InvestiGal acolle positivamente a prórroga de contratos predoutorais e postoutorais en investigación anunciada pola Xunta de Galicia, pero indica que non é suficiente

InvestiGal aplaude a prórroga, anunciada pola Xunta, de seis meses en todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma pero reclama incluír á totalidade do persoal contratado de duración determinada doutras entidades.

  • InvestiGal vén reclamando nas últimas semanas[1] ás axencias galegas de financiamento, universidades e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria da COVID-19.
  • A Xunta de Galicia anunciou[2] hoxe que Educación e a Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos afectados polo estado de alarma.
  • Solicitamos que a prórroga dos contratos de investigación se extenda a todos os contratos de persoal investigador, co fin de evitar agravios comparativos entre o persoal investigador en función da entidade financiadora dos seus contratos ou das diferentes modalidades de vinculación laboral que posúan. Asímesmo, demandamos o compromiso da Xunta de Galicia para blindar as prazas e presupostos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021.

Galicia, 29 de abril de 2020.

Nas últimas semanas, InvestiGal -Rede Galega pola Investigación- reclamou ante os medios[1] que as entidades financiadoras (Xunta, Universidades, Fundacións…) de contratos de persoal investigador tomen canto antes unha medida semellante de prórrogas do persoal e dos proxectos, co fin de reducir a inseguridade dun colectivo xa bastante precarizado, e evitar agravios comparativos entre investigadores en función da axencia que financia os seus contratos. Esta reclamación plasmouse formalmente coa presentación de escritos[3] á Axencia GAIN, á Consellería de Industria, á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e á Consellería de Educación. 

No día de hoxe, a Xunta de Galicia, como resposta as nosas reclamacións, anuncia[2] que tanto Educación como a Gain prorrogarán seis meses todos os contratos predoutorais e posdoutorais dependentes dos programas autonómicos e afectados polo estado de alarma. Estarían incluídos os contratos predoutorais dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019, así como os posdoutorais dos anos 2017 (modalidade A), 2018 (modalidade A e B) e 2019 (modalidade A e B), o que corresponde cun total de 436 persoas investigadoras beneficiadas. Estas medidas súmanse e amplian as anunciadas polo Ministerio o día 31 Marzo (BOE do 1 de abril) para os programas estatais. Aínda así quedarían fóra destas prórrogas figuras predoutorais e posdoutorais financiadas polo Ministerio (FPIs, FPUs, persoal contratado posdoutoral) que teñen máis dun ano de contrato; persoal contratado por proxectos autonómicos e nacionais; así como do ámbito propio das Universidades (persoal axudante e axudante doutor).

InvestiGal fai un chamamento a todos os organismos contratantes (Ministerio, Xunta, Universidades, OPIs, Fundacións de Investigación Sanitaria,…) a que, no exercicio das súas competencias, incorporen á totalidade do seu persoal investigador de duración determinada a esta prórroga de seis meses dado que todo o persoal está afectado pola mesma situación extraordinaria que estamos a vivir. Entendemos que, dadas as actuais circunstancias, a solución debe ser común e a prórroga por seis meses debe ser incorporada a todo o persoal con funcións investigadoras. Constatamos que as medidas aprobadas pola Xunta de Galicia van na mesma dirección, aínda que con carácter máis ambicioso, que as anunciadas hai días polo Ministerio. Con todo, e debido á propia situación de excepcionalidade, tamén para o lexislador que elabora a normativa, existen unha serie de lagoas e indefinicións para algunhas figuras que non deben ser excluídas. De aí que solicitamos dos organismos contratantes a maior flexibilidade e comprensión coas diversas casuísticas particulares do persoal investigador, que abranguen desde estadías obrigatorias, agora interrumpidas ou comprometidas, a labores inexcusables de atención á crianza ou a persoas dependentes. 

Por outro lado, a respecto das convocatorias de contratación de persoal investigador e financiamento de I+D que non poida saír adiante no 2020 por causa da actual crise, InvestiGal demanda o compromiso da Xunta de Galicia para blindar as prazas e orzamentos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021. O investimento en investigación, e menos nas circunstancias presentes, non debe ser diminuido.

Referencias: