InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, foi citada a comparecer na Subcomisión relativa ao desenvolvemento do Pacto pola Ciencia e a Innovación e o Estudo e Análise da Modificación da Lei da Ciencia, creada no seo da Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades do Congreso dos Deputados.
Dita comparecencia terá lugar o mércores 6 de octubre de 2021 ás 17:30h na sesión que se celebrará a partir das 16:00 horas. As representantes de InvestiGal nesta comparecencia serán Zulema Varela, actualmente tesoreira da asociación e investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela, e Vanessa Valdiglesias, investigadora Beatriz Galindo da Universidade da Coruña.
Como vimos denunciando desde a nosa creación en febreiro de 2020, a carreira investigadora é cada vez máis complicada debido á falta de investimento e de políticas firmes de retención e captación de talento, que en última instancia se traducen nunha fuga de cerebros constante e nun sistema de I+D+i débil. Esta fuga de cerebros supón, ademais dunha perda moi importante de recursos humanos, a perda do investimento de diñeiro público realizado en formar a centos de investigadoras e investigadores. Por outra banda, este investimento continúa a ser moi reducido, pois de acordo cos últimos datos oficiais (ano 2019), España só inviste o 1,24% do seu PIB en I+D+i, cando a media europea é do 2,11%. Unha cifra que aínda se fai máis pequena se temos en conta que o obxectivo do Horizonte 2020 era chegar ao 3%.
Nesta comparecencia presentaremos algunhas propostas que cremos que poden mellorar o noso sistema de I+D+i, pois cremos que as reformas das leis da ciencia e de universidades deben ser un punto de inflexión e preséntanse como unha boa oportunidade para atallar a meirande parte dos problemas que ten o sistema de I+D+i español. O principal cambio debe ser unha nova mentalidade que aposte realmente polo I+D+i como motor económico e social, comezando por definir unha carreira investigadora para todos os ámbitos (tecnólogos, persoal técnico de apoio, persoal xestor, investigadores do Sistema Nacional de Saúde, e persoal de investigación en OPIs e universidades) que garanta unha estabilización a medio prazo.