InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, volve denunciar a situación de desamparo e discriminación que continúan sofrindo as investigadoras posdoutorais ao ser penalizadas pola súa maternidade
Galicia, 23 de novembro de 2020.
Como xa aconteceu no pasado, as persoas pertencentes á convocatoria de Axudas Posdoutorais Xunta de Galicia 2017 que foron nais durante a duración dos seus contratos volven atopar as mesmas dificultades para continuar coa súa carreira investigadora a causa da falta de previsión e da negativa a implementar cambios significativos por parte da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e GAIN para evitar situacións de desamparo e discriminación por maternidade que xa se están a converter en recorrentes dentro do sistema universitario e investigador galego.
InvestiGal reitera a importancia que ten que as persoas que disfrutaron de permisos de maternidade dispoñan de mecanismos reais de equiparación co resto das persoas coas que deben concorrer á seguinte convocatoria, establecendo criterios para ponderar os seus currículums ou outros que se consideren pertinentes para evitar que os períodos de suspensión conten como tempo traballado, e que a maternidade supoña unha penalización nas súas carreiras. Recentemente, incluso a valedora do Pobo se pronunciou a favor en resposta á queixa interposta por afectadas deste colectivo, da que a prensa se fixo eco.
Tanto InvestiGal como as persoas afectadas por permisos de maternidade e pertencentes á convocatoria 2017 solicitaron á Xunta de Galicia unha reunión para que dende a Secretaría Xeral de Universidade lles aclaren os termos mediante os cales van ser avaliadas e as medidas que esta consellería ten pensado tomar para a vindeira convocatoria de axudas que supoñen a continuación da súas carreiras investigadoras e que, previsiblemente, sairá a principios do 2021. Dada a falta de interese destas institucións á hora de facer calquera tipo de aclaración, presentouse por rexistro un documento cunha serie de propostas que a Xunta de Galicia podería aplicar de maneira inmediata a calqueira convocatoria de calquer ámbito para rematar con esta discriminación manifesta que impide que as mulleres científicas e investigadoras poidan desenvolver unha carreira de éxito. Estas medidas presentadas teñen como finalidade o obxectivo de que se cumpra a lei vixente tanto autonómica, como nacional e europea en materia de igualdade, xénero e conciliación.
InvestiGal insta á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e a GAIN a aplicar a lei e a rematar dunha vez por todas con este tipo de situacións inxustas que se veñen repetindo ano tras ano sen que se poña solución. Insta tamén á Conselleira de Emprego e Igualdade a mediar para que estas situacións de discriminación por xénero e violencia estructural contra as mulleres no ámbito da investigación deixen de producirse dunha vez por todas.