Introdución
A análise da convocatoria predoutoral da Xunta de Galicia para o ano 2026 revela unha continuidade nas carencias estructurais do sistema investigador galego. Malia as puntuais melloras acadadas tras o sinalamento público de distintas eivas —como a ausencia de listas de espera, posteriormente incorporadas na convocatoria de 2025—, detectamos aspectos que poñen de manifesto dificultades de acceso, falta de adaptación á diversidade de perfís e á investigación básica e un peso crecente de criterios alleos á avaliación científica. Neste contexto, considérase necesario revisar detidamente os puntos que están a xerar preocupación entre os/as candidatos/as a investigadores predoutorais.
Sen ciencia non hai futuro, e sen predoutorais non hai ciencia.
1. Requisitos de acceso e comparación entre modalidade académica e industrial.
1.1. Matrículas no programa de doutoramento antes de contar cun contrato e diferenzas coa modalidade de Doutoramento Industrial.
A convocatoria mantén a obriga de formalizar a matrícula nun programa de doutoramento para acceder á convocatoria, unha esixencia que desde Investigal consideramos que precariza a carreira investigadora desde o seu primeiro chanzo ao obrigar a tomar decisións académicas sen garantías de financiamento. Aínda que a nova convocatoria permite constar a tempo parcial ata a o momento da sinatura do contrato, esta suposta flexibilización ten un impacto real moi limitado e un carácter puramente formal, xa que os procedementos e prazos administrativos das distintas universidades do SUG non sempre permiten realizar a modificación de dedicación entre a publicación da resolución e a sinatura efectiva.
Así, a petición tradicional do sector investigador –e que xa conta con precedentes máis xustos e factibles como o modelo da convocatoria do ano 2022- é que se permita concorrer cumprindo unicamente cos requisitos de acceso tal e como se fai actualmente para o caso dos Doutoramentos Industriais.
2. Modelo de selección e peso do expediente académico
2.1 Nota mínima de acceso.
O modelo de selección proposto pola Xunta para 2026 afonda nunha visión reducionista que prioriza a burocracia sobre o potencial científico, convertendo o expediente académico nun filtro case absoluto. Mantense a esixencia dunha nota media mínima de 7,5 —ou 7 en Enxeñaría e Arquitectura—, un requisito que lonxe de asegurar a excelencia, funciona como unha ferramenta administrativa para limitar a participación e reducir a carga de traballo da administración á conta de excluír traxectorias investigadoras altamente competitivas que non acadan ese limiar por motivos diversos. Esta tendencia vese agravada pola recente modificación das FPU de xaneiro de 2026, onde a nota media chega a absorber ata 80 puntos da avaliación, deixando os 20 restantes supeditados a informes internos da comisión académica. Deste xeito, a capacidade de valorar perfís con traxectorias non lineais, interrupcións ou actividades complementarias desaparece en favor dun sistema que só mide o rendemento académico previo e o “visto bo” administrativo.
2.2 Retirada formal da esixencia de título de mestrado.
No que respecta á titulación de acceso, a eliminación da obriga de posuír o título de mestrado resulta ser unha manobra puramente cosmética, xa que o requisito de estar matriculada nun programa de doutoramento segue operando como un filtro indirecto que non se adapta á diversidade real de posgraos, como os de 90 créditos. Este corte ignora a natureza heteroxénea do persoal investigador, que inclúe desde candidaturas internacionais ata persoas que compatibilizan a formación co emprego ou que tiveron que interromper a súa carreira.
2.3 Conveniencia de non establecer un límite temporal á titulación de acceso.
A todo o anterior súmaselle a ineficacia de establecer límites temporais ríxidos, que para 2026 se fixa no 1 de xaneiro de 2022 para a obtención do título de acceso. A existencia dunha data “limite” responde máis a tempos administrativos que ao momento real de madurez investigadora; por iso, desde Investigal defendemos un sistema orientado ao talento e á calidade que permita o acceso independentemente da data de obtención do título, sempre que se conte cun proxecto sólido, viable e recoñecido dentro do marco académico correspondente.
3. Diferenzas económicas: doutoramentos clásicos vs doutoramentos industriais
Existe unha fenda económica evidente entre os doutoramentos clásicos e os industriais na convocatoria de 2026 que consolida un desequilibrio estrutural preocupante no sistema galego. Malia que ambas modalidades comparten o mesmo financiamento para seguros e estadías internacionais —cun máximo de 6.000 €—, a vía industrial goza de vantaxes que a universitaria ignora por completo: partidas adicionais de ata 5.000 € anuais para gastos directos como viaxes, equipamento ou software, e unha inxección de ata 10.000 € ao ano para que a universidade cubra custos de matrícula, supervisión e infraestrutura. Esta falta de equidade resulta especialmente crítica para aquelas liñas de investigación sen financiamento específico que dependen de fondos basais universitarios a miúdo insuficientes, xerando unha investigación de dúas velocidades onde a modalidade académica queda relegada a unha precariedade material que dificulta a súa competitividade e desenvolvemento.
4. Focalización da avaliación no expediente.
A focalización excesiva no expediente académico, sumada a cambios formais sen aplicación real que condicionan o acceso segundo o número de créditos do mestrado, converte a convocatoria nunha ferramenta burocrática que premia o rendemento pasado en lugar de captar talento investigador potencial. O sistema actual transforma o proceso nun simple recoñecemento do rendemento académico previo, ignorando que a nota media está condicionada por múltiples factores socioeconómicos e non captura aspectos esenciais como a motivación ou as habilidades específicas necesarias para a ciencia. Ao promover un modelo uniforme, a Xunta prexudica a diversidade de perfís que require a actividade científica colaborativa, deixando fóra de calquera valoración a participación en divulgación, a formación complementaria ou a adecuación do proxecto.
Aínda que existe un debate necesario sobre se se debe valorar a experiencia investigadora previa nun contrato de iniciación para non favorecer a quen provén de grupos de elite, a realidade é que os únicos méritos ponderados actualmente —o coñecemento de idiomas e as bolsas de colaboración— están fortemente correlacionados coa propia nota media, reforzando o sesgo do expediente. Dende Investigal consideramos que, sen converter a convocatoria nunha competición de currículos senior, sería desexable un modelo máis equilibrado e multidimensional que reserve unha pequena porcentaxe para outros méritos como contribucións puntuais en congresos ou formación específica, permitindo así que a excelencia investigadora non se reduza exclusivamente a unha cifra académica.
5. Avaliación do proxecto de tese e adecuación á RIS3
A deriva na avaliación dos proxectos de tese supón un dos retrocesos máis graves na calidade da convocatoria. Ata 2022, o sistema contaba cunha avaliación científica real, onde persoal experto externo ao SUG e a ACSUG asignaban ata 20 puntos á calidade e viabilidade do proxecto (metodoloxía, rigor e planificación) e ata 15 á súa adecuación estratéxica. Porén, dende 2023, eliminouse calquera valoración sobre a calidade científica do proxecto, reducindo este apartado a un máximo de 10 puntos centrados exclusivamente na adecuación á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3 Galicia 2021-2027).
Este cambio implica que a avaliación deixou de ser un proceso netamente científico para converterse nun mero trámite de encaixe administrativo coas liñas da RIS3. Esta situación penaliza gravemente á investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento, que pode recibir automaticamente 0 puntos por non estar orientada a unha transferencia inmediata.
Ademais, desde Investigal denunciamos a desvinculación progresiva entre o proceso de avaliación e a especialización disciplinar. A responsabilidade da valoración pasou de expertos científicos a órganos cunha composición maioritariamente administrativa, como o Grupo Técnico da Comisión Interdepartamental de I+D+i e, finalmente en 2026, á Área de Estratexias e Programas da GAIN. Esta mudanza nos órganos avaliadores limita a correspondencia entre a revisión dos proxectos e o rigor académico que require unha etapa tan crítica como o inicio da carreira investigadora.
6. Falta de transparencia: ausencia de adxudicación provisional.
A falta de transparencia no proceso de resolución constitúe outro dos puntos críticos da convocatoria de 2026. Actualmente, a proposta de resolución carece de efectos administrativos e non é recorrible, o que deriva nunha publicación directa da resolución definitiva no DOG. Desde Investigal sinalamos que esta dinámica limita significativamente a capacidade de revisión e a corrección de posibles erros materiais antes do peche do proceso.
Esta ausencia dunha adxudicación provisional sitúa ás persoas solicitantes nunha posición de menor capacidade de resposta e garantías fronte a posibles incidencias na baremación. Nun proceso de concorrencia competitiva tan esixente, a transparencia debería ser o piar fundamental para evitar que calquera fallo administrativo ou de interpretación técnica resulte irreversible para o futuro das investigadoras e investigadores.
7. Incentivos simbólicos: prima pola defensa da tese
A introdución dun incentivo económico de 1.000 € pola defensa da tese dentro dos catro anos de contrato preséntase como unha novidade que, desde Investigal, recibimos con escepticismo. Consideramos que a utilización de fondos públicos para este tipo de primas simbólicas non aborda os problemas estruturais de precariedade nin contribúe de xeito efectivo ao fortalecemento da saúde da convocatoria.
8. Cambios económicos introducidos en 2026
A actualización económica da convocatoria de 2026 introduce cambios nas contías por anualidade, reflectindo un incremento nominal que, na práctica, segue a ser insuficiente. Aínda que as cifras aumentan —pasando de 24.000 € a 24.600 € nos dous primeiros anos, e ata os 30.600 € no cuarto ano—, este axuste non compensa a perda acumulada de poder adquisitivo nin se harmoniza coa evolución do IPC en Galicia dende 2021 (Táboa 1). É importante subliñar que estas contías representan o custo total da axuda para o financiamento dos contratos e custos sociais, polo que non deben confundirse co salario neto percibido pola persoa investigadora.
Táboa 1. Actualización das contías na convocatoria do 2026.
| Convocatoria 2025 | Convocatoria 2026 | |
| Ano 1 | 24.000 € | 24.600 € |
| Ano 2 | 24.000 € | 24.600 € |
| Ano 3 | 24.000 € | 25.200 € |
| Ano 4 | 29.000 € | 30.600 € |
| Orientación posdoutoral | 30.000 € | 31.500 € |
Ademais deste incremento nas anualidades, a convocatoria incorpora unha axuda específica de 3.500 € para cubrir a indemnización por extinción do contrato, o que supón un lixeiro aumento respecto aos 3.400 € anteriores. Porén, desde Investigal alertamos sobre a introdución da prorrata mensual, un mecanismo que axusta o financiamento real ao número de meses de contrato efectivos. Esta medida blinda o gasto da administración e deixa aberta a porta a que calquera atraso ou desaxuste no calendario administrativo repercuta directamente nunha diminución do financiamento real percibido. Como punto positivo, elimínase a obriga de permanecer un mínimo de tres meses no programa para que o contrato sexa financiable, eliminando un filtro que podía penalizar ás persoas investigadoras por causas alleas á súa vontade.