Un novo pacto pola ciencia

InvestiGal participou na elaboración do novo pacto pola ciencia, publicado o mércores 21 de xuño pola Coordinadora Marea Roja de la Investigación:

A continuación reproducimos o texto pacto, que podedes atopar integramente aquí e en varios idiomas:

Un novo pacto pola ciencia

Nos últimos anos púxose de manifesto o papel determinante da investigación científica na sociedade. A pandemia da COVID-19 e a emerxencia climática son dous exemplos de como a investigación científica supón un dos piares principais para afrontar a complexidade dos retos actuais. No plano lexislativo vimos algúns avances na incorporación de dereitos do persoal de investigación coa aprobación da reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación (LCTI), así como un incremento no presuposto de I+D+I impulsado polos fondos europeos Next-Generation EU. Porén, unha reforma parcial e unha inxección temporal de fondos non poden facer fronte ás necesarias transformacións pendentes no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SECTI). É o momento de establecer un novo pacto pola ciencia, centrándonos en catro alicerces fundamentais para a próxima lexislatura:

1) Estatuto do Persoal de Investigación

O sistema de xestión na ciencia debe escoitar ás persoas que a producen, ás persoas que fan a ciencia, a todo o persoal de investigación. Defendemos o modelo de ciencia que comeza na protección da súa base humana como o modelo mellor cohesionado, máis eficiente e máis innovador. Por este motivo, o inicio da transformación social dende a ciencia e a investigación debe situarse sobre as condicións laborais e os dereitos de todo o seu cadro de persoal. Seguindo o exemplo do que supuxo o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF) en 2019 para o colectivo predoutoral, precisamos dun Estatuto de Persoal de Investigación (EPI) que inclúa a todo o persoal investigador, técnico e de xestión en ciencia. Débense garantir dereitos mínimos en canto a retribucións, progresión na carreira científica e estabilización, entre outras cuestións. Esta garantía debe de ir acompañada por mudanzas que afecten a todo o persoal da Administración Xeral do Estado (AXE) como a creación dun grupo profesional M4 (correspondente ao nivel 4 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior) no convenio colectivo único para o personal laboral da AXE e a actualización das indemnizacións por razón de servizo (dietas).

2) Simplificación y eficiencia burocrática

Os acordos DORA e CoARA, aínda que apuntan na dirección correcta, resultan insuficientes para facer fronte á saturación burocrática. Resulta imperativo elaborarmos políticas activas de desconxestionamento, como, por outra parte, de simplificación e desaceleración de trámites administrativos e satisfacción de ránkings e métricas de productividade. Asuntos como a elaboración dun rexistro único para convocatorias de prazas de persoal docente e investigador en Universidades Públicas (artigo 86.1, Ley Orgánica do Sistema Universitario) e Organismos Públicos de Investigación ou o uso xeneralizado dun formato único de CV nas distintas convocatorias de contratos e proxectos están a prometerse dende hai moitos anos. Cos medios técnicos xa dispoñibles, non hai escusa para non levalo ao cabo. Tamén é fundamental que exista un calendario fixo para as convocatorias competitivas de proxectos e recursos humanos (como é o caso da Axencia Estatal de Investigación, pero non noutros organismos do SECTI) e, ante todo, que este calendario se cumpra rigurosamente, dotando ás axencias e demais organismos dos recursos (humanos e materiais) necesarios para elo. Do mesmo xeito, debe existir unha estabilidade e continuidade nos devanditos programas, que a día de hoxe poden ser moi volubles nos seus requisitos e demais características, se non o é xa a súa propia existencia. O exceso de burocracia innecesaria e mal planificada non só vai en detrimento da produtividade do persoal investigador, senón que é unha das tarefas que máis afectan á desmotivación, á saúde mental (burn out) e a un mal uso dos recursos públicos, xa que consume tempo de traballo duns e doutros profesionais nunha tarefa que se pode simplificar sen maior custo económico.

3) Ciencia responsable: transparencia, integridad, diversidad e coimplicación

Necesitamos dotármosnos de normas e protocolos claros e contundentes para rematar cos múltiples abusos de poder no SECTI, que van dende a prevaricación en concursos públicos ata o acoso sexual, pasando pola fraude científica. A crecente crítica e alarma mediática amosan a urxencia de acometer políticas que sancionen estas conductas e acaben coa impunidade actual. O recentemente nomeado Comité Español de Ética na Investigación debe ser dotado dos medios necesarios para asegurar esta función e non ser relegado a un organismo meramente consultivo e marxinal. A aposta por un sistema transparente que potencie a integridade na ciencia e investigación ten que vir complementada con outra aposta por transformar un sistema de ciencia baseado na competitividade, a excelencia e a singularidade meritocrática nun sistema basal constituído pola habitabilidade, a cooperación e a colaboración, a accesibilidade dos recursos e a promoción de todas as manifestacións da diversidade e inclusividade. Por unha banda, é necesario un compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM e nos postos de maior nivel, onde se produce unha maior desigualdade de xénero. Por outra banda, debemos impulsar unha ciencia inclusiva non só na diversidade sexual, senón tamén na diversidade funcional coa creación dun plan específico para a integración. Finalmente, a ciencia e a investigación xa non poden entenderse como leiras de coñecementos disxuntos nin como esferas illadas do social. Son necesarias convocatorias baseadas en accións/problemas, que integren o coñecemento local xunto ao académico, impulsando a colaboración interdisciplinar e a formación de ecosistemas de coñecementos (laboratorios de innovación pública e cidadá, ONGs, redes de persoas expertas). Resulta imperativo descentralizar as políticas de transferencia científica, estreitar as relacións entre as distintas áreas de investigación (STEM to STEAMS) e activar protocolos e alternativas de ciencia aberta.

4) Inversión del 3% del PIB en I+D+I

España arrastra un retraso histórico en inversión en I+D+I frente ao conxunto da Unión Europea, que á súa vez inviste pouco, en media e en relación ao PIB, fronte a outros países como os Estados Unidos, Xapón ou Corea do Sur. Esta lexislatura debe ser a que acade o 3% do PIB e unha taxa de execución do 90%, tanto en gasto non fiinanceiro coma gasto financeiro. Esta inversión mínima en I+D+I non pode seguir a ser unha promesa sen compromiso, senón que debe establecerse e publicarse unha memoria económica detallada e vinculante que asegure o cumprimento deste obxectivo. Soamente dende un modelo transparente e suxeito a un rigoroso seguimento poderemos asegurar a súa efectividade e evitar desviacións.

Ao garantizarmos dereitos laborais, simplificarmos burocracia, promovermos a responsabilidade na ciencia e aumentarmos a inversión en I+D+I, estaremos a construír un SECTI capaz de dignificar o traballo do persoal de investigación e beneficiar a toda a sociedade no seu conxunto.