O PPdeG vota en contra da iniciativa parlamentaria para convocar as axudas posdoutorais no 2020 e bloquea a situación dos/as investigadores/as

A negativa do grupo parlamentario popular levará a que 31 investigadores/as queden no paro en decembro e máis de 400 non poidan acceder a algunha das 50 axudas para iniciar a súa formación posdoutoral. 

Galicia, 15 de outubro de 2020.

O pasado martes debateuse no Parlamento de Galicia a proposta para desbloquear a situación dos/as investigadores/as posdoutorais provocada pola falta de previsión dende a Xunta de Galicia, que non convocará as axudas posdoutorais (Modalidade A e B) correspondentes a este ano. Esta iniciativa apoiada polos grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG-PSOE encontrouse coa negativa do PPdeG, da man dos deputados autonómicos Martín Fernández Prado e Valeriano Martínez García, que xustificaron a non convocatoria destas axudas en base a que “os contratos dos investigadores/as foron prorrogados 6 meses polo goberno autonómico”. Dende InvestiGal acollemos con sorpresa a negativa do grupo parlamentario popular e os seus argumentos, tendo en conta o comunicado emitido o pasado 29 de abril polo propio goberno galego no que se expón que a prorroga de seis meses serve para paliar os efectos que o estado de alarma tivo sobre as investigacións en curso e que en ningún caso xustifica a falta de convocatoria no 2020. En referencia á convocatoria do 2020, a Xunta expoñía nese mesmo comunicado que “no caso da modalidade A dos contratos posdoutorais, dado que a súa finalidade principal é a formación do persoal investigador durante dous anos no estranxeiro, adíase a publicación da convocatoria ata que as circunstancias así o aconsellen e permitan definir os novos parámetros polos que terá de rexerse” mentres que “no caso da modalidade B dos contratos posdoutorais, de permitilo as circunstancias prevese realizar unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021”. Ademais, a escusa da prórroga dos contratos non serve de argumento para non convocar a Modalidade A, xa que esta axuda está orientada para que os/as novos/as doutores/as (cerca de 400 por ano en Galicia) poidan iniciar a súa etapa posdoutoral. Isto implica que a maior parte destes investigadores xa defenderon a súa tese doutoral para acadar o estatus de doutor/a, polo que os seus contratos non foros prorrogados en ningún caso. Por outra banda, outros programas posdoutorais que implican mobilidade internacional si mantiveron sen alteracións o seu calendario de convocatorias, como as Postdoc Berri do Goberno Vasco (convocadas en xullo) ou o prestixioso programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA). 

Os problemas relacionados coa convocatoria destas axudas posdoutorais non son novos e amosan o pouco interese que o goberno de Galicia ten en considerar a investigación como eixo estratéxico do país. De feito, o deputado do PPdeG Martín Fernández Prado comezou a súa comparecencia no Parlamente dicindo “a verdade contábamos con esto, todos os anos por estas datas temos unha iniciativa sobre o tema das posdoutorais, a pesar de que saben que o sistema de Galicia é obxectivamente mellor co resto de España” [2:07 min]. Dende InvestiGal gustaríanos coñecer os parámetros en base aos cales afirma que o programa galego é mellor co resto de España, máis tendo en conta que en Galicia se inviste o 0,94% do PIB en I+D+i, valor por debaixo da media española (1,24%) ou europea (2%) e moi afastado doutras comunidades como o País Vasco (1,96%), Madrid (1,71%), Navarra (1,68%), Cataluña (1,52%) ou Castela e León (1,3%) (Fonte: FECYT). Coa precariedade dos investigadores/as non se pode frivolizar, e menos en sede parlamentaria, e pedimos respecto ante unha situación provocada pola falta de previsión (un ano máis) da Xunta de Galicia. Se coñecen os problemas, por que non os solucionan?

Con respecto á problemática destas axudas, non foron convocadas no ano 2010, 2015 e probablemente no 2020, e desde 2016 prodúcense atrasos sistemáticos na súa convocatoria, o que favorece que as persoas candidatas pasen longas tempadas desempregadas, agardando por esta oportunidade laboral, ou mesmo a fuga de cerebros ao estranxeiro, facendo que perdamos talento propio que foi formado con orzamentos públicos. Os longos tempos de espera, derivados da falta dun calendario fixo de convocatorias que si existe nos programas estatais e europeos ou incluso noutras comunidades, foi considerada como normal polo propio deputado Martín Fernández Prado, que comparou a non convocatoria das axudas autonómicas este ano coas estatais. Dende InvestiGal denunciamos que este argumento se afasta da realidade, posto que as axudas estatais (programas “Juan de la Cierva” ou “Ramón y Cajal”) correspondentes ao ano 2020 convocaranse, como veñen facendo tódolos anos, no mes de decembro, e ademais este ano o número de prazas verase incrementado nun 30%. Como colectivo de investigadore/as, InvestiGal é crítica coa actitude dos nosos políticos e esiximos que en sede parlamentaria estean á altura, xa que todas estas manifestacións denotan un descoñecemento total do sistema de investigación galego, español e europeo.

Dende InvestiGal solicitamos á Xunta de Galicia que convoque tanto a Modalidade A coma a Modalidade B o antes posible co fin de garantir a continuidade das carreiras dos investigadores/as posdoutorais. Ante a falta de previsión instamos a que a Xunta, igual que fixo noutros anos, financie con “contratos ponte” aos investigadoras/es posdoutorais que rematan o seu contrato o 31 de decembro ata que a nova convocatoria sexa publicada. Cabe destacar que a Xunta investiu entre 100.000 e 120.000 € na formación de cada unha destes investigadoras/es que quedarán no paro: co modelo actual formamos talento para o desfrute doutras comunidades ou países. Ademais, nos vindeiros días dende InvestiGal solicitaremos unha reunión con D. Francisco Conde, Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, e con D. Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, Cultura e Universidades para tratar de de traballar conxuntamente mediante unha colaboración activa co fin de buscar solucións ós problemas que afectan ós investigadores/as en Galicia.