Persoal investigador de toda Galicia únese pola dignificación do sector
Durante a mañá do día 29 de febreiro, fundouse InvestiGal – Rede Galega pola Investigación en Santiago de Compostela. Medio centenar de persoas provintes do sector investigador de toda a xeografía galega reuníronse no Centro Sociocultural O Ensanche para compartir inquedanzas sobre a precaria e inestable situación actual do I+D en Galicia e artellar un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador. InvestiGal nace coa vontade de aglutinar a pluralidade de perfís relacionados co sector (persoal investigador, técnico, xestor, docente) dos diversos centros de produción de coñecemento (universidades, centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións, etc.) que conviven no país. Após unha longa xornada de traballo e debate, establecéronse unha serie de liñas programáticas básicas. Entre elas cabe destacar a dignificación da carreira investigadora, a cal pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polos seus profesionais, o fomento da súa estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais. Tamén houbo acordo na defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos aos que se enfrontan as mulleres do sector.
O futuro da investigación galega non pode depender de quen ocupe a presidencia da Xunta, senón que é de vital importancia a existencia dun pacto social que aposte por situar o investimento en I+D+i en Galicia á par dos estándares europeos. Actualmente, Galicia só inviste neste sector o 0,94 % do seu PIB, mentres que a media europea sitúase no 3%. Ademais, a Rede condena a falta de vontade política e a nefasta xestión dos poucos recursos existentes, o que nos últimos anos provocou que Galicia só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación.
InvestiGal considera de máxima urxencia que o goberno galego supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país. Para iso, o colectivo exixe máis investimento, mellor xestión do mesmo, e regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación.
O nacemento de InvestiGal foi nova en diferentes medios
- Persoal investigador galego únese para loitar “pola dignificación do sector” e demanda máis investimento da Xunta – Praza Pública
- Tecer rede contra a investigación precaria: nace InvestiGal
- Nace InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, para dignificar a I+D+i
- Nace InvestiGal, a rede para “dignificar” a carreira científica en Galicia
1 comentario en “Nace InvestiGal – Rede Galega pola Investigación”
Os comentarios están pechados.