Investigación: eixe estratéxico da Galicia do futuro

Dende InvestiGal cremos que a investigación debe ser un eixe estratéxico da Galicia do futuro. Para trasladar estas reivindicacións e expoñer a delicada situación da investigación en Galicia, InvestiGal convidou ás principais candidaturas ás eleccións autonómicas do 12 de xullo a manter xuntanzas individuais. Nestas xuntanzas, que se desenvolverán a partir do 22 de xuño, trataremos tamén de coñecer as propostas concretas de cada unha en materia de investigación, pois cremos que a administración ten un papel esencial neste proxecto de construír unha Galicia moderna que aposte pola investigación como un piar estratéxico do futuro.

Co obxectivo de denunciar a situación precaria do sector da investigación en Galicia e reivindicar solucións a curto, medio e longo prazo, distintos grupos de traballo de InvestiGal están a elaborar un documento titulado “Investigación: eixe estratéxico da Galicia do futuro” que estará dispoñible próximamente. Entre outros feitos, neste documento saliéntase que o investimento en I+D representa en Galicia só un 0,94% sobre o PIB (https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/gasto-galego-i-d-i-non-chega-1/20200519211833097994.html), significativamente por baixo da media española do 1,24% e moi lonxe da media europea do 2,11%.

Ademais, faise un repaso polas distintas fases da carreira investigadora en Galicia, que comprende as etapas predoutoral, posdoutoral e de investigador principal ou consolidado. No antedito repaso, faise fincapé nas principais dificultades que as investigadoras e investigadores acostuman atopar. Neste sentido, tamén se pon de relevancia a falta de financiamento concreto para a contratación de persoal técnico e xestor da investigación, sen o cal o sistema tampouco pode funcionar. Por exemplo, no plan de Investigación, Desarrollo e Innovación Tecnolóxica de Galicia (2006- 2010), existían as convocatorias Lucas Labrada e Isabel Barreto para a formación, especialización e incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i, figuras desaparecidas na actualidade.

Tamén se destacan as deficiencias que presenta o noso sistema en materia de igualdade, principalmente debidas á falta de apoio institucional e de lexislación en materia de xénero, que sitúan ás investigadoras que son ou queren ser nais nunha situación de especial vulnerabilidade.

Finalmente, desde InvestiGal queremos aproveitar este documento para facer un chamamento a un Pacto Galego pola Investigación, reclamado tamén recentemente por Juan Lema (https://www.gciencia.com/ciencia/juan-lema-pacto-ciencia-ragc/), presidente da Real Academia Galega das Ciencias (RAGC).

O persoal investigador no ámbito hospitalario galego está nunha situación de inestabilidade e precariedade inasumibles

InvestiGal – Rede Galega pola Investigación denuncia a actual situación no eido da investigación sanitaria galega con investigadores e investigadoras como os da convocatoria Miguel Servet, cos que se incumpren as condicións descritas para a súa estabilización unha vez superado o plan de captación de talento.

  • Dende a Consellería de Sanidade pretendíase que os investigadores e as investigadoras contratadas a través do programa Miguel Servet asinasen un contrato cunha contía menor unha vez pasada a avaliación competitiva para a sua estabilización. A loita de varias investigadoras fixo que isto non continuase.
  • A Consellería de Sanidade segue sen cumprir o plan de estabilización e contrata investigadores e investigadoras Miguel Servet cun contrato de 1 ou 2 anos suxeitos a unha avaliación que non segue criterios competitivos. 
  • InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, denuncia esta situación, que non deixa de ser recorrente tanto na investigación sanitaria como noutros eidos da investigación galega.

Galicia, 2 de xuño de 2020.

A contratación do persoal investigador hospitalario en Galicia realízase mediante dúas vías: Fundacións Biomédicas de xestión privada ,por un lado, ou a través de RRHH do SERGAS na Conselleria de Sanidade. Estas contratacións realízanse de xeito precario e inestábel; sen categoría profesional, con salarios dispares e incumprindo, debemos subliñar, sempre, as condicións descritas no DOG e no BOE para a sua estabilización unha vez superado o plan de captación de talento. 

Indicamos, a modo de exemplo, o caso máis actual que afectou ao investigador Xefe de Grupo Manuel Collado, contratado a través do programa de captación  de talento Miguel Servet. O programa Miguel Servet do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) ten como finalidade a incorporación de investigadores e investigadoras de excelencia no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Este programa consta dunha primeira etapa de 5 anos e dunha segunda de 3 anos. Logo de aprobar as correspondentes avaliacións competitivas do ISCIII estes e estas investigadoras, de acordo coas bases da convocatoria deben integrarse en forma de persoal estatuario dentro do SNS na respectiva Comunidade Autónoma. A actual situación en Galicia, porén, dista moito de ser así. Unha vez  rematado o programa, os e as investigadoras Miguel Servet son contratados por dous anos (con avaliacións cada ano) e de forma constante mesmo ata a súa xubilación, e en moitas ocasións cunha remuneración salarial menor a pesar de dispor de maior experiencia e maiores responsabilidades.

Esta forma de proceder do SERGAS e da ACIS (Axencia de coñecemento en Saúde) impide desenvolver unha carreira científica plena, con garantías e coa dignidade propia que debe ter un profesional de tal cualificación, así como de ser un desgaste continuado no plano mental e persoal evitábel. Impacta ademais en todo o sistema, xa que os e as investigadoras Miguel Servet dirixen equipos que á súa vez vense directamente afectados, perdendo competitividade para a captación duns recursos que beneficiarían en última instancia a toda a sociedade. Un estudo publicado en 20151 anotaba numerosos beneficios da participación do persoal investigador e en concreto do persoal do programa Miguel Servet nos centros de SNS. A mesma administración penaliza o talento, facendo que os e as investigadoras dediquen parte do seu tempo a lidar ca administración en lugar de poder concentrarse plenamente no seu traballo e nas súas investigacións

A modo ilustrativo desta situación, o luns pasado, Manuel Collado, investigador Miguel Servet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), onde dirixe un laboratorio sobre avellentamento e células nai, afrontaba a súa última semana de contrato sen ningunha notificación oficial2. Debido á grande visibilidade e impacto da súa problemática, ACIS (Axencia de coñecemento en saúde) comunicoulle a prolongación do seu contrato dous días máis tarde3. Este 1 de Xuño volvía viralizarse outro tweet do propio Dr. Collado apuntando que carecía acceso ao correo institucional do SERGAS ao “estar no paro”4. Horas máis tarde, e de novo despois dun gran impacto nas redes sociais, o contrato era realizado5. A ultima hora da tarde e tras varios trámites internos que dependen da Xerencia do CHUS, conseguiu por fin dispoñer do correo electrónico institucional.

Lamentablemente, estas situacións son insostíbeis humanamente e, en cambio observamos como son recorrentes en todos os eidos da investigación alén do ámbito sanitario. Dende InvestiGal denunciamos a actual situación precaria do persoal investigador no ámbito hospitalario e no caso concreto dos investigadores Miguel Servet.  A administración e xestión administrativa da ciencia deben axudar e protexer ao persoal investigador. InvestiGal – Rede Galega pola Investigación fai un chamamento á rectificación das autoridades competentes desta forma lesiva e irregular de proceder. Demandamos, nesta liña, que sexa desenvolvido un plan de estabilización e de incorporación destos investigadores e investigadoras aos cadros de persoal dos hospitais. Pedimos en fin que se cumpra a lei por parte de quen a xestiona. 

REFERENCIAS

  1. https://www.elsevier.es/es-revista-medicina-clinica-2-articulo-es-contratacion-investigadores-rentable-economicamente-S0025775315000251
  2. https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1265037737805189120
  3. https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1265585813200535553?s=19
  4. https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1267230860291592193?s=08
  5. https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1267370553599569921?s=19

InvestiGal apoia as investigadoras posdoutorais que reclaman ante a Xunta o seu dereito a non ser penalizadas pola súa maternidade

InvestiGal denuncia que a crise sanitaria actual volve evidenciar as desigualdades que este colectivo sofre de forma recurrente.

  • O pasado ano 2019 tanto a Xunta de Galicia como as Universidades recoñeceron que as persoas que eran nais e pais durante o seu programa posdoutoral sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte. Aínda sen ser óptima, a propia Xunta fixo unha proposta para que esas persoas non quedasen fóra do sistema.
  • Na crise causada pola COVID-19, a Xunta de Galicia deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade.
  • Dende InvestiGal demandamos que de maneira inmediata se inclúa ás investigadoras da Modalidade A 2016 afectadas por permisos de maternidade e paternidade nas prórrogas de 6 meses debido á COVID-19.

Galicia, 28 de maio de 2020.

O programa posdoutoral da Xunta de Galicia busca a formación de investigadores de alto nivel competitivo nas Universidades galegas. O pasado ano 2019 tanto a Xunta de Galicia como as Universidades recoñeceron que as persoas que eran nais e pais durante o seu programa posdoutoral (Modalidade A) sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte (Modalidade B, á que un/ha investigador/a só se pode presentar nunha única ocasión, na convocatoria que lle corresponde) ao ter gozado dos permisos relacionados coa maternidade.

O colectivo de investigadores/as propuxo diversas fórmulas naquel momento para chegar a unha solución, e foi a propia Xunta a que determinou que estas traballadoras debían finalizar os seus contratos ao mesmo tempo que aquelas persoas coas que deberían de concorrer á seguinte convocatoria, para así estar en igualdade de condicións que as mesmas, como literalmente recolle o convenio que Xunta e Universidades (USC e UVigo) asinaron para este fin. A proposta que achegou a Xunta, sen ser a óptima, resolvía nese momento a situación. 

Debido á sorprendente crise causada pola COVID-19, pónse de novo de manifesto os fallos do sistema: a Xunta deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade. Estas persoas, que do mesmo xeito que as demais investigadoras e investigadores viron interrompidos ou seriamente retardados os seus traballos durante a presente situación, reclaman o seu dereito a rematar as súas investigacións, tal e como estaba previsto nos seus contratos, en igualdade de condicións aos seus compañeiros e compañeiras cos que terán que medirse en convocatorias futuras. 

A opinión pública debe saber que nestas convocatorias de concorrencia competitiva a porcentaxe de avaliacións finais negativas da Modalidade A (que impide concorrer á subseguinte Modalidade B) aumenta de forma anómala naqueles casos onde hai maternidade, polo que se entende que esta situación ten que ver cunha problemática estrutural. De feito, existen varios procedementos en curso, tanto administrativos como xudiciais, relacionados cos permisos de maternidade dentro das axudas posdoutorais da Xunta e doutras investigadoras contratadas por entidades dependentes da Xunta (SERGAS). Isto demostra a falta de interese en resolver situacións de discriminación vixentes e en implementar as medidas precisas para evitar que se sigan repetindo no tempo. 

InvestiGal – Rede Galega pola Investigación demanda que de maneira inmediata se inclúa ás investigadoras da Modalidade A 2016 afectadas por permisos de maternidade e paternidade nas prórrogas de 6 meses debido á COVID-19. Xa se rexistraron reclamacións ante a Valedora do Pobo,  a Consellería de Educación e GAIN (2020/784297; 2020/784260), sen obter respostas efectivas. Presentáronse hoxe novos rexistros ante a Presidencia, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Consellería  de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Sanidade, a GAIN, e a ACIS (2020/928250; 2020/928047;2020/928103; 2020/928164; 2020/928198; 2020/928302; 2020/928363), dado a urxencia dos casos, pois estamos a falar de resolver proxectos vitais de 4 personas que foron completamente abandonadas polas institucións. Ademais, InvestiGal demanda que se resolvan e emenden as demais situacións de discriminación vixentes, mediante satisfacción extraprocesal, e que se tomen medidas a nivel lexislativo para evitar que estas situacións se sigan repetindo ano tras ano.

Nesta ligazón podedes acceder a un documento elaborado polo GdT Igualdade, Xénero e Conciliación cunha análise mais detallada desta situación.

Ánimo compañeiras!

InvestiGal acolle positivamente a prórroga de contratos predoutorais e postoutorais en investigación anunciada pola Xunta de Galicia, pero indica que non é suficiente

InvestiGal aplaude a prórroga, anunciada pola Xunta, de seis meses en todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma pero reclama incluír á totalidade do persoal contratado de duración determinada doutras entidades.

  • InvestiGal vén reclamando nas últimas semanas[1] ás axencias galegas de financiamento, universidades e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria da COVID-19.
  • A Xunta de Galicia anunciou[2] hoxe que Educación e a Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma.
  • Solicitamos que a prórroga dos contratos de investigación se extenda a todos os contratos de persoal investigador, co fin de evitar agravios comparativos entre o persoal investigador en función da entidade financiadora dos seus contratos ou das diferentes modalidades de vinculación laboral que posúan. Asímesmo, demandamos o compromiso da Xunta de Galicia para blindar as prazas e presupostos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021.

Galicia, 29 de abril de 2020.

Nas últimas semanas, InvestiGal -Rede Galega pola Investigación- reclamou ante os medios[1] que as entidades financiadoras (Xunta, Universidades, Fundacións…) de contratos de persoal investigador tomen canto antes unha medida semellante de prórrogas do persoal e dos proxectos, co fin de reducir a inseguridade dun colectivo xa bastante precarizado, e evitar agravios comparativos entre investigadores en función da axencia que financia os seus contratos. Esta reclamación plasmouse formalmente coa presentación de escritos[3] á Axencia GAIN, á Consellería de Industria, á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e á Consellería de Educación. 

No día de hoxe, a Xunta de Galicia, como resposta as nosas reclamacións, anuncia[2] que tanto Educación como a Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais dependentes dos programas autonómicos e afectados polo estado de alarma. Estarían incluídos os contratos predoutorais dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019, así como os posdoutorais dos anos 2017 (modalidade A), 2018 (modalidade A e B) e 2019 (modalidade A e B), o que corresponde cun total de 436 persoas investigadoras beneficiadas. Estas medidas súmanse e amplian as anunciadas polo Ministerio o día 31 Marzo (BOE do 1 de abril) para os programas estatais. Aínda así quedarían fóra destas prórrogas figuras predoutorais e posdoutorais financiadas polo Ministerio (FPIs, FPUs, persoal contratado posdoutoral) que teñen máis dun ano de contrato; persoal contratado por proxectos autonómicos e nacionais; así como do ámbito propio das Universidades (persoal axudante e axudante doutor).

InvestiGal fai un chamamento a todos os organismos contratantes (Ministerio, Xunta, Universidades, OPIs, Fundacións de Investigación Sanitaria,…) a que, no exercicio das súas competencias, incorporen á totalidade do seu persoal investigador de duración determinada a esta prórroga de seis meses dado que todo o persoal está afectado pola mesma situación extraordinaria que estamos a vivir. Entendemos que, dadas as actuais circunstancias, a solución debe ser común e a prórroga por seis meses debe ser incorporada a todo o persoal con funcións investigadoras. Constatamos que as medidas aprobadas pola Xunta de Galicia van na mesma dirección, aínda que con carácter máis ambicioso, que as anunciadas hai días polo Ministerio. Con todo, e debido á propia situación de excepcionalidade, tamén para o lexislador que elabora a normativa, existen unha serie de lagoas e indefinicións para algunhas figuras que non deben ser excluídas. De aí que solicitamos dos organismos contratantes a maior flexibilidade e comprensión coas diversas casuísticas particulares do persoal investigador, que abranguen desde estadías obrigatorias, agora interrumpidas ou comprometidas, a labores inexcusables de atención á crianza ou a persoas dependentes. 

Por outro lado, a respecto das convocatorias de contratación de persoal investigador e financiamento de I+D que non poida saír adiante no 2020 por causa da actual crise, InvestiGal demanda o compromiso da Xunta de Galicia para blindar as prazas e orzamentos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021. O investimento en investigación, e menos nas circunstancias presentes, non debe ser diminuido.

Referencias:

A situación dos contratos temporais do persoal de investigación en Galicia na crise do COVID-19

InvestiGal reclama ás axencias galegas de financiamento, universidades e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria do COVID-19.

  • As medidas excepcionais tomadas a raíz da crise sanitaria do COVID-19 provocaron o peche dos centros de investigación e, polo tanto, a paralización de gran parte da actividade investigadora. Isto afecta á duración de moitos contratos temporais do persoal investigador.
  • A disposición adicional decimoterceira do Real Decreto Lei 11/2020, do 31 de marzo (BOE de 1 de abril), establece, entre outras, a posibilidade de prorrogar os contratos de traballo temporais financiados por convocatorias públicas estatais no eido da investigación.
  • Solicitamos que as restantes axencias de financiamento (Xunta, Universidades, Fundacións…) de contratos de persoal investigador tomen canto antes unha medida semellante de prórrogas do persoal e dos proxectos, co fin de reducir a inseguridade dun colectivo xa bastante precarizado, e evitar agravios comparativos entre investigadores en función da axencia que financia os seus contratos.

Galicia, 7 de abril de 2020.

InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, constituíuse o pasado 29 de febreiro en Santiago de Compostela co obxectivo de agrupar a vontade e ser a expresión do colectivo de persoal investigador de Galicia en todos os seus ámbitos[1]. Dentro da situación excepcional pola que está a atravesar toda a sociedade, a investigación estase mostrando como o piar fundamental que é para garantir o benestar, progreso, convivencia e reflexión crítica das persoas que a compoñen. Precisamente por este motivo, manifestamos o seguinte respecto do persoal investigador con contratación de duración determinada. 

O peche dos centros de traballo onde habitualmente realizamos o noso labor impide as tarefas presenciais obxecto dos nosos contratos (elaboración de teses doutorais, desenvolvemento de proxectos de investigación, tarefas de xestión e mesmo docencia). Así, todas as investigacións están detidas ou seriamente ralentizadas. O persoal con responsabilidade docente continúa coa súa actividade de forma telemática malia as limitacións técnicas e operativas. Asemade, ao igual que lle sucede ao resto da poboación, a situación de confinamento leva consigo ocupacións inescusables relativas a coidados de menores ou persoas dependentes que impiden de facto a continuidade intelectual do labor investigador non presencial. 

Para facer fronte a esta situación excepcional, o Real Decreto Lei 11/2020 contempla, na súa disposición adicional decimoterceira[2], a posibilidade de prórroga dos contratos do persoal investigador. InvestiGal valora de forma positiva o fondo das medidas establecidas no RD, pero observamos con preocupación como a aplicación destas medidas están orientadas a unha parte do persoal investigador. En primeiro lugar, afecta só ao persoal financiado por programas públicos estatais. Isto deixa no limbo a aquelas outras investigadoras e investigadores contratados a cargo de programas autonómicos, propios de universidades ou de fundacións públicas. En segundo, esta medida tense contemplado únicamente no caso de persoal que finaliza o seu contrato no ano vixente. Esta medida establece un agravio comparativo para as restantes investigadoras e investigadores, que tamén están vendo interrompido e mesmo paralizado o desenvolvemento natural das súas actividades de investigación.

Debido a que a situación de confinamento e a imposibilidade de acceso aos lugares de traballo afecta a todo o persoal investigador, InvestiGal fai un chamamento á Consellería de Educación, Organismos Públicos de Investigación (OPIs), Fundacións, Reitorías e Vicerreitorías competentes para que, no exercicio das súas competencias e autonomía: 1) realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os Ministerios e 2) fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais. Consideramos que as prórrogas que se establezan deben comprender a todo o persoal investigador, sen exclusións.

Debido a que a situación de confinamento e a imposibilidade de acceso aos lugares de traballo afecta a todo o persoal investigador, InvestiGal fai un chamamento á Consellería de Educación, Organismos Públicos de Investigación (OPIs), Fundacións, Reitorías e Vicerreitorías competentes para que, no exercicio das súas competencias e autonomía: 1) realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os Ministerios e 2) fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais. Consideramos que as prórrogas que se establezan deben comprender a todo o persoal investigador, sen exclusións.

Referencias:


Presenza nos medios a fin de semana do 7-8 de marzo

Durante a fin de semana do 7 e 8 de marzo InvestiGal estivo presente nos medios de comunicación con sendas entrevistas a dúas persoas da Xunta de Representantes. Por unha banda, Zulema Varela denunciou a situación precaria das investigadoras e investigadores en Galicia nunha entrevista para Praza, dispoñíbel aquí. Ademais, salientou que “Hai moita xente que nestes anos de crise quedou sen nada e deixárona tirada. Xente de 40 ou 45 anos que chegou un momento que quedou sen saídas para continuar a súa carreira investigadora”. Por outra banda, Alejandro Vilar concedeu unha entrevista no programa A Vivir Galicia da Cadena SER, dispoñíbel aquí (a partir do minuto 42), co obxectivo de dar a coñecer InvestiGal á sociedade e tamén denunciar a situación de precariedade que vive o sector da investigación.

Nace InvestiGal – Rede Galega pola Investigación

Persoal investigador de toda Galicia únese pola dignificación do sector

Durante a mañá do día 29 de febreiro, fundouse InvestiGal – Rede Galega pola Investigación en Santiago de Compostela. Medio centenar de persoas provintes do sector investigador de toda a xeografía galega reuníronse no Centro Sociocultural O Ensanche para compartir inquedanzas sobre a precaria e inestable situación actual do I+D en Galicia e artellar un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador. InvestiGal nace coa vontade de aglutinar a pluralidade de perfís relacionados co sector (persoal investigador, técnico, xestor, docente) dos diversos centros de produción de coñecemento (universidades, centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións, etc.) que conviven no país. Após unha longa xornada de traballo e debate, establecéronse unha serie de liñas programáticas básicas. Entre elas cabe destacar a dignificación da carreira investigadora, a cal pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polos seus profesionais, o fomento da súa estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais. Tamén houbo acordo na defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos aos que se enfrontan as mulleres do sector.

O futuro da investigación galega non pode depender de quen ocupe a presidencia da Xunta, senón que é de vital importancia a existencia dun pacto social que aposte por situar o investimento en I+D+i en Galicia á par dos estándares europeos. Actualmente, Galicia só inviste neste sector o 0,94 % do seu PIB, mentres que a media europea sitúase no 3%. Ademais, a Rede condena a falta de vontade política e a nefasta xestión dos poucos recursos existentes, o que nos últimos anos provocou que Galicia só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación.

InvestiGal considera de máxima urxencia que o goberno galego supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país. Para iso, o colectivo exixe máis investimento, mellor xestión do mesmo, e regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación.

O nacemento de InvestiGal foi nova en diferentes medios