I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE)

Estamos moi contentas de poder anunciar o noso primeiro evento internacional, que terá lugar en Bruxelas o segundo fin de semana de marzo.

Cando e onde?

  • Venres, 8 de marzo: Fundación Galicia-Europa (Rue de la Loi 38, 1040 Bruxelles).
  • Sábado, 9 de marzo: GC Pianofabriek (Rue du Fort 35, 1060 Saint-Gilles).

O I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro está organizado polo GdT de Mobilidade Internacional e ten como fin de ser un punto de encontro para tódalas persoas investigadoras no estranxeiro, con tres obxectivos: tecer rede, visibilizar as nosas investigacións e non perder o contacto con Galicia e o que se está a facer alí.

Podedes inscribirvos ata o día 25 de febreiro ás 23:59 nesta ligazón: https://forms.gle/2zTPcDGm3n5AcLAc8.

As persoas seleccionadas para comunicacións orais, axudas de viaxe e sorteo de entradas do EmigraSON xa foron contactadas. En caso de renuncias, contactaremos coas seguintes seleccionadas na lista de agarda, previsiblemente durante a semana do 26 de febreiro.

Podedes consultar un programa provisional aquí.

Estrutura xeral

O evento vaise desenvolver en tres sesións de aproximadamente tres horas e media: venres 8 pola mañá (con apertura ás 9:00 e inicio das charlas ás 9:20), venres 8 pola tarde e sábado 9 de mañá. En cada sesión haberá contribucións invitadas, comunicacións orais e unha sesión a medio camiño entre unha mesa redonda e un debate aberto sobre un tema transversal á investigación.

O idioma oficial do evento é o galego, polo que as comunicacións deben ser feitas preferentemente nesta lingua. A pesares disto, é un evento internacional no que se asume que as persoas asistentes comprenden tamén castelán e inglés, polo que se alguén precisa empregar estas linguas na súa comunicación, está tamén permitido.

Comunicacións

As comunicacións serán breves (10 minutos), e terán por obxectivo presentar a relevancia do traballo investigador realizado tendo en conta que o público é amplo e diverso. Isto significa que certo nivel técnico é aceptable, pero non tanto como o que sería esperable ante un público experto na materia. Será benvido tamén empregar unha parte pequena do tempo revisando brevemente a traxectoria e a situación actual do ou da contribuínte. Desde aquí queremos animar a todo o persoal investigador no estranxeiro, sexan predoutorais, posdoutorais ou persoal estable, a solicitar unha comunicación: o evento é aberto a todos os perfís!

A data límite para solicitar comunicacións é o 11 de febreiro ás 23:59. No caso de ter máis solicitudes de comunicación que tempo dispoñible, o comité científico velará por unha presenza equilibrada das distintas áreas de coñecemento. A decisión sobre as comunicacións aceptadas e rexeitadas será notificada o venres 16 de febreiro.

Axudas de viaxe

Contamos coa posibilidade de axudar economicamente aos e ás asistentes no seu desprazamento e aloxamento. O máximo será establecido en función das condicións persoais de cada asistente, pero por norma xeral non superará os 250 €. As axudas serán pagadas reembolsando parcialmente os custos previa xustificación dos mesmos (billetes de tren/avión, factura do aloxamento e xustificante bancario de pago), polo que cada persoa asistente é responsable de xestionar a súa viaxe e estadía en Bruxelas. Se queres optar a unha das axudas de viaxe, debes completar o teu rexistro antes do 11 de febreiro ás 23:59.

No caso de que as solicitudes de axudas de viaxe superen o presuposto dispoñible, o comité organizador decidirá a súa distribución da maneira máis eficiente posible, priorizando axudar ao maior número posible de persoas e en especial a aquelas cuxos desprazamentos son máis custosos. A información sobre as axudas de viaxe concedidas será facilitada o venres 16 de febreiro.

Aloxamento

Enténdese polo dito anteriormente que cada persoa asistente debe organizar os detalles da súa viaxe, incluído o aloxamento. Porén, desde a organización do I FIGaE chegamos a un acordo co hotel Eurostars Montgomery para que as reservas feitas por asistentes ao evento saian por un prezo fixo de 185 € / noite con almorzo incluído (coa taxa turística de 4,24 € / noite por separado). No caso de querer reservar o aloxamento, só hai que enviar un correo electrónico á dirección reservations [at] eurostarsmontgomery.com indicando a condición de asistente ao FIGaE así como as noites nas que se solicita o aloxamento.

Moverse en Bruxelas

Se chegas a Bruxelas en tren, o máis probable é que sexa á “Gare du Midi”, a partir da cal podes conectar con calquera punto da cidade coas liñas de metro, autobús e tranvía. Se chegas en avión, Bruxelas ten dous aeroportos: o de propiamente Bruxelas (BRU) e o de Charleroi (CRL). No primeiro caso o máis sinxelo e rápido é conectar co centro desde a estación de tren do propio aeroporto, mercando un billete a “Gare du Nord”, “Gare Centrale” our “Gare du Midi” dependendo de cal sexa o teu destino. Alternativamente, a liña de autobús 12 tamén leva ao centro, e é particularmente conveniente se te dirixes ao barrio das institucións europeas. Se chegas ao aeroporto de Charleroi, deberás coller un autobús da empresa Flibco cara “Gare du Midi”, e desde alí moverte en metro, autobús ou tranvía. Podes comprar os tickets anticipadamente na súa web, pero non teñen prazas reservadas: saen cada 20 minutos e os asentos asígnanse por orde de chegada.

Para desprazarte internamente en Bruxelas podes empregar a rede de transporte público (metro, autobuses e tranvías) sen necesidade de mercar tickets, simplemente cunha tarxeta bancaria que dispoña de pago contactless. Ao entrar nun autobús ou tranvía ou nas estacións de metro, podes validar a túa viaxe directamente pasando a tarxeta bancaria polos lectores azuis (os vermellos son para abonos). O prezo por viaxe é de 2,10 € (válido durante unha hora), cun máximo diario de 7,50 €. Máis información sobre este sistema aquí. Poden serche útiles tamén as ligazóns á web do servizo de transporte público en Bruxelas STIB (onde podes tamén ver outras opcións de abonos, malia que todos requiren mercar unha tarxeta por 5 €) ou ao servizo de trens belga (SNCB).

Entradas para o EmigraSON

O festival EmigraSON vaise celebrar o sábado 9 de marzo en La Tricoterie (Bruxelas), coa presenza dos grupos galegos Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants (máis información na súa web). Agradecemos á organización que puxese á disposición de InvestiGal un número reducido de entradas para os asistentes ao I FIGaE. O prezo por entrada son 30,6 €. Para poder optar á compra dunha destas entradas, debes completar o teu rexistro antes do 11 de febreiro ás 23:59. No caso de recibir máis solicitudes de compra de entradas das que temos dispoñibles, o comité organizador realizará un sorteo e contactará ás persoas que obteñan opción a compra o venres 16 de febreiro.

Comité organizador

  • Rocío Martínez Regueiro (USC & Vrije Universiteit Brussel)
  • Alberto Rodríguez Vázquez (KU Leuven)
  • Nerea Terceiro Sanmartín (Université de Namur)
  • Alejandro Vilar López (Université Libre de Bruxelles)

Comité científico

  • Andrés Crespo Vieira (Institute for Bioengineering of Catalonia, IBEC)
  • Zulema Varela Río (USC)
  • Inés Viana (Centro Ocenográfico de A Coruña, IEO-CSIC)
  • Hugo López Fernández (UVigo)

Co-organizadores

Patrocinadores

Colaboradores