InvestiGal convoca unha concentración o xoves 15 de abril ás 18:00h na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para protestar contra a reforma da Lei de Ciencia

  • O Consello de Ministros aprobou o 31 de marzo o proxecto de reforma da Lei de Ciencia 14/2011, que non atende as demandas históricas do colectivo investigador e perpetuará a precariedade do mesmo.
  • Consideramos que a reforma non fará máis que perpetuar a precariedade existente, pois non garante a estabilización do persoal investigador de calquera ámbito nin o pleno dereito laboral desde o comezo da carreira investigadora. 
  • A concentración súmase as convocadas para a mesma tarde do xoves por outros colectivos investigadores en distintas cidades coma Sevilla, Barcelona, Valencia ou Madrid.

A Rede Galega pola Investigación – InvestiGal convoca unha concentración en contra da reforma da Lei da Ciencia 14/2011 o próximo xoves día 15 de abril ás 18:00h. Dita concentración terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e súmase ás convocadas en outras cidades (Madrid, Valencia, Sevilla, etc.) por outros colectivos investigadores, incluíndo á Coordinadora Marea Roja de la Investigación á que tamén pertence InvestiGal.

Precisamente a Coordinadora Marea Roja de la Investigación publicou hai uns días un resumo dos principais cambios que esta reforma pretende introducir. Unha das modificacións estrela é a introdución da figura Tenure Track, co obxectivo de crear unha carreira máis atractiva, ordenada e estable, que reduza a idade media de entrada. Este novo programa aparece xunto á extinción da figura de Científico Titular de Organismos Públicos de Investigación (OPIs), de xeito que coa nova lei serán sustituidos postos de funcionarios por prazas de persoal fixo laboral, con moita menos independencia e unha importante redución dos dereitos laborais (complementos por antiguidade, etc.). Basicamente, o que se propón na reforma é a fusión dos actuais contratos Ramón y Cajal, que dan lugar a postos estables (nalgúns casos) de Científico/a Titular en OPIs ou Contratado/a Doutor en universidades tras obter a avaliación positiva no programa I3, nun único contrato laboral con cláusulas de despido e menos dereitos.

As análises feitas por distintos colectivos sinalan que a reforma non garante a estabilización do persoal investigador xa que a oferta dos contratos Tenure Track segue condicionada a cada Oferta Pública de Emprego, quedando a contratación en maos dos centros de destino e dun comité de expertos. Ademais, o Ministerio de Traballo recoñeceu que o novo contrato “non resolve as necesidades de estabilización da gran bolsa de persoal investigador precario de larga duración existente hoxe en día no sistema de investigación” e plantexa dúbidas legais e xurídicas relativas a súa implantación. En resumo, preténdese a substitución do sistema actual, que xa define unha carreira ordenada, por outro con menos dereitos, máis precariedade, e sin compromiso de aumento do investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente.

Outro aspecto importante e negativo da reforma é que non recoñece a carreira investigadora de todas as escalas e sectores da investigación. En primeiro lugar, elimina a única forma de promoción interna que agora mesmo existe para o persoal técnico de investigación de OPIs, ponte entre a escala técnica e científica. Ademais, a modificación da lei volve a esquecerse deste persoal, xa que unha década despois de súa aprobación, continua sen desenvolverse a escala de Tecnólogo de OPI que aparece no artigo 29 de dita lei. E en segundo lugar, a reforma esquece completamente os investigadores hospitalarios que desenvolven a súa actividade nos centros do Sistema Nacional de Saúde, que actualmente carecen de carreira profesional, e que esta reforma tampouco desenvolve, deixándoos de novo nun limbo laboral. Faltando ó compromiso adquirido no Eixo 1 do Plan de Choque para a Ciencia e a Innovación, presentado polo presidente do Goberno en Xulio de 2020. En Euskadi ou na Comunitat Valenciana estabilizarónse a este tipo de traballadores como investigadores estatutarios, que é o que marca a Lei de Investigación Biomédica. Pedimos que isto se faga extensivo ó resto do estado.

Finalmente, seguen sen incluírse os compromisos adquiridos cos colectivos de investigación predoutorais (coma dereito á indemnización por finalización de contrato) nin as urxentes necesidades nas etapas postdoutorais (estatuto de investigadores postdoctorales e unificación de salarios).

E por todos estes motivos, o día 15 sairemos as rúas para dicir:

  • Non a unha modificación da Lei da Ciencia que non resolve os problemas do envellecemento e precariedade das traballadoras da investigación.
  • Non a unha modificación da Lei da Ciencia que nega os dereitos laborais ó persoal da      investigación.
  • Non a unha modificación da Lei da Ciencia que non recoñece a carreira profesional para o conxunto de escalas e sectores da ciencia.

Todas as entidades que convocan estas concentracións solicitan ó Goberno do Estado incluir dentro deste proxecto de reforma todos os dereiros e garantías laborais que deben acompañar á contratación pública en todas as escalas de investigación, e abrir unha mesa de negociación con todos os axentes sociais involucrados e os ministerios afectados con fin de redactar unha nova lei, actualizada en fondo e forma coas necesidades históricas de noso colectivo.

Desde InvestiGal animamos a toda a cidadanía a sumarse a concentración do vindeiro xoves 15 de abril para demostrar o seu apoio ao persoal investigador, nun momento no que está demostrado que o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación é fundamental para superar calquera tipo de crise.