Galicia continúa reforzando a súa aposta pola I+D+i, acadando unha cifra récord de 1.058 M€ de investimento no 2025. Un dato que reflicte o dinamismo e crecemento do ecosistema galego de investigación.

Neste contexto, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha en 2014 o Programa Oportunius, unha iniciativa orientada á captación e retención de talento científico, tanto galego como internacional. Desde a súa creación, o programa apoiou 44 investigadores e investigadoras ERC, dos cales 25 foron contratados directamente como persoal investigador distinguido, liderando actualmente 55 proxectos en entidades galegas.
Oportunius diríxese ao persoal investigador con axudas do European Research Council (ERC grants) que queira desenvolver o seu proxecto en Galicia, ofrecendo financiamento complementario e condicións laborais competitivas nas entidades galegas colaboradoras do programa.
Ademais, o programa tamén presta apoio ás persoas finalistas das convocatorias ERC mediante servizos de formación, revisión de propostas e preparación de entrevistas, co obxectivo de mellorar as posibilidades de éxito en futuras convocatorias. Estes servizos están igualmente dispoñibles para potenciais candidatos e candidatas que presenten a súa proposta cunha entidade de acollida galega.
Desde 2025, o programa ampliou tamén as súas liñas de apoio ás persoas interesadas en candidatar ás MSCA Postdoctoral Fellowships, ofrecendo asesoramento e apoio na preparación de propostas en colaboración coas universidades e entidades do ecosistema galego de investigación.
Nas seguintes ligazóns podedes consultar máis información sobre o programa e os datos de contacto da Axencia Galega de Innovación: