Referencias á I+D+i no debate electoral 12-X

O debate entre os candidatos das principais forzas políticas do pasado luns 29 de xuño deixou varias referencias á I+D+i e desde InvestiGal quixemos recollelas.

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, foi o primeiro candidato en facer referencia a esta materia ao dicir que “creo que hai un consenso enorme en que a investigación é un elemento central para saír desta situación, a investigación ten que ser para protexernos pero tamén para construír futuro. A ese respecto creo que Galicia como mínimo no primeiro ano de lexislatura ten que subir a inversión en I+D+i á media estatal, e iso quere dicir subir ao 1,24% e camiñar no conxunto da lexislatura ata o 3% de inversión en I+d+i, como indica a Unión Europea.” Finalmente, concluía esta intervención sinalando que “é absolutamente fundamental que si chegamos ó goberno fagamos un pacto de país, un Pacto Galego pola Investigación”

Despois, o candidato do PSdG, Gonzalo Caballero, afirmaba que “hai que subir o I+D+i”.

Ana Pontón, candidata á presidencia do Bloque Nacionalista Galego, afirmaba que “se son presidenta “apostarei por darlle un impulso á ciencia e á innovación, duplicando os fondos e acabando coa precariedade”.

Pancho Casal, candidato á presidencia de Marea Galeguista, sinalaba que “non hai inversión en i+d, porque estamos no 0,94%, porque hai que chegar a media europea do 2%” e que “9 de cada 10 posdoutorais teñen que marchar de galicia”. Remataba esta intervención sinalando que “Así non se poden desenvolver patentes e a industria dun país como Galicia non pode medrar, por iso baixan 20 puntos o índice de produción industrial.”

No minuto final só houbo unha referencia, unha vez máis por parte de Ana Pontón, quen afirmaba que “precisamos camiñar cara un modelo de sociedade baseado na economía verde que aposte pola ciencia e a innovación”.