Hai un tempo que se uniu a InvestiGal Daniel Dorribo Dorribo, un ourensán que marchou a Cataluña a facer un “doutoramento industrial” e que retornou recentemente para continuar a traballar na empresa. A súa vocación investigadora fíxolle facerse socio de InvestiGal e, para dar a coñecer esta experiencia co doutoramento industrial, unha modalidade descoñecida para moitos de nós, presentámosvos esta entrevista.
Quen é Daniel Dorribo Dorribo?
Son un rapaz dunha pequena aldea do Concello de Ourense, con interese dende moi novo pola ciencia e a tecnoloxía, en parte como consecuencia de ser fillo de #profedemates, pero tamén polo interese que sempre profesei por saber como funcionan “as cousas” e o ”o mundo” (iso é mais por cousa de meu pai, 😉 ). Todo isto levoume a estudar enxeñería, a mais xenérica, e o máis preto que podía, en Vigo. Gocei moito cos contidos desta carreira, tanto polas partes mais teóricas como aquelas máis prácticas. Nos últimos anos medrou o meu interese por Alemaña, por un lado porque parte da miña familia estivo emigrada alí, por outro pola coñecía importancia da enxeñería do pais xermano. Decidín estudar alemán no último ano de carreira, e funme de Erasmus a Munich para realizar o proxecto fin de carreira. Eran os anos de crise, o grupo de galegos que marchamos alí foi grande. Moitos aínda seguen alí xa que as condicións laborais non teñen nada que ver coas de aquí, e non só no económico. Eu voltei para facer un Master na USC, de ano e medio. Ao acabar o primeiro ano busquei desesperadamente unha forma de por en práctica os meus coñecementos, pero en Galicia foi imposible atopar algo cunhas mínimas condicións. Xurdiu unha oportunidade en Barcelona e alí marchei a realizar o Doctorat Industrial, un pouco a cegas, aínda que sabendo que era unha moi boa oportunidade de seguir vinculado á academia, sen deixar de facer algo aplicado na industria. Tras tres anos de contrato asociado ao Doctorat Industrial, con estancia nunha sede alemá da empresa, comecei o traballo como enxeñeiro en Barcelona, na empresa onde fixera o doutoramento. Como desvantaxe tiven que deixar mundo académico e a investigación. Despois de outros tres anos así, xurdiume a oportunidade de traballar nunha empresa sueca punteira no sector e cunha sede en… Galicia! E niso estou agora, intentando manter contacto coa academia, cousa difícil. Por agora dando clase dunha optativa nun Grao nunha universidade catalana, a Uvic-UCC.
Cóntanos brevemente en qué consiste o programa Doctorats Industrials?
O programa de “Doctorats Industrials” é un programa pioneiro en España que foi potenciado pola Generalitat de Catalunya. Ten unha larga tradición noutros países europeos, especialmente nos máis nórdicos, como Suecia, Dinamarca, Reino Unido ou Noruega. A idea principal é que un estudante de doutorado realice unha investigación que reporte certos beneficios a unha empresa (estes non sempre teñen que ser económicos, poden ser de transferencia de coñecemento) á vez que realice unha tese doutoral coas publicacións científicas asociadas. Existe por parte da empresa que se encarga de orientar a parte máis aplicada, e outra por parte da universidade que se encarga da orientación máis teórica así como do relativo a realización da tese e das publicacións. No específico ao caso catalán, no que eu fun parte da proba piloto, foi a Generalitat quen se puxo en contacto con varias empresas das máis potentes de Catalunya, para promover estas colaboracións. A Generalitat axuda economicamente a estas empresas, e paga ademais parte dos custos académicos do doutorado. O programa foi medrando, e cada vez foron entrando máis empresas (de todos os tamaños) e máis estudantes. Neste vídeo a miña titora de tese fala da experiencia referíndose ao meu caso. Para min é fundamental que se estreiten pontes entre as universidades e o tecido industrial. Que haxa este tipo de perfil máis académico na industria é imprescindible.
Como coñeciches o programa?
Foi unha oferta pública dunha “PhD Position” da que me decatei grazas á xestora de investigación do mestrado que estaba cursando na USC. Solicitei e fun seleccionado entre diversos candidatos.
Terías preferido quedar en Galicia (en outra forma de investigación ou nunha similar se a houbese?)
Está claro que traballar en Galicia estaba entre as miñas preferencias naquel momento, pero necesitaba atopar algo motivador, non me vía facendo un doutoramento ao uso xa que me gusta estar máis en contacto coa aplicabilidade dos coñecementos. Por outra parte as ofertas de investigacións en empresas que se ofreceron no momento eran interesantes tecnicamente, pero sen ningún tipo de contrato nin salario, semellaba que as empresas de aquí están acostumadas a que se traballe ou investigue para elas de balde.
Cres que sería posible ter en Galicia algo parecido? Como?
Por suposto que é posible, pero hai que dar moitos pasos para iso. En primeiro lugar necesítase un soporte institucional do goberno (autonómico?) que promova e financie este tipo de programas tal e como fai a Generalitat de Catalunya. Pero esta condición necesaria non é nin moito menos suficiente. Son da opinión que un programa así, sen un seguimento, só serve para que as empresas privadas teñan a un traballador cuxo salario esta sendo pagado polos presupostos públicos, sen dar ningún rédito ás outras dúas partes: neste caso o sistema universitario galego e a Xunta. Debe haber algún tipo de organismo que se encargue do control, o seguimento e a coordinación das actividades do doutoramento industrial, non debe ser algo para sacar a foto o primeiro día e o último. Outra parte moi importante é atopar perfís dentro da universidade que estean dispostos a apartarse dos seus marcos teóricos de investigación para titorizar alumnos que buscan resultados máis aplicados. Isto depende claro está da rama da investigación, non ten nada que ver as ciencias puras coas enxeñerías ou as humanidades. É necesario tamén algo que para min é moi difícil, o máis difícil, unha vontade de cambio de como se fan as cousas dentro das empresas.
Un doutorado vai querer sempre “testear” cousas novas no proceso produtivo ou no xeito de como se traballa nunha empresa que leva moitos anos facendo o mesmo, e el só non vai poder facelo. Necesita alguén da súa parte dentro da empresa, que debe ser o titor industrial, que guíe ao estudante de doutoramento e o oriente, que lle indique se merece a pena probar algo, e que poida convencer aos xefes de que eses cambios merece a pena probalos. Ese tipo de perfís creo que son os máis difíciles de atopar dentro dunha empresa actualmente en Galicia. Mellor dito na Galicia que vive en Galicia. Ocórreseme que pode ser clave contar con toda esa Galicia exterior, todos eses perfís de xente que marcharon a traballar ao comezos da crise e que levan anos collendo experiencia e formándose en empresas privadas e universidades punteiras por toda Europa ou o mundo. Aínda que claro, para iso hai que atopalos (a importancia de facer rede!) e motivalos para que queiran desenvolver a súa carreira investigadora/profesional aquí. E para iso o “salario emocional” non é moitas veces suficiente.
Como ves o futuro da investigación?
Oxalá tivese unha bariña máxica. O que está moi claro e que a investigación no país que vivimos é algo moi vocacional. Tenche que gustar algo moito para que estes disposto a dedicar tanto tempo e esforzo sen ter un rédito asegurado. Lamentablemente non todo o mundo se pode permitir esta inestabilidade económica. A investigación pura é so posible con grandes inversións por parte das entidades públicas que lamentablemente non creo que se poida dar no contexto económico que vivimos. O número de estudantes de doutorado e de teses presentadas medra ano a ano, e os postos vacantes dentro da universidade redúcense. Non ten ningún sentido que todo ese coñecemento se perda. Moitos destes doutores acaban traballando en postos onde están sobre cualificados, no ensino secundario, ou no sector privado. É algo que levo moi mal. Canto estamos perdendo con isto? Toda esa materia gris tirada ao lixo. Debemos construír pontes entre os coñecementos xerados na academia e as necesidades da industria, e os programas como o de “Doctorats Industrials” son fundamentais para iso.