InvestiGal adhírese á “Coordinadora Marea Roja de la Investigación”

O pasado mércores 29 de xullo, coincidindo coa sétima xornada consecutiva de movilización virtual en defensa da ciencia e a investigación co cancelo #SinCienciaNoHayFuturo, tivo lugar a refundación do colectivo “Coordinadora Marea Roja de la Investigación”, no que está adherida InvestiGal.

Marea Roja xurdiu no contexto das mareas que se movilizaron a partir de 2013 en defensa dos servizos públicos en áreas coma sanidade, educación e ciencia, e mantivo a súa actividade desde entón, centrándose nos últimos meses en garantir a prórroga dos contratos do persoal investigador como consecuencia da crise sanitaria causada pola COVID-19.

A refundada “Coordinadora Marea Roja de la Investigación” queda integrada inicialmente por unha quincena de colectivos, asociacións e sindicados, aínda que se esperan novas adhesións nos vindeiros meses porque xuntxs somos máis fortes. En esta ligazón podedes consultar o documento no que se presenta á coordinadora e unha breve descrición de cada unha das entidades que a integran inicialmente.

A loita contra a precariedade e polos dereitos laborais das e dos traballadores da investigación, coma a mellora nas condicións de acceso, promoción e estabilización, así coma reivindicar a relevancia da investigación como elemento fundamental para a creación dunha sociedade máis xusta, solidaria e sostíbel, son os obxectivos e metas que se formula esta coordinadora. Desde InvestiGal esperamos aportar o noso grao de arena nesta nova iniciativa necesaria para mellorar a nosa sociedade.