InvestiGal organiza un ciclo de xornadas titulado “Doutoramento: hai vida fóra da Universidade?”, no que diversos actores falarán de oportunidades para traballar en investigación e ciencia no sector privado. Teremos a oportunidade de coñecer a experiencia de persoas que tras o doutoramento deixaron a academia para traballar no sector privado, así como das empresas que contan con estes perfís profesionais entre o seu persoal. Esta actividade conta ca participación de AIMEN, CEAMSA, Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial Das Ciencias Da Vida), e Hifas da Terra.
Cando e onde?
As xornadas terán lugar os martes 11, 18 e 25 de xaneiro de 19:30h a 20:30h. A ligazón para acceder ás xornadas en liña é a seguinte: https://i.gal/xornadas-xaneiro
Programa e poñentes
Martes 11 de xaneiro
19.30 – 19.45. Jade Irisarri. Doutora en bioloxía e Responsable Regulatory & Seg. Alimentaria de Pescanova.
19.45 – 20.00. Francisco Gontad. Doutor en Física Aplicada e investigador senior no grupo de microprocesado láser en AIMEN.
20.00 – 20.15. Andrea Fernández. Bióloga e doutora traballadora de Ceamsa e tamén traballadora por conta propia en Amalgamasilvestre.
20.15 – 20. 30. Francisco Alonso. Arqueólogo en Tempos Arqueólogos.
Martes 18 de xaneiro
19.30 – 19.45. Miguel Vieito. Avogado en exercicio, especializado en Dereito e Saúde e Dereito Anti-discriminatorio. É ademais mediador e experto en bioética, sendo vogal, entre outros órganos, do Consello Galego de Bioética
19.45 – 20.00. Fernando Pérez. Enxeñeiro forestal, doutor e traballador na empresa Föra Forest Technologies.
20.00 – 20.15. Julio Martínez. Representante do Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial Das Ciencias Da Vida).
20.15 – 20. 30. Diego Alberto Fernández. Biólogo e doutor traballador en Hifas da Terra.
Martes 25 de xaneiro
19.30 – 19.45. Tamara Delgado. Doutora en procesado de materiales con láser. Actualmente traballa en AIMEN.
19.45 – 20.00. Elena Santidrian. Veterinaria e traballadora nunha empresa de terapia xénica en Amsterdam.
20.00 – 20.15. Brais Romero. Xornalista cultural e programador de cinema, foi director da revista de cine A Cuarta Parede.
20.15 – 20. 30. Ambroise Vandewynckele. Coordinador de procesos de fabricación avanzada en AIMEN.
Entre o 13 e 15 de xaneiro de 2022 tiveron lugar as IV Xornadas “A Luz da Ciencia” no Pazo de Mariñán. Dende InvestiGal tivemos a oportunidade de estar representadas por María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García e Zulema Varela Río, investigadoras e socias de InvestiGal desde o seu nacemento, quen participaron na segunda sesión sobre “Ciencia, investigación e xénero”. Nesta intervención, que podedes ver integramente en YouTube, falaron a Lei Ángeles Alvariño e fixeron unha análise da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación científica.
InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, foi citada a comparecer na Subcomisión relativa ao desenvolvemento do Pacto pola Ciencia e a Innovación e o Estudo e Análise da Modificación da Lei da Ciencia, creada no seo da Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades do Congreso dos Deputados.
Dita comparecencia terá lugar o mércores 6 de octubre de 2021 ás 17:30h na sesión que se celebrará a partir das 16:00 horas. As representantes de InvestiGal nesta comparecencia serán Zulema Varela, actualmente tesoreira da asociación e investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela, e Vanessa Valdiglesias, investigadora Beatriz Galindo da Universidade da Coruña.
Como vimos denunciando desde a nosa creación en febreiro de 2020, a carreira investigadora é cada vez máis complicada debido á falta de investimento e de políticas firmes de retención e captación de talento, que en última instancia se traducen nunha fuga de cerebros constante e nun sistema de I+D+i débil. Esta fuga de cerebros supón, ademais dunha perda moi importante de recursos humanos, a perda do investimento de diñeiro público realizado en formar a centos de investigadoras e investigadores. Por outra banda, este investimento continúa a ser moi reducido, pois de acordo cos últimos datos oficiais (ano 2019), España só inviste o 1,24% do seu PIB en I+D+i, cando a media europea é do 2,11%. Unha cifra que aínda se fai máis pequena se temos en conta que o obxectivo do Horizonte 2020 era chegar ao 3%.
Nesta comparecencia presentaremos algunhas propostas que cremos que poden mellorar o noso sistema de I+D+i, pois cremos que as reformas das leis da ciencia e de universidades deben ser un punto de inflexión e preséntanse como unha boa oportunidade para atallar a meirande parte dos problemas que ten o sistema de I+D+i español. O principal cambio debe ser unha nova mentalidade que aposte realmente polo I+D+i como motor económico e social, comezando por definir unha carreira investigadora para todos os ámbitos (tecnólogos, persoal técnico de apoio, persoal xestor, investigadores do Sistema Nacional de Saúde, e persoal de investigación en OPIs e universidades) que garanta unha estabilización a medio prazo.
O Consello de Ministros aprobou o 31 de marzo o proxecto de reforma da Lei de Ciencia 14/2011, que non atende as demandas históricas do colectivo investigador e perpetuará a precariedade do mesmo.
Consideramos que a reforma non fará máis que perpetuar a precariedade existente, pois non garante a estabilización do persoal investigador de calquera ámbito nin o pleno dereito laboral desde o comezo da carreira investigadora.
A concentración súmase as convocadas para a mesma tarde do xoves por outros colectivos investigadores en distintas cidades coma Sevilla, Barcelona, Valencia ou Madrid.
A Rede Galega pola Investigación – InvestiGal convoca unha concentración en contra da reforma da Lei da Ciencia 14/2011 o próximo xoves día 15 de abril ás 18:00h. Dita concentración terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e súmase ás convocadas en outras cidades (Madrid, Valencia, Sevilla, etc.) por outros colectivos investigadores, incluíndo á Coordinadora Marea Roja de la Investigación á que tamén pertence InvestiGal.
Precisamente a Coordinadora Marea Roja de la Investigación publicou hai uns días un resumo dos principais cambios que esta reforma pretende introducir. Unha das modificacións estrela é a introdución da figura Tenure Track, co obxectivo de crear unha carreira máis atractiva, ordenada e estable, que reduza a idade media de entrada. Este novo programa aparece xunto á extinción da figura de Científico Titular de Organismos Públicos de Investigación (OPIs), de xeito que coa nova lei serán sustituidos postos de funcionarios por prazas de persoal fixo laboral, con moita menos independencia e unha importante redución dos dereitos laborais (complementos por antiguidade, etc.). Basicamente, o que se propón na reforma é a fusión dos actuais contratos Ramón y Cajal, que dan lugar a postos estables (nalgúns casos) de Científico/a Titular en OPIs ou Contratado/a Doutor en universidades tras obter a avaliación positiva no programa I3, nun único contrato laboral con cláusulas de despido e menos dereitos.
As análises feitas por distintos colectivos sinalan que a reforma non garante a estabilización do persoal investigador xa que a oferta dos contratos Tenure Track segue condicionada a cada Oferta Pública de Emprego, quedando a contratación en maos dos centros de destino e dun comité de expertos. Ademais, o Ministerio de Traballo recoñeceu que o novo contrato “non resolve as necesidades de estabilización da gran bolsa de persoal investigador precario de larga duración existente hoxe en día no sistema de investigación” e plantexa dúbidas legais e xurídicas relativas a súa implantación. En resumo, preténdese a substitución do sistema actual, que xa define unha carreira ordenada, por outro con menos dereitos, máis precariedade, e sin compromiso de aumento do investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente.
Outro aspecto importante e negativo da reforma é que non recoñece a carreira investigadora de todas as escalas e sectores da investigación. En primeiro lugar, elimina a única forma de promoción interna que agora mesmo existe para o persoal técnico de investigación de OPIs, ponte entre a escala técnica e científica. Ademais, a modificación da lei volve a esquecerse deste persoal, xa que unha década despois de súa aprobación, continua sen desenvolverse a escala de Tecnólogo de OPI que aparece no artigo 29 de dita lei. E en segundo lugar, a reforma esquece completamente os investigadores hospitalarios que desenvolven a súa actividade nos centros do Sistema Nacional de Saúde, que actualmente carecen de carreira profesional, e que esta reforma tampouco desenvolve, deixándoos de novo nun limbo laboral. Faltando ó compromiso adquirido no Eixo 1 do Plan de Choque para a Ciencia e a Innovación, presentado polo presidente do Goberno en Xulio de 2020. En Euskadi ou na Comunitat Valenciana estabilizarónse a este tipo de traballadores como investigadores estatutarios, que é o que marca a Lei de Investigación Biomédica. Pedimos que isto se faga extensivo ó resto do estado.
Finalmente, seguen sen incluírse os compromisos adquiridos cos colectivos de investigación predoutorais (coma dereito á indemnización por finalización de contrato) nin as urxentes necesidades nas etapas postdoutorais (estatuto de investigadores postdoctorales e unificación de salarios).
E por todos estes motivos, o día 15 sairemos as rúas para dicir:
Non a unha modificación da Lei da Ciencia que non resolve os problemas do envellecemento e precariedade das traballadoras da investigación.
Non a unha modificación da Lei da Ciencia que nega os dereitos laborais ó persoal da investigación.
Non a unha modificación da Lei da Ciencia que non recoñece a carreira profesional para o conxunto de escalas e sectores da ciencia.
Todas as entidades que convocan estas concentracións solicitan ó Goberno do Estado incluir dentro deste proxecto de reforma todos os dereiros e garantías laborais que deben acompañar á contratación pública en todas as escalas de investigación, e abrir unha mesa de negociación con todos os axentes sociais involucrados e os ministerios afectados con fin de redactar unha nova lei, actualizada en fondo e forma coas necesidades históricas de noso colectivo.
Desde InvestiGal animamos a toda a cidadanía a sumarse a concentración do vindeiro xoves 15 de abril para demostrar o seu apoio ao persoal investigador, nun momento no que está demostrado que o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación é fundamental para superar calquera tipo de crise.
InvestiGal convoca, conxuntamente co colectivo FPU Investiga, unha concentración en contra da reforma da Lei da Ciencia o próximo xoves día 15 de abril ás 18:00h. Dita concentración terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e súmase ás convocadas en outras cidades (Madrid, Valencia, Sevilla, etc.) por outros colectivos, incluíndo á Coordinadora Marea Roja de la Investigación á que tamén pertence InvestiGal.
Este día diremos:
NON a unha modificación da Lei da Ciencia que non resolve os problemas do envellecemento e precariedade das traballadoras da investigación
NON a unha modificación da Lei da Ciencia que nega os dereitos laborais ó persoal da investigación.
NON a unha modificación da Lei da Ciencia que non recoñece a carreira profesional para o conxunto de escalas e sectores da ciencia.
A todas as persoas que vos acheguedes, pregámosvos acudir cunha prenda de cor vermella (e por suposto con máscara e distancia social).
Dende InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, publicamos un manifesto, dispoñible nesta ligazón, para o que nos compracería contar co maior número de apoios posible.
A desigualdade entre mulleres e homes na ciencia e na investigación segue sendo, lamentablemente, unha realidade. O moi recente Estudio sobre la situación de las jóvenes investigadoras (2021), realizado pola Unidad de Mujeres y Ciencia del Ministerio de Ciencia e Innovación, destaca que pese aos avances destes últimos anos en materia de igualdade de xénero, aínda faltan por implementar modificacións lexislativas orientadas en exclusiva a lograr a igualdade real de oportunidades. En Galicia, pode que esteamos a punto de conseguir esta desexada meta, pois actualmente existe unha proposta de Lei para isto.
En InvestiGal cremos firmemente que lexislar é fundamental para avanzar en igualdade, e queremos apelar aos tres grupos parlamentarios e á súa responsabilidade para debater e dar resposta a esta necesidade. Cremos que o compromiso dos tres grupos que nos representan no Parlamento Galego é alto, e agardamos poder celebrar que Galicia sexa pioneira lexislando a prol da igualdade na investigación e ciencia, convertíndose nun modelo a seguir.
A nosa intención é rexistrar o manifesto adxunto o próximo 8 de marzo, día internacional da muller, no Parlamento de Galicia, polo que agradeceriamos que, no caso de querer apoialo, se asine este formulario (https://forms.gle/iG1wAPhQMFStkWN38) á maior brevidade. No formulario deberá indicarse o nome da entidade que o apoia xunto co seu CIF, ou ben o nome da persoa individual que o apoia xunto co seu DNI.
Tamén agradecemos a difusión desta información á calquera outra entidade ou persoa que nos poda dar o seu apoio.
O día 11 de febreiro de cada ano está adicado ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este día, proclamado en 2015 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, ten como obxectivo lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para mulleres e nenas, ademais de lograr a igualdade de xénero. Deste InvestiGal quixemos sumarnos a esta iniciativa entrevistando a dúas das nosas socias: Clara Cid Bengoa e África González. No seguinte vídeo de YouTube podedes ver a entrevista completa:
InvestiGal-Rede Galega pola Investigación denuncia que a última convocatoria de contratos posdoutorais precariza aínda máis a investigación en Galicia, diminuíndo as posibilidades de progresión e limitando o atractivo de Galicia para iniciar a carreira investigadora.
As modificacións con respecto as anteriores convocatorias limitan o acceso das persoas solicitantes saltándose a convocatoria de 2020, reducen o seu salario en máis de 6000€ anuais, e tamén reducen as horas de docencia por ano que poden ser impartidas.
Esto constitúe unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara o desmantelamento gradual do principal programa de recursos humanos para a captación e formación de investigadores/as posdoutorais de Galicia.
Galicia, 7 de Xaneiro de 2020.
Dende InvestiGal gustaríanos salientar a importancia dos/as investigadores/as posdoutorais no sistema de I+D+i, que constitúen un persoal altamente formado (doutor) coa experiencia necesaria para realizar actividades de investigación con autonomía, o que deriva nunha alta produtividade e que xera coñecemento de alto valor engadido e un importante retorno económico e social. Recentemente, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) mesmo relacionou a alta produtividade das Universidades da rexión norte de Portugal (RNP) (1,71 publicacións/profesor·ano) con respecto ás tres Universidades galegas (1,05 publicacións/profesor·ano) debido ao importante número de investigadores posdoutorais que as Universidades portuguesas manteñen nas súas estruturas. Ademais, dende a RAGC xustifican que unha das posibles explicacións desta enorme diferenza entre as Universidades galegas e a RNP radica na política activa e intensa de captación de talento polas universidades portuguesas dende o ano 2000, coa incorporación dun número moi importante de investigadores de nivel internacional; de feito, o cadro de persoal de investigadores/as posdoutorais nas universidades portuguesas é notablemente máis elevado que nas galegas.
Pola contra, atendendo á última convocatoria de axudas predoutorais e posdoutorais publicadas esta semana conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, parece que a Xunta segue unha estratexia radicalmente oposta e que busca o desmantelamento do principal programa de captación de doutores/as da nosa comunidade en vez de realizar unha aposta firme por este perfil de investigadores posdoutorais que garantizan o retorno da inversión pública e fortalecen a competitivade do sistema de investigación galego. Dende InvestiGal levamos tempo propoñendo unha reforma estrutural do programa e ofrecéndonos a axudar no seu deseño, aportando o punto de vista do colectivo que inclúe o maior número de persoal investigador doutor de Galicia. Lonxe disto, o programa dirixido pola Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, introduce unha serie de cambios na convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral, equivalentes á antiga modalidade A, que son lesivos para os/as solicitantes con respecto a convocatorias anteriores (2012-2019), precarizan notablemente as súas condicións laborais e desincentivan a atracción de talento e a consolidación da carreira investigadora en Galicia. Isto supón un agravio comparativo para as persoas candidatas e as sitúan en desvantaxe co persoal investigador doutor que obtivo estas mesmas axudas durante os anos 2012-2019, salientando as seguintes:
Imposibilita o acceso á convocatoria ao persoal investigador que obtivo o titulo de doutor/a no ano 2015 ou de licenciatura, grao ou equivalente no 2009. Un ano máis, a falta de vontade dende a Secretaría Xeral de Universidades deixa fóra de xogo a aquelas persoas con grao de doutor/a que poderían reforzar o sistema galego de ciencia. Esta vez débese, novamente, á incongruencia da propia convocatoria, que indica que “poden optar a estas axudas os solicitantes que estean en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016” e que “a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010”, mentres que para a convocatoria do ano 2019 o grao de doutor/a debía terse obtido “en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2014” e a do “título de licenciatura, grao ou equivalente igual o posterior al 1 de enero de 2008” . Tendo en conta que durante o ano 2020, igual que xa pasou no 2015, estas axudas non foron convocadas, e analizando os históricos das convocatorias publicadas no DOG, o lóxico e xusto sería que este prazo se ampliase para a obtención do título de doutor/a ata o 1 de xaneiro de 2015 e do 2009 para a obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento para a obtenición do título de doutor/a. A Secretaría Xeral de Universidades confirmou a InvestiGal que isto non se debeu a un erro, o que incomprensiblemente impide que as persoas afectadas poidan presentarse á única convocatoria de axudas para a formación posdoutoral ofertada pola Xunta de Galicia.
Número de axudas insuficientes: a convocatoria actual aumenta o número de axudas ata 49, 3 máis con respecto aos 46 contratos ofertados na convocatoria do 2019. Con todo, este aumento é falso, xa que asumindo que o ano 2020 quedou en “branco” e, se relativizamos ao número de axudas a dous anos (2020 e 2021) en vez de un (2021), o número de axudas ofertadas “reais” vese reducida á metade. De acordo con isto, dende InvestiGal esiximos un esforzo maior á Xunta de Galicia e unha aposta decidida pola I+D+i, máis tendo en conta que ano tras ano non se executa todo o orzamento asociado a estes programas, xa que parte dos investigadores non se benefician do programa ata o seu remate. Esto supón, por exemplo, máis de 430.000€ só na convocatoria do 2017. Dende InvestiGal esiximos unha explicación pública que xustifique a onde vai ese diñeiro público e por que non se destina ao persoal investigador afectado.
Redución significativa das remuneracións salariais do persoal investigador: a nova convocatoria elimina a fase de retorno que si tiña a antiga Modalidade A, na que os investigadores e investigadoras que obtiveron estas axudas entre o 2012-2019 debían permanecer investigando en Galicia durante o terceiro ano (e último) do contrato posdoutoral, e xustifícao coa idea de dotar de máis “flexibilidade” á hora de que as estadías no estranxeiro poidan desenvolverse ao longo dos 3 anos que duran os contratos. Con todo, o programa só financia estadías no estranxeiro durante un máximo de 24 meses, polo que as persoas beneficiarias permanecerán un mínimo de 12 meses investigando en Galicia. Durante estes 12 meses o salario destas persoas será de aproximadamente 1.500€ brutos mensuais, moi afastados dos 2.000€ brutos mensuais que percibe o persoal investigador que obtivese a mesma axuda entre 2012-2019. Esta importante rebaixa salarial sitúa a estes investigadores e investigadoras mesmo por baixo dos mínimos salariais fixados por algunhas institucións como a USC ou o CSIC nestes momentos nos que inclusive o Ministerio está incrementando salarios dos contratos posdoutorais Juan de la Cierva e Ramón y Cajal.
50 h menos de docencia por ano: outra novidade da convocatoria é a redución a un máximo de 30 h a docencia impartida en graos e másters universitarios, fronte ás 80 h que imparten os que obtiveron a mesma axuda entre 2012-2019. Esta redución nas horas de docencia aplícase tamén como novidade este ano a outros programas, como as axudas predoutorais.
Paralelamente, anunciouse a convocatoria das axudas para completar a formación posdoutoral, equivalentes á antiga Modalidade B, da cal depende o futuro de 24 dos 37 investigadores retornados que se atopan a día de hoxe en situación de desemprego debido á falta de previsión da Xunta de Galicia. Este colectivo vén reclamando a convocatoria das axudas desde Outubro, de maneira que se resolvesen antes de acabar os seus contratos en Decembro, e que as súas investigacións e labor docente non se viran paralizadas. Porén, a Xunta de Galicia manifestou que de carácter previo á convocatoria era necesaria a resolución da avaliación da Modalidade A, requisito que vemos hoxe eliminado no borrador da convocatoria e que pon de manifesto unha vez máis a falta de vontade por parte da Xunta de Galicia para manter a dignidade laboral dos seus traballadores.
Como contempla a propia convocatoria, a finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral “é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación”. As actuais modificacións afastan ás persoas candidatas deste obxectivo, e sitúanos nunha posición de desvantaxe fronte a outro persoal investigador. A crise social e sanitaria que atravesamos puxo de manifesto as carencias do sistema de investigación e Ciencia en España, e en particular en Galicia. Neste contexto, InvestiGal ten manifestado repetidamente a súa vontade para contribuir a corrixir os numerosos desequilibrios creados polo sistema e contribuir de forma activa a un mellor deseño da carreira investigadora. Dende InvestiGal consideramos que baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso, e que lonxe de coidar e incentivar o crecemento dun sector estratéxico para o futuro do país, constitúen unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara ao seu desmantelamento gradual. Isto supón que case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano por unha xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia. Dende InvestiGal solicitouse unha reunión urxente cos responsables desta convocatoria co fin de reconducila, dado que aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG. Esiximos que se depuren responsabilidades e se rectifiquen as devanditas modificacións realizadas nesta convocatoria.
Durante o encontro, que se celebrou de xeito telemático, InvestiGal recibiu a mención “Promoción da Ciencia – Reivindicación e apoio á I+D+i a nivel nacional”, pola labor que ven facendo desde o seu nacemento a principios de este ano 2020 que está a piques de rematar.
La mención de “Promoción de la Ciencia” Reivindicación y apoyo a la I+D+i a nivel nacional, es para @InvestiGal!!! 👏🏼👏🏼 Enhorabuena y gracias por la gran labor que estáis haciendo 🤩
O premio foi recollido por Elena Lendoiro, presidenta de InvestiGal, quen fixo unha breve intervención no encontro para agradecer a mención e garantir o noso compromiso de continuar traballando en 2021 para mellorar a situación da investigación en Galicia.
Deixamos o vídeo de YouTube coa xuntanza completa:
O colectivo FPU Investiga fixo público, o mércores 25 de novembro, un comunicado pedindo o recoñecemento do dereito a indemnización por fin de contrato do Persoal Investigador Predoutoral. Dito comunicado, que podedes encontrar nesta ligazón, está apoiado por 19 entidades mais, entre as que se atopa InvestiGal.
🔴 COMUNICADO 🔴
Desde @FPUinvestiga, junto con otras 19 organizaciones (GRACIAS), pedimos a TODOS los partidos políticos que apoyen la enmienda para modificar la Ley de la Ciencia 14/2011 y reconocer el derecho a indemnización por fin de contrato para el colectivo predoctoral. pic.twitter.com/LWHeqa3JDg
Estes colectivos veñen mobilizándose desde que o 5 de novembro o Tribunal Supremo anulara unha decisión previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que recoñecía este dereito ao Persoal Investigador Predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tras as mobilizacións e diversas reunións con representantes de distintas formacións no congreso, conseguiron que se presentase unha emenda á lei dos presupostos xerais do estado para modificar a lexislación vixente e recoñecer expresamente o dereito á indemnización por fin de contrato deste colectivo.
Desde aquí queremos reiterar o noso apoio á esta iniciativa e desexar que por fin se recoñeza un dereito laboral fundamental a un colectivo esencial para a investigación. Porque sen ciencia non hai futuro!