI), así como un incremento no presuposto de I+D+I impulsado polos fondos europeos Next-Generation EU. Porén, unha reforma parcial e unha inxección temporal de fondos non poden facer fronte ás necesarias transformacións pendentes no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SECTI). É o momento de establecer un novo pacto pola ciencia, centrándonos en catro alicerces fundamentais para a próxima lexislatura:

1) Estatuto do Persoal de Investigación

O sistema de xestión na ciencia debe escoitar ás persoas que a producen, ás persoas que fan a ciencia, a todo o persoal de investigación. Defendemos o modelo de ciencia que comeza na protección da súa base humana como o modelo mellor cohesionado, máis eficiente e máis innovador. Por este motivo, o inicio da transformación social dende a ciencia e a investigación debe situarse sobre as condicións laborais e os dereitos de todo o seu cadro de persoal. Seguindo o exemplo do que supuxo o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF) en 2019 para o colectivo predoutoral, precisamos dun Estatuto de Persoal de Investigación (EPI) que inclúa a todo o persoal investigador, técnico e de xestión en ciencia. Débense garantir dereitos mínimos en canto a retribucións, progresión na carreira científica e estabilización, entre outras cuestións. Esta garantía debe de ir acompañada por mudanzas que afecten a todo o persoal da Administración Xeral do Estado (AXE) como a creación dun grupo profesional M4 (correspondente ao nivel 4 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior) no convenio colectivo único para o personal laboral da AXE e a actualización das indemnizacións por razón de servizo (dietas).

2) Simplificación y eficiencia burocrática

Os acordos DORA e CoARA, aínda que apuntan na dirección correcta, resultan insuficientes para facer fronte á saturación burocrática. Resulta imperativo elaborarmos políticas activas de desconxestionamento, como, por outra parte, de simplificación e desaceleración de trámites administrativos e satisfacción de ránkings e métricas de productividade. Asuntos como a elaboración dun rexistro único para convocatorias de prazas de persoal docente e investigador en Universidades Públicas (artigo 86.1, Ley Orgánica do Sistema Universitario) e Organismos Públicos de Investigación ou o uso xeneralizado dun formato único de CV nas distintas convocatorias de contratos e proxectos están a prometerse dende hai moitos anos. Cos medios técnicos xa dispoñibles, non hai escusa para non levalo ao cabo. Tamén é fundamental que exista un calendario fixo para as convocatorias competitivas de proxectos e recursos humanos (como é o caso da Axencia Estatal de Investigación, pero non noutros organismos do SECTI) e, ante todo, que este calendario se cumpra rigurosamente, dotando ás axencias e demais organismos dos recursos (humanos e materiais) necesarios para elo. Do mesmo xeito, debe existir unha estabilidade e continuidade nos devanditos programas, que a día de hoxe poden ser moi volubles nos seus requisitos e demais características, se non o é xa a súa propia existencia. O exceso de burocracia innecesaria e mal planificada non só vai en detrimento da produtividade do persoal investigador, senón que é unha das tarefas que máis afectan á desmotivación, á saúde mental (burn out) e a un mal uso dos recursos públicos, xa que consume tempo de traballo duns e doutros profesionais nunha tarefa que se pode simplificar sen maior custo económico.

3) Ciencia responsable: transparencia, integridad, diversidad e coimplicación

Necesitamos dotármosnos de normas e protocolos claros e contundentes para rematar cos múltiples abusos de poder no SECTI, que van dende a prevaricación en concursos públicos ata o acoso sexual, pasando pola fraude científica. A crecente crítica e alarma mediática amosan a urxencia de acometer políticas que sancionen estas conductas e acaben coa impunidade actual. O recentemente nomeado Comité Español de Ética na Investigación debe ser dotado dos medios necesarios para asegurar esta función e non ser relegado a un organismo meramente consultivo e marxinal. A aposta por un sistema transparente que potencie a integridade na ciencia e investigación ten que vir complementada con outra aposta por transformar un sistema de ciencia baseado na competitividade, a excelencia e a singularidade meritocrática nun sistema basal constituído pola habitabilidade, a cooperación e a colaboración, a accesibilidade dos recursos e a promoción de todas as manifestacións da diversidade e inclusividade. Por unha banda, é necesario un compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM e nos postos de maior nivel, onde se produce unha maior desigualdade de xénero. Por outra banda, debemos impulsar unha ciencia inclusiva non só na diversidade sexual, senón tamén na diversidade funcional coa creación dun plan específico para a integración. Finalmente, a ciencia e a investigación xa non poden entenderse como leiras de coñecementos disxuntos nin como esferas illadas do social. Son necesarias convocatorias baseadas en accións/problemas, que integren o coñecemento local xunto ao académico, impulsando a colaboración interdisciplinar e a formación de ecosistemas de coñecementos (laboratorios de innovación pública e cidadá, ONGs, redes de persoas expertas). Resulta imperativo descentralizar as políticas de transferencia científica, estreitar as relacións entre as distintas áreas de investigación (STEM to STEAMS) e activar protocolos e alternativas de ciencia aberta.

4) Inversión del 3% del PIB en I+D+I

España arrastra un retraso histórico en inversión en I+D+I frente ao conxunto da Unión Europea, que á súa vez inviste pouco, en media e en relación ao PIB, fronte a outros países como os Estados Unidos, Xapón ou Corea do Sur. Esta lexislatura debe ser a que acade o 3% do PIB e unha taxa de execución do 90%, tanto en gasto non fiinanceiro coma gasto financeiro. Esta inversión mínima en I+D+I non pode seguir a ser unha promesa sen compromiso, senón que debe establecerse e publicarse unha memoria económica detallada e vinculante que asegure o cumprimento deste obxectivo. Soamente dende un modelo transparente e suxeito a un rigoroso seguimento poderemos asegurar a súa efectividade e evitar desviacións.

Ao garantizarmos dereitos laborais, simplificarmos burocracia, promovermos a responsabilidade na ciencia e aumentarmos a inversión en I+D+I, estaremos a construír un SECTI capaz de dignificar o traballo do persoal de investigación e beneficiar a toda a sociedade no seu conxunto.

A peregrinación á ANECA: como sobrevivir

O vindeiro martes 25 de abril ás 17:00h organizamos o coloquio “A peregrinación á ANECA: como sobrevivir”, no que contaremos coa presenza do Profesor Jesús Aboal Viñas (ex-membro da Comisión de Ciencias experimentais e Ciencias experimentais I) da ANECA (PEP) para aclarar todas as dúbidas relacionadas cos procesos de acreditación.

O evento será presencial na aula 04 da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Nel tamén contaremos coa presenza de compañeiras/os de InvestiGal que farán unha breve introdución e exporán as principais novidades da LOSU, que entra en vigor agora e trae cambios nas figuras existentes na universidade.

Será un evento aberto no que é fundamental a participación do público, así que convidámosvos a asistir e a enviar as vosas preguntas, consultas ou comentarios por adiantado a contacto@investi.gal.

Xornada práctica sobre a carreira investigadora na academia

Para empezar o ano sen perder comba, organizamos para o día 17 de xaneiro e de maneira online, esta xornada práctica sobre a carreira investigadora na academia. O noso obxectivo con esta xornada é chegar á audiencia máis nova (alumnado de grao, mestrado, ou persoas que están empezando o doutoramento) e proporcionarlles, cunha perspectiva práctica (baseada na experiencia das propias persoas implicadas), unha visión xeral da carreira investigadora, centrada na etapa predoutoral e nun elemento clave da mesma: o seu financiamento.

Xornada práctica sobre a carreira investigadora na academia