Resumo do II FIGaE

Os días 15 e 16 de maio celebrouse en Centro Galego de Barcelona o II Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE 2026), un encontro que reuniu arredor de 40 asistentes procedentes de diferentes ámbitos da investigación, tanto do sistema científico galego como da diáspora investigadora no exterior.

Ao longo de dúas xornadas, o foro converteuse nun espazo de intercambio de ideas, creación de redes e reflexión arredor dos retos actuais da carreira investigadora, o retorno do talento e a conexión entre Galicia e a súa comunidade científica internacional.

O programa arrancou cun faladoiro centrado no retorno investigador baixo o título “Voltar para quedar?”, no que participaron representantes de InvestiGal, GAIN, Axencia Española de Investigación e RAICEX, abordando cuestións relacionadas coa circulación de talento, os programas de apoio á investigación e as oportunidades de retorno.

As sesións incluíron tamén palestras convidadas e comunicacións curtas en ámbitos moi diversos, desde humanidades e ciencias sociais ata ciencias da saúde, bioloxía, enxeñaría ou ecoloxía mariña. Entre as persoas participantes estiveron investigadoras e investigadores de institucións como a Universidade de Barcelona, Universitat Autònoma de Barcelona, King’s College London, IBM Research Zurich ou a Universitat Politècnica de Catalunya.

Un dos aspectos máis valorados do encontro foi a combinación de contidos científicos e espazos de diálogo máis persoais e profesionais. Destacou especialmente a sesión “Academia e empresa: dúas caras da mesma moeda?”, centrada nas conexións entre investigación e emprendemento, así como o taller sobre saúde mental impartido por Tonina Ferrer, orientado ao benestar emocional no ámbito académico.

O sábado desenvolveuse ademais un encontro de diálogo arredor do papel da comunidade científica nun contexto de cambio global, coa participación de especialistas en política, economía e relacións internacionais. A clausura do evento puxo o broche final a un foro marcado pola interdisciplinariedade, a colaboración e a vontade de fortalecer os vínculos da investigación galega no exterior.

Desde a organización queremos agradecer a participación de todas as persoas asistentes, poñentes e colaboradoras que fixeron posible esta segunda edición do FIGaE, consolidando este encontro como un espazo de referencia para a comunidade investigadora galega no exterior.

A próxima edición, en 2028, terá lugar en Escocia e nela contaremos co apopio e colaboración da Sociedade de Científicos Españois no Reino Unido (SRUK/CERU). Mentres tanto, deixámosvos unha compilación de fotos do II FIgAE.