InvestiGal – Rede Galega pola Investigación denuncia a actual situación no eido da investigación sanitaria galega con investigadores e investigadoras como os da convocatoria Miguel Servet, cos que se incumpren as condicións descritas para a súa estabilización unha vez superado o plan de captación de talento.
- Dende a Consellería de Sanidade pretendíase que os investigadores e as investigadoras contratadas a través do programa Miguel Servet asinasen un contrato cunha contía menor unha vez pasada a avaliación competitiva para a sua estabilización. A loita de varias investigadoras fixo que isto non continuase.
- A Consellería de Sanidade segue sen cumprir o plan de estabilización e contrata investigadores e investigadoras Miguel Servet cun contrato de 1 ou 2 anos suxeitos a unha avaliación que non segue criterios competitivos.
- InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, denuncia esta situación, que non deixa de ser recorrente tanto na investigación sanitaria como noutros eidos da investigación galega.
Galicia, 2 de xuño de 2020.
A contratación do persoal investigador hospitalario en Galicia realízase mediante dúas vías: Fundacións Biomédicas de xestión privada ,por un lado, ou a través de RRHH do SERGAS na Conselleria de Sanidade. Estas contratacións realízanse de xeito precario e inestábel; sen categoría profesional, con salarios dispares e incumprindo, debemos subliñar, sempre, as condicións descritas no DOG e no BOE para a sua estabilización unha vez superado o plan de captación de talento.
Indicamos, a modo de exemplo, o caso máis actual que afectou ao investigador Xefe de Grupo Manuel Collado, contratado a través do programa de captación de talento Miguel Servet. O programa Miguel Servet do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) ten como finalidade a incorporación de investigadores e investigadoras de excelencia no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Este programa consta dunha primeira etapa de 5 anos e dunha segunda de 3 anos. Logo de aprobar as correspondentes avaliacións competitivas do ISCIII estes e estas investigadoras, de acordo coas bases da convocatoria deben integrarse en forma de persoal estatuario dentro do SNS na respectiva Comunidade Autónoma. A actual situación en Galicia, porén, dista moito de ser así. Unha vez rematado o programa, os e as investigadoras Miguel Servet son contratados por dous anos (con avaliacións cada ano) e de forma constante mesmo ata a súa xubilación, e en moitas ocasións cunha remuneración salarial menor a pesar de dispor de maior experiencia e maiores responsabilidades.
Esta forma de proceder do SERGAS e da ACIS (Axencia de coñecemento en Saúde) impide desenvolver unha carreira científica plena, con garantías e coa dignidade propia que debe ter un profesional de tal cualificación, así como de ser un desgaste continuado no plano mental e persoal evitábel. Impacta ademais en todo o sistema, xa que os e as investigadoras Miguel Servet dirixen equipos que á súa vez vense directamente afectados, perdendo competitividade para a captación duns recursos que beneficiarían en última instancia a toda a sociedade. Un estudo publicado en 20151 anotaba numerosos beneficios da participación do persoal investigador e en concreto do persoal do programa Miguel Servet nos centros de SNS. A mesma administración penaliza o talento, facendo que os e as investigadoras dediquen parte do seu tempo a lidar ca administración en lugar de poder concentrarse plenamente no seu traballo e nas súas investigacións
A modo ilustrativo desta situación, o luns pasado, Manuel Collado, investigador Miguel Servet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), onde dirixe un laboratorio sobre avellentamento e células nai, afrontaba a súa última semana de contrato sen ningunha notificación oficial2. Debido á grande visibilidade e impacto da súa problemática, ACIS (Axencia de coñecemento en saúde) comunicoulle a prolongación do seu contrato dous días máis tarde3. Este 1 de Xuño volvía viralizarse outro tweet do propio Dr. Collado apuntando que carecía acceso ao correo institucional do SERGAS ao “estar no paro”4. Horas máis tarde, e de novo despois dun gran impacto nas redes sociais, o contrato era realizado5. A ultima hora da tarde e tras varios trámites internos que dependen da Xerencia do CHUS, conseguiu por fin dispoñer do correo electrónico institucional.
Lamentablemente, estas situacións son insostíbeis humanamente e, en cambio observamos como son recorrentes en todos os eidos da investigación alén do ámbito sanitario. Dende InvestiGal denunciamos a actual situación precaria do persoal investigador no ámbito hospitalario e no caso concreto dos investigadores Miguel Servet. A administración e xestión administrativa da ciencia deben axudar e protexer ao persoal investigador. InvestiGal – Rede Galega pola Investigación fai un chamamento á rectificación das autoridades competentes desta forma lesiva e irregular de proceder. Demandamos, nesta liña, que sexa desenvolvido un plan de estabilización e de incorporación destos investigadores e investigadoras aos cadros de persoal dos hospitais. Pedimos en fin que se cumpra a lei por parte de quen a xestiona.
REFERENCIAS
- https://www.elsevier.es/es-revista-medicina-clinica-2-articulo-es-contratacion-investigadores-rentable-economicamente-S0025775315000251
- https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1265037737805189120
- https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1265585813200535553?s=19
- https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1267230860291592193?s=08
- https://twitter.com/mcollado_CHUS/status/1267370553599569921?s=19