Concentración en contra da reforma da Lei da Ciencia o xoves día 15 en en Santiago de Compostela

InvestiGal convoca, conxuntamente co colectivo FPU Investiga, unha concentración en contra da reforma da Lei da Ciencia o próximo xoves día 15 de abril ás 18:00h. Dita concentración terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e súmase ás convocadas en outras cidades (Madrid, Valencia, Sevilla, etc.) por outros colectivos, incluíndo á Coordinadora Marea Roja de la Investigación á que tamén pertence InvestiGal.

Este día diremos:

  • NON a unha modificación da Lei da Ciencia que non resolve os problemas do envellecemento e precariedade das traballadoras da  investigación
  • NON a unha modificación da Lei da Ciencia que nega os dereitos laborais ó persoal da
      investigación.
  • NON a unha modificación da Lei da Ciencia que non recoñece a carreira profesional
     para o conxunto de escalas e sectores da ciencia.

A todas as persoas que vos acheguedes, pregámosvos acudir cunha prenda de cor vermella (e por suposto con máscara e distancia social).

Manifesto por unha lei de igualdade en investigación e ciencia

Dende InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, publicamos un manifesto, dispoñible nesta ligazón, para o que nos compracería contar co maior número de apoios posible. 

A desigualdade entre mulleres e homes na ciencia e na investigación segue sendo, lamentablemente, unha realidade. O moi recente Estudio sobre la situación de las jóvenes investigadoras (2021), realizado pola Unidad de Mujeres y Ciencia del Ministerio de Ciencia e Innovación, destaca que pese aos avances destes últimos anos en materia de igualdade de xénero, aínda faltan por implementar modificacións lexislativas orientadas en exclusiva a lograr a igualdade real de oportunidades. En Galicia, pode que esteamos a punto de conseguir esta desexada meta, pois actualmente existe unha proposta de Lei para isto. 

En InvestiGal cremos firmemente que lexislar é fundamental para avanzar en igualdade, e queremos apelar aos tres grupos parlamentarios e á súa responsabilidade para debater e dar resposta a esta necesidade. Cremos que o compromiso dos tres grupos que nos representan no Parlamento Galego é alto, e agardamos poder celebrar que Galicia sexa pioneira lexislando a prol da igualdade na investigación e ciencia, convertíndose nun modelo a seguir.

A nosa intención é rexistrar o manifesto adxunto o próximo 8 de marzo, día internacional da muller, no Parlamento de Galicia, polo que agradeceriamos que, no caso de querer apoialo, se asine este formulario (https://forms.gle/iG1wAPhQMFStkWN38) á maior brevidade. No formulario deberá indicarse o nome da entidade que o apoia xunto co seu CIF, ou ben o nome da persoa individual que o apoia xunto co seu DNI.

Tamén agradecemos a difusión desta información á calquera outra entidade ou persoa que nos poda dar o seu apoio.

Entrevista con Clara Cid Bengoa e África González

O día 11 de febreiro de cada ano está adicado ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este día, proclamado en 2015 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, ten como obxectivo lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para mulleres e nenas, ademais de lograr a igualdade de xénero. Deste InvestiGal quixemos sumarnos a esta iniciativa entrevistando a dúas das nosas socias: Clara Cid Bengoa e África González. No seguinte vídeo de YouTube podedes ver a entrevista completa:

A Xunta de Galicia comeza o 2021 co desmantelamento do principal programa de contratación de doutores do sistema galego de ciencia

InvestiGal-Rede Galega pola Investigación denuncia que a última convocatoria de contratos posdoutorais precariza aínda máis a investigación en Galicia, diminuíndo as posibilidades de progresión e limitando o atractivo de Galicia para iniciar a carreira investigadora.

  • As modificacións con respecto as anteriores convocatorias limitan o acceso das persoas solicitantes saltándose a convocatoria de 2020,  reducen o seu salario en máis de 6000€ anuais, e tamén reducen as horas de docencia por ano  que poden ser impartidas.
  • Esto constitúe unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara o desmantelamento gradual do principal programa de recursos humanos para a captación e formación de investigadores/as posdoutorais de Galicia.

Galicia, 7 de Xaneiro de 2020.

Dende InvestiGal gustaríanos salientar a importancia dos/as investigadores/as posdoutorais no sistema de I+D+i, que constitúen un persoal altamente formado (doutor) coa experiencia necesaria para realizar actividades de investigación con autonomía, o que deriva nunha alta produtividade e que xera coñecemento de alto valor engadido e un importante retorno económico e social. Recentemente, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) mesmo relacionou a alta produtividade das Universidades da rexión norte de Portugal (RNP) (1,71 publicacións/profesor·ano) con respecto ás tres Universidades galegas (1,05 publicacións/profesor·ano) debido ao importante número de investigadores posdoutorais que as Universidades portuguesas manteñen nas súas estruturas. Ademais, dende a RAGC xustifican que unha das posibles explicacións desta enorme diferenza entre as Universidades galegas e a RNP radica na política activa e intensa de captación de talento polas universidades portuguesas dende o ano 2000, coa incorporación dun número moi importante de investigadores de nivel internacional; de feito, o cadro de persoal de investigadores/as posdoutorais nas universidades portuguesas é notablemente máis elevado que nas galegas.

Pola contra, atendendo á última convocatoria de axudas predoutorais e posdoutorais publicadas esta semana conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, parece que a Xunta segue unha estratexia radicalmente oposta e que busca o desmantelamento do principal programa de captación de doutores/as da nosa comunidade en vez de realizar unha aposta firme por este perfil de investigadores posdoutorais que garantizan o retorno da inversión pública e fortalecen a competitivade do sistema de investigación galego. Dende InvestiGal levamos tempo propoñendo unha reforma estrutural do programa e ofrecéndonos a axudar no seu deseño, aportando o punto de vista do colectivo que inclúe o maior número de persoal investigador doutor de Galicia. Lonxe disto, o programa dirixido pola Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, introduce unha serie de cambios na convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral, equivalentes á antiga modalidade A, que son lesivos para os/as solicitantes con respecto a convocatorias anteriores (2012-2019), precarizan notablemente as súas condicións laborais e desincentivan a atracción de talento e a consolidación da carreira investigadora en Galicia. Isto supón un agravio comparativo para as persoas candidatas e as sitúan en desvantaxe co persoal investigador doutor que obtivo estas mesmas axudas durante os anos 2012-2019, salientando as seguintes:

  • Imposibilita o acceso á convocatoria ao persoal investigador que obtivo o titulo de doutor/a no ano 2015 ou de licenciatura, grao ou equivalente no 2009. Un ano máis, a falta de vontade dende a Secretaría Xeral de Universidades deixa fóra de xogo a aquelas persoas con grao de doutor/a que poderían reforzar o sistema galego de ciencia. Esta vez débese, novamente, á incongruencia da propia convocatoria, que indica que “poden optar a estas axudas os solicitantes que estean en posesión  do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de  xaneiro de 2016” e que “a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010”, mentres que para a convocatoria do ano 2019 o grao de doutor/a debía terse obtido “en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2014” e a do “título de licenciatura, grao ou equivalente igual o posterior al 1 de enero de 2008” . Tendo en conta que durante o ano 2020, igual que xa pasou no 2015, estas axudas non foron convocadas, e analizando os históricos das convocatorias publicadas no DOG, o lóxico e xusto sería que este prazo se ampliase para a obtención do título de doutor/a ata o 1 de xaneiro de 2015 e do 2009  para a obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento para a obtenición do título de doutor/a. A Secretaría Xeral de Universidades confirmou a InvestiGal que isto non se debeu a un erro, o que incomprensiblemente impide que as persoas afectadas poidan presentarse á única convocatoria de axudas para a formación posdoutoral ofertada pola Xunta de Galicia.
  • Número de axudas insuficientes: a convocatoria actual aumenta o número de axudas ata 49, 3 máis con respecto aos 46 contratos ofertados na convocatoria do 2019. Con todo, este aumento é falso, xa que asumindo que o ano 2020 quedou en “branco” e, se relativizamos ao número de axudas a dous anos (2020 e 2021) en vez de un (2021), o número de axudas ofertadas “reais” vese reducida á metade. De acordo con isto, dende InvestiGal esiximos un esforzo maior á Xunta de Galicia e unha aposta decidida pola I+D+i, máis tendo en conta que ano tras ano non se executa todo o orzamento asociado a estes programas, xa que parte dos investigadores non se benefician do programa ata o seu remate. Esto supón, por exemplo, máis de 430.000€ só na convocatoria do 2017. Dende InvestiGal esiximos unha explicación pública que xustifique a onde vai ese diñeiro público e por que non se destina ao persoal investigador afectado.
  • Redución significativa das remuneracións salariais do persoal investigador: a nova convocatoria elimina a fase de retorno que si tiña a antiga Modalidade A, na que os investigadores e investigadoras que obtiveron estas axudas entre o 2012-2019 debían permanecer investigando en Galicia durante o terceiro ano (e último) do contrato posdoutoral, e xustifícao coa idea de dotar de máis “flexibilidade” á hora de que as estadías no estranxeiro poidan desenvolverse ao longo dos 3 anos que duran os contratos. Con todo, o programa só financia estadías no estranxeiro durante un máximo de 24 meses, polo que as persoas beneficiarias permanecerán un mínimo de 12 meses investigando en Galicia. Durante estes 12 meses o salario destas persoas será de aproximadamente 1.500€ brutos mensuais, moi afastados dos 2.000€ brutos mensuais que percibe o persoal investigador que obtivese a mesma axuda entre 2012-2019. Esta importante rebaixa salarial sitúa a estes investigadores e investigadoras mesmo por baixo dos mínimos salariais fixados por algunhas institucións como a USC ou o CSIC nestes momentos nos que inclusive o Ministerio está incrementando salarios dos contratos posdoutorais Juan de la Cierva e Ramón y Cajal. 
  • 50 h menos de docencia por ano: outra novidade da convocatoria é a redución a un máximo de 30 h a docencia impartida en graos e másters universitarios, fronte ás 80 h que imparten os que obtiveron a mesma axuda entre 2012-2019. Esta redución nas horas de docencia aplícase tamén como novidade este ano a outros programas, como as axudas predoutorais.

Paralelamente, anunciouse a convocatoria das axudas para completar a formación posdoutoral, equivalentes á antiga Modalidade B, da cal depende o futuro de 24 dos 37 investigadores retornados que se atopan a día de hoxe en situación de desemprego debido á falta de previsión da Xunta de Galicia. Este colectivo vén reclamando a convocatoria das axudas desde Outubro, de maneira que se resolvesen antes de acabar os seus contratos en Decembro, e que as súas investigacións e labor docente non se viran paralizadas. Porén, a Xunta de Galicia manifestou que de carácter previo á convocatoria era necesaria a resolución da avaliación da Modalidade A, requisito que vemos hoxe eliminado no borrador da convocatoria e que pon de manifesto unha vez máis a falta de vontade por parte da Xunta de Galicia para manter a dignidade laboral dos seus traballadores.

Como contempla a propia convocatoria, a finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral “é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación”. As actuais modificacións afastan ás persoas candidatas deste obxectivo, e sitúanos nunha posición de desvantaxe fronte a outro persoal investigador. 
A crise social e sanitaria que atravesamos puxo de manifesto as carencias do sistema de investigación e Ciencia en España, e en particular en Galicia. Neste contexto, InvestiGal ten manifestado repetidamente a súa vontade para contribuir a corrixir os numerosos desequilibrios creados polo sistema e contribuir de forma activa a un mellor deseño da carreira investigadora. Dende InvestiGal consideramos que baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso, e que lonxe de coidar e incentivar o crecemento dun sector estratéxico para o futuro do país, constitúen unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara ao seu desmantelamento gradual. Isto  supón que case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano por unha xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia. Dende InvestiGal solicitouse unha reunión urxente cos responsables desta convocatoria co fin de reconducila, dado que aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG. Esiximos que se depuren responsabilidades e se rectifiquen as devanditas modificacións realizadas nesta convocatoria.

Mención “Promoción da Ciencia – Reivindicación e apoio á I+D+i a nivel nacional”

O Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses celebrou, o pasado luns 28 de decembro, a XI Reunión de Mozxs Investigadorxs no Extranxeiro (@IYImeeting).

Durante o encontro, que se celebrou de xeito telemático, InvestiGal recibiu a mención “Promoción da Ciencia – Reivindicación e apoio á I+D+i a nivel nacional”, pola labor que ven facendo desde o seu nacemento a principios de este ano 2020 que está a piques de rematar.

O premio foi recollido por Elena Lendoiro, presidenta de InvestiGal, quen fixo unha breve intervención no encontro para agradecer a mención e garantir o noso compromiso de continuar traballando en 2021 para mellorar a situación da investigación en Galicia.

Deixamos o vídeo de YouTube coa xuntanza completa:

Apoio ao comunicado de FPU Investiga para que se recoñeza o dereito á indemnización por fin de contrato do Persoal Investigador Predoutoral

O colectivo FPU Investiga fixo público, o mércores 25 de novembro, un comunicado pedindo o recoñecemento do dereito a indemnización por fin de contrato do Persoal Investigador Predoutoral. Dito comunicado, que podedes encontrar nesta ligazón, está apoiado por 19 entidades mais, entre as que se atopa InvestiGal.

Estes colectivos veñen mobilizándose desde que o 5 de novembro o Tribunal Supremo anulara unha decisión previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que recoñecía este dereito ao Persoal Investigador Predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tras as mobilizacións e diversas reunións con representantes de distintas formacións no congreso, conseguiron que se presentase unha emenda á lei dos presupostos xerais do estado para modificar a lexislación vixente e recoñecer expresamente o dereito á indemnización por fin de contrato deste colectivo.

Desde aquí queremos reiterar o noso apoio á esta iniciativa e desexar que por fin se recoñeza un dereito laboral fundamental a un colectivo esencial para a investigación. Porque sen ciencia non hai futuro!

InvestiGal denuncia a discriminación que continúan sofrindo as investigadoras posdoutorais ao ser penalizadas pola súa maternidade

InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, volve denunciar a situación de desamparo e discriminación que continúan sofrindo as investigadoras posdoutorais ao ser penalizadas pola súa maternidade  

Galicia, 23 de novembro de 2020.

Como xa aconteceu no pasado, as persoas pertencentes á convocatoria de Axudas Posdoutorais Xunta de Galicia 2017 que foron nais durante a duración dos seus contratos volven atopar as mesmas dificultades para continuar coa súa carreira investigadora a causa da falta de previsión e da negativa a implementar cambios significativos por parte da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e  GAIN para evitar situacións de desamparo e discriminación por maternidade que xa se están a converter en recorrentes dentro do sistema universitario e investigador galego.

InvestiGal reitera a importancia que ten que as persoas que disfrutaron de permisos de maternidade dispoñan de mecanismos reais de equiparación co resto das persoas coas que deben concorrer á seguinte convocatoria, establecendo criterios para ponderar os seus currículums ou outros que se consideren pertinentes para evitar que os períodos de suspensión conten como tempo traballado, e que a maternidade supoña unha penalización nas súas carreiras. Recentemente, incluso a valedora do Pobo se pronunciou a favor en resposta á queixa interposta por afectadas deste colectivo, da que a prensa se fixo eco.

Tanto InvestiGal como as persoas afectadas por permisos de maternidade e pertencentes á convocatoria 2017 solicitaron á Xunta de Galicia unha reunión para que dende a Secretaría Xeral de Universidade lles aclaren os termos mediante os cales van ser avaliadas e as medidas que esta consellería ten pensado tomar para a vindeira convocatoria de axudas que supoñen a continuación da súas carreiras investigadoras e que, previsiblemente, sairá a principios do 2021. Dada a falta de interese destas institucións á hora de facer calquera tipo de aclaración, presentouse por rexistro un documento cunha serie de propostas que a Xunta de Galicia podería aplicar de maneira inmediata a calqueira convocatoria de calquer ámbito para rematar con esta discriminación manifesta que impide que as mulleres científicas e investigadoras poidan desenvolver unha carreira de éxito. Estas medidas presentadas teñen como finalidade o obxectivo de que se cumpra a lei vixente tanto autonómica, como nacional e europea en materia de igualdade, xénero e conciliación.

InvestiGal insta á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e a GAIN a aplicar a lei e a rematar dunha vez por todas con este tipo de situacións inxustas que se veñen repetindo ano tras ano sen que se poña solución. Insta tamén á Conselleira de Emprego e Igualdade a mediar para que estas situacións de discriminación por xénero e violencia estructural contra as mulleres no ámbito da investigación deixen de producirse dunha vez por todas.

Comparecencia de InvestiGal na comisión de reactivación económica do Parlamento de Galicia

O venres 6 de novembro ás 10:30 InvestiGal compareceu na comisión non permanente especial que ten por obxecto de estudar, analizar e realizar propostas de actuación política con base na experiencia da xestión dos últimos meses e dirixidas á reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise orixinada pola pandemia da COVID-19, coa finalidade de protexer a cidadanía fronte á crise e promover o progreso da comunidade.

Mesa de comparecentes na sesión das 10:30. Á dereita, Elena Lendoiro, Presidenta de InvestiGal. Fonte: @Par_Gal

A comparecencia de InvestiGal foi levada a cabo por Elena Lendoiro, Presidenta de InvestiGal desde a súa creación, e pode verse integramente nesta ligazón á mediateca do Parlamento de Galicia: http://mediateca.parlamentodegalicia.gal/library/items/comision-non-permanente-especial-estudo-sobre-reactivacion-economica-social-cultural-galicia-pola-crise-covid-19-2020-11-06

Agradecemos ao Parlamento de Galicia ou seu convite e a oportunidade para presentar a nosa visión sobre a importancia da investigación e a ciencia para a reactivación económica da nosa comunidade. Esperamos poder seguir contribuíndo cosas nosas propostas para mellorar a situación das investigadoras e investigadores que desenvolven a súa labor en Galicia e traballar cóbado con cóbado cos nosos representantes no Parlamento para este fin.

O PPdeG vota en contra da iniciativa parlamentaria para convocar as axudas posdoutorais no 2020 e bloquea a situación dos/as investigadores/as

A negativa do grupo parlamentario popular levará a que 31 investigadores/as queden no paro en decembro e máis de 400 non poidan acceder a algunha das 50 axudas para iniciar a súa formación posdoutoral. 

Galicia, 15 de outubro de 2020.

O pasado martes debateuse no Parlamento de Galicia a proposta para desbloquear a situación dos/as investigadores/as posdoutorais provocada pola falta de previsión dende a Xunta de Galicia, que non convocará as axudas posdoutorais (Modalidade A e B) correspondentes a este ano. Esta iniciativa apoiada polos grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG-PSOE encontrouse coa negativa do PPdeG, da man dos deputados autonómicos Martín Fernández Prado e Valeriano Martínez García, que xustificaron a non convocatoria destas axudas en base a que “os contratos dos investigadores/as foron prorrogados 6 meses polo goberno autonómico”. Dende InvestiGal acollemos con sorpresa a negativa do grupo parlamentario popular e os seus argumentos, tendo en conta o comunicado emitido o pasado 29 de abril polo propio goberno galego no que se expón que a prorroga de seis meses serve para paliar os efectos que o estado de alarma tivo sobre as investigacións en curso e que en ningún caso xustifica a falta de convocatoria no 2020. En referencia á convocatoria do 2020, a Xunta expoñía nese mesmo comunicado que “no caso da modalidade A dos contratos posdoutorais, dado que a súa finalidade principal é a formación do persoal investigador durante dous anos no estranxeiro, adíase a publicación da convocatoria ata que as circunstancias así o aconsellen e permitan definir os novos parámetros polos que terá de rexerse” mentres que “no caso da modalidade B dos contratos posdoutorais, de permitilo as circunstancias prevese realizar unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021”. Ademais, a escusa da prórroga dos contratos non serve de argumento para non convocar a Modalidade A, xa que esta axuda está orientada para que os/as novos/as doutores/as (cerca de 400 por ano en Galicia) poidan iniciar a súa etapa posdoutoral. Isto implica que a maior parte destes investigadores xa defenderon a súa tese doutoral para acadar o estatus de doutor/a, polo que os seus contratos non foros prorrogados en ningún caso. Por outra banda, outros programas posdoutorais que implican mobilidade internacional si mantiveron sen alteracións o seu calendario de convocatorias, como as Postdoc Berri do Goberno Vasco (convocadas en xullo) ou o prestixioso programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA). 

Os problemas relacionados coa convocatoria destas axudas posdoutorais non son novos e amosan o pouco interese que o goberno de Galicia ten en considerar a investigación como eixo estratéxico do país. De feito, o deputado do PPdeG Martín Fernández Prado comezou a súa comparecencia no Parlamente dicindo “a verdade contábamos con esto, todos os anos por estas datas temos unha iniciativa sobre o tema das posdoutorais, a pesar de que saben que o sistema de Galicia é obxectivamente mellor co resto de España” [2:07 min]. Dende InvestiGal gustaríanos coñecer os parámetros en base aos cales afirma que o programa galego é mellor co resto de España, máis tendo en conta que en Galicia se inviste o 0,94% do PIB en I+D+i, valor por debaixo da media española (1,24%) ou europea (2%) e moi afastado doutras comunidades como o País Vasco (1,96%), Madrid (1,71%), Navarra (1,68%), Cataluña (1,52%) ou Castela e León (1,3%) (Fonte: FECYT). Coa precariedade dos investigadores/as non se pode frivolizar, e menos en sede parlamentaria, e pedimos respecto ante unha situación provocada pola falta de previsión (un ano máis) da Xunta de Galicia. Se coñecen os problemas, por que non os solucionan?

Con respecto á problemática destas axudas, non foron convocadas no ano 2010, 2015 e probablemente no 2020, e desde 2016 prodúcense atrasos sistemáticos na súa convocatoria, o que favorece que as persoas candidatas pasen longas tempadas desempregadas, agardando por esta oportunidade laboral, ou mesmo a fuga de cerebros ao estranxeiro, facendo que perdamos talento propio que foi formado con orzamentos públicos. Os longos tempos de espera, derivados da falta dun calendario fixo de convocatorias que si existe nos programas estatais e europeos ou incluso noutras comunidades, foi considerada como normal polo propio deputado Martín Fernández Prado, que comparou a non convocatoria das axudas autonómicas este ano coas estatais. Dende InvestiGal denunciamos que este argumento se afasta da realidade, posto que as axudas estatais (programas “Juan de la Cierva” ou “Ramón y Cajal”) correspondentes ao ano 2020 convocaranse, como veñen facendo tódolos anos, no mes de decembro, e ademais este ano o número de prazas verase incrementado nun 30%. Como colectivo de investigadore/as, InvestiGal é crítica coa actitude dos nosos políticos e esiximos que en sede parlamentaria estean á altura, xa que todas estas manifestacións denotan un descoñecemento total do sistema de investigación galego, español e europeo.

Dende InvestiGal solicitamos á Xunta de Galicia que convoque tanto a Modalidade A coma a Modalidade B o antes posible co fin de garantir a continuidade das carreiras dos investigadores/as posdoutorais. Ante a falta de previsión instamos a que a Xunta, igual que fixo noutros anos, financie con “contratos ponte” aos investigadoras/es posdoutorais que rematan o seu contrato o 31 de decembro ata que a nova convocatoria sexa publicada. Cabe destacar que a Xunta investiu entre 100.000 e 120.000 € na formación de cada unha destes investigadoras/es que quedarán no paro: co modelo actual formamos talento para o desfrute doutras comunidades ou países. Ademais, nos vindeiros días dende InvestiGal solicitaremos unha reunión con D. Francisco Conde, Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, e con D. Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, Cultura e Universidades para tratar de de traballar conxuntamente mediante unha colaboración activa co fin de buscar solucións ós problemas que afectan ós investigadores/as en Galicia.

Sabes o que é un doutoramento industrial? Entrevistamos a Daniel Dorribo para que nolo conte

Hai un tempo que se uniu a InvestiGal Daniel Dorribo Dorribo, un ourensán que marchou a Cataluña a facer un “doutoramento industrial” e que retornou recentemente para continuar a traballar na empresa. A súa vocación investigadora fíxolle facerse socio de InvestiGal e, para dar a coñecer esta experiencia co doutoramento industrial, unha modalidade descoñecida para moitos de nós, presentámosvos esta entrevista.

Quen é Daniel Dorribo Dorribo?

Son un rapaz dunha pequena aldea do Concello de Ourense, con interese dende moi novo pola ciencia e a tecnoloxía, en parte como consecuencia de ser fillo de #profedemates, pero tamén polo interese que sempre profesei por saber como funcionan “as cousas” e o ”o mundo” (iso é mais por cousa de meu pai, 😉 ). Todo isto levoume a estudar enxeñería, a mais xenérica, e o máis preto que podía, en Vigo. Gocei moito cos contidos desta carreira, tanto polas partes mais teóricas como aquelas máis prácticas. Nos últimos anos medrou o meu interese por Alemaña, por un lado porque parte da miña familia estivo emigrada alí, por outro pola coñecía importancia da enxeñería do pais xermano. Decidín estudar alemán no último ano de carreira, e funme de Erasmus a Munich para realizar o proxecto fin de carreira. Eran os anos de crise, o grupo de galegos que marchamos alí foi grande. Moitos aínda seguen alí xa que as condicións laborais non teñen nada que ver coas de aquí, e non só no económico. Eu voltei para facer un Master na USC, de ano e medio. Ao acabar o primeiro ano busquei desesperadamente unha forma de por en práctica os meus coñecementos, pero en Galicia foi imposible atopar algo cunhas mínimas condicións. Xurdiu unha oportunidade en Barcelona e alí marchei a realizar o Doctorat Industrial, un pouco a cegas, aínda que sabendo que era unha moi boa oportunidade de seguir vinculado á academia, sen deixar de facer algo aplicado na industria. Tras tres anos de contrato asociado ao Doctorat Industrial, con estancia nunha sede alemá da empresa, comecei o traballo como enxeñeiro en Barcelona, na empresa onde fixera o doutoramento. Como desvantaxe tiven que deixar mundo académico e a investigación. Despois de outros tres anos así, xurdiume a oportunidade de traballar nunha empresa sueca punteira no sector e cunha sede en… Galicia! E niso estou agora, intentando manter contacto coa academia, cousa difícil. Por agora dando clase dunha optativa nun Grao nunha universidade catalana, a Uvic-UCC.

Cóntanos brevemente en qué consiste o programa Doctorats Industrials?

O programa de “Doctorats Industrials” é un programa pioneiro en España que foi potenciado pola Generalitat de Catalunya. Ten unha larga tradición noutros países europeos, especialmente nos máis nórdicos, como Suecia, Dinamarca, Reino Unido ou Noruega. A idea principal é que un estudante de doutorado realice unha investigación que reporte certos beneficios a unha empresa (estes non sempre teñen que ser económicos, poden ser de transferencia de coñecemento) á vez que realice unha tese doutoral coas publicacións científicas asociadas. Existe por parte da empresa que se encarga de orientar a parte máis aplicada, e outra por parte da universidade que se encarga da orientación máis teórica así como do relativo a realización da tese e das publicacións. No específico ao caso catalán, no que eu fun parte da proba piloto, foi a Generalitat quen se puxo en contacto con varias empresas das máis potentes de Catalunya, para promover estas colaboracións. A Generalitat axuda economicamente a estas empresas, e paga ademais parte dos custos académicos do doutorado. O programa foi medrando, e cada vez foron entrando máis empresas (de todos os tamaños) e máis estudantes. Neste vídeo a miña titora de tese fala da experiencia referíndose ao meu caso. Para min é fundamental que se estreiten pontes entre as universidades e o tecido industrial. Que haxa este tipo de perfil máis académico na industria é imprescindible.

Como coñeciches o programa?

Foi unha oferta pública dunha “PhD Position” da que me decatei grazas á xestora de investigación do mestrado que estaba cursando na USC. Solicitei e fun seleccionado entre diversos candidatos.

Terías preferido quedar en Galicia (en outra forma de investigación ou nunha similar se a houbese?)

Está claro que traballar en Galicia estaba entre as miñas preferencias naquel momento, pero necesitaba atopar algo motivador, non me vía facendo un doutoramento ao uso xa que me gusta estar máis en contacto coa aplicabilidade dos coñecementos. Por outra parte as ofertas de investigacións en empresas que se ofreceron no momento eran interesantes tecnicamente, pero sen ningún tipo de contrato nin salario, semellaba que as empresas de aquí están acostumadas a que se traballe ou investigue para elas de balde.

Cres que sería posible ter en Galicia algo parecido? Como?

Por suposto que é posible, pero hai que dar moitos pasos para iso. En primeiro lugar necesítase un soporte institucional do goberno (autonómico?) que promova e financie este tipo de programas tal e como fai a Generalitat de Catalunya. Pero esta condición necesaria non é nin moito menos suficiente. Son da opinión que un programa así, sen un seguimento, só serve para que as empresas privadas teñan a un traballador cuxo salario esta sendo pagado polos presupostos públicos, sen dar ningún rédito ás outras dúas partes: neste caso o sistema universitario galego e a Xunta. Debe haber algún tipo de organismo que se encargue do control, o seguimento e a coordinación das actividades do doutoramento industrial, non debe ser algo para sacar a foto o primeiro día e o último. Outra parte moi importante é atopar perfís dentro da universidade que estean dispostos a apartarse dos seus marcos teóricos de investigación para titorizar alumnos que buscan resultados máis aplicados. Isto depende claro está da rama da investigación, non ten nada que ver as ciencias puras coas enxeñerías ou as humanidades. É necesario tamén algo que para min é moi difícil, o máis difícil, unha vontade de cambio de como se fan as cousas dentro das empresas.

Un doutorado vai querer sempre “testear” cousas novas no proceso produtivo ou no xeito de como se traballa nunha empresa que leva moitos anos facendo o mesmo, e el só non vai poder facelo. Necesita alguén da súa parte dentro da empresa, que debe ser o titor industrial, que guíe ao estudante de doutoramento e o oriente, que lle indique se merece a pena probar algo, e que poida convencer aos xefes de que eses cambios merece a pena probalos. Ese tipo de perfís creo que son os máis difíciles de atopar dentro dunha empresa actualmente en Galicia. Mellor dito na Galicia que vive en Galicia. Ocórreseme que pode ser clave contar con toda esa Galicia exterior, todos eses perfís de xente que marcharon a traballar ao comezos da crise e que levan anos collendo experiencia e formándose en empresas privadas e universidades punteiras por toda Europa ou o mundo. Aínda que claro, para iso hai que atopalos (a importancia de facer rede!) e motivalos para que queiran desenvolver a súa carreira investigadora/profesional aquí. E para iso o “salario emocional” non é moitas veces suficiente.

Como ves o futuro da investigación?

Oxalá tivese unha bariña máxica. O que está moi claro e que a investigación no país que vivimos é algo moi vocacional. Tenche que gustar algo moito para que estes disposto a dedicar tanto tempo e esforzo sen ter un rédito asegurado. Lamentablemente non todo o mundo se pode permitir esta inestabilidade económica. A investigación pura é so posible con grandes inversións por parte das entidades públicas que lamentablemente non creo que se poida dar no contexto económico que vivimos. O número de estudantes de doutorado e de teses presentadas medra ano a ano, e os postos vacantes dentro da universidade redúcense. Non ten ningún sentido que todo ese coñecemento se perda. Moitos destes doutores acaban traballando en postos onde están sobre cualificados, no ensino secundario, ou no sector privado. É algo que levo moi mal. Canto estamos perdendo con isto? Toda esa materia gris tirada ao lixo. Debemos construír pontes entre os coñecementos xerados na academia e as necesidades da industria, e os programas como o de “Doctorats Industrials” son fundamentais para iso.