Cada mércores das últimas semanas, investigadoras e investigadores de toda España veñen levando a cabo manifestacións virtuais para reivindicar a importancia de investir en I+D+i co cancelo #SinCienciaNoHayFuturo. Esta semana, ademais de continuar con tal reivindicación, tamén se quere denunciar a situación de desigualdade á que se enfrontan as investigadoras polo simple feito de ser mulleres, usando o cancelo #SinCientíficasTampocoHayFuturo. Por este motivo, quixemos falar con dúas investigadoras e membros de InvestiGal: Inés Viana (@inesgviana), investigadora en ecoloxía mariña na Universidade de Vigo, e Susana Cid Fernández (@SCidFernandez), investigadora en neurociencia na Universidade de Santiago de Compostela. Susana e Inés son dúas das tres investigadoras discriminadas pola Xunta de Galicia a raíz dos seus respectivos permisos de maternidade.
Quen son Inés e Susana?
Inés. Nacín na Coruña hai case 36 anos e agora vivo en Vigo, onde traballo dende hai ano e medio na súa Universidade. Dende que rematei a carreira de bioloxía en Santiago de Compostela, sempre traballei en ciencia en distintos lugares de Galicia, Europa e do mundo, EEUU, Alemaña, Israel, Portugal e Tanzania. Dende hai dous anos, ademais de ser investigadora, son nai.
Susana. Son unha muller de 36 anos, nai e investigadora. Nada en Ourense, trasladouse a estudar a Santiago de Compostela ata obter o seu doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica pas Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. Polo camiño fixo diversas estancias de investigación en centros de prestixio, como a Edinbugh University (no Reino Unido) e o Laboratorio de Neurofisiologia do IRCCS San Giovanni di Dio de Brescia (en Italia), de varios anos.
En que consiste a túa investigación?
Inés. A miña investigación se centra no estudo da ecofisioloxía de macrófitos mariños, fanerógamas e macroalgas. Me interesa entender como funcionan baixo distintos factores ambientais, como o incremento da temperatura, contaminación ou nutrientes. Os efectos da contaminación e do cambio climático en estes organismos é moi importante pois o encontrarse na base das redes tróficas, os efectos poden traducirse en todo o ecosistema.
Susana. En termos xerais, buscamos biomarcadores para o diagnóstico temperán da Enfermidade Alzheimer, incluso antes de que se presente a propia enfermidade. Tamén aplicamos técnicas non farmacolóxicas para o tratamento dos problemas cognitivos asociados a esta enfermidade, como problemas na memoria ou nos procesos executivos. Estudamos varias condicións que se presentan antes de que o Alzheimer fixera estragos no cerebro, como son o MCI (ou deterioro cognitivo lixeiro) ou o SMC (persoas con queixas subxectivas de memoria).
Consideras que a tua carreira investigadora se viu perxudicada polo feito de ser muller? En que sentido?
Inés. A miña filla naceu en plena etapa posdoutoral, a etapa máis demandante e competitiva da longa carreira investigadora, e sentín que a miña vida e mudou. Do mesmo xeito que esta etapa, os nenos pequenos precisan moito tempo e dedicación durante os seus primeiros anos de vida. A incorporación ao traballo científico foi moi difícil despois de dedicarme uns meses de forma exclusiva á maternidade. O día a día foi e aínda é duro, o que se suma a incerteza pola inestabilidade laboral. Creo que non poderei valorar se o feito de ser nai perxudicou a miña carreira ata dentro duns anos, esta carreira é de fondo (ou de obstáculos) e aínda estou no km 21. Pero si que podo dicir que xa atopei obstáculos e malas xestións que repercuten na igualdade de condicións das nais e pais, iso xa o sabía, máis decidín loitar, é cansado pero é a maneira de mudar as cousas. Agora mesmo, podo dicir que encántame combinar ambas “profesións” porque extraio aprendizaxes de cada unha delas e os aplico ao outro ámbito. E de feito, penso que esa é a gran achega que podemos facer as investigadoras que somos nais, traballar para deixar un mundo mellor e criar nenos mellores para este mundo en primeira persoa.
Susana. Ser nai produciu un parón grande na miña carreira dende o mesmo momento no que quedei embarazada, xa que algunhas das técnicas que usamos poden ser perigosas para o bebé (especialmente as magnéticas), así que tiven que axustar as miñas investigacións á posibilidade de recibir axuda por parte doutros compañeiros e compañeiras, o que me ralentizou de forma importante. Esto é algo que non se ten en consideración cando aplicas a unha convocatoria pública (no estado español), porque é invisible: estabas traballando, polo tanto todo ía ben. E en moitísimos casos non é así. Unha vez pasou o permiso de maternidade, como supoño que pasará en tódolos casos, tiven que retomar as miñas investigacións partindo de cero. Cando traballas con suxeitos humanos isto é algo que tarda bastante en volver a rodar a pleno rendemento. Ademais fun atopando diversas penalizacións por ter estado de permiso, tanto por parte de órganos oficiais como dentro do propio grupo de investigación. A sensación que transmite o entorno no noso país é que o estar de permiso de maternidade (no meu caso foron case 8 meses, incluíndo os permisos relacionados e as vacacións dese ano) é igual a irse 15 días de vacacións, que voltas como se nada cambiase. Sen embargo en diversas convocatorias e institucións europeas existen mecanismos para contrarrestar o enlentecemento ó que nos vemos sometidas cando somos nais, que por algún motivo aquí non se aplican.
Que outros problemas consideras que existen na carreira investigadora?
Inés. A carreira investigadora mudou de ser unha carreira de fondo a ser tamén de obstáculos debido a mala planificación, falta de financiamento e desigualdade de recursos e oportunidades. A ciencia neste país camuflase nunha falsa excelencia que en verdade é unha falta de recursos e inversión por partes das administracións públicas e privadas. Precísanse recursos estables, valoración xusta dos méritos e plans de estabilización para que os investigadores poidámonos centrar na ciencia e non en sobrevivir nun sistema corrupto.
As mulleres que somos nais precisamos de especial protección, hai que facer chegar a sociedade e administracións que cando nace un fillo, paramos de ser científicas durante uns meses (que non de “traballar”), pero é para despois voltar con máis forza. Non nos poden penalizar as mulleres por iso, sen ciencia non hai futuro, pero sen nenos tampouco. Nalgúns países, prorratean os currículos por o tempo real de dedicación á actividade científica para impulsar a esas mulleres a acadar o ritmo que tiñan antes de ser nais, iso funciona e gustaríame velo neste sistema.
Susana. Por unha banda está o mencionado problema estrutural, que non recoñece a realidade das persoas que son pais e nais, o que afecta especialmente ás mulleres. Non hai medidas de discriminación positiva que contrarresten os efectos reais que ter fillos ten nas nosas carreiras. E non só non existen, senón que en moitas ocasións o entorno considera que non son precisas e que esiximos demasiado. Por outra banda, o problema coñecido por todos e todas, radica na baixa porcentaxe do PIB que se inviste en ciencia, tanto en España como en Galicia. No caso galego a situación é especialmente grave, xa que o programa de carreira investigadora é, cando menos, defectuoso. Medidas de igualdade da muller prácticamente inexistente, programas de estabilización de cara á galería que na realidade non funcionan … Debería rediseñarse completamente, usando a lóxica, para deixar de usar os cartos de todas as galegas e galegos para formar investigadoras e investigadores que acaban producindo no estranxeiro despois de anos de formación pública.
Na tua opinión, que se precisa para reparar esta situación de desigualdade?
Inés. É difícil entender o esforzo diario que supón ser científica e nai se non o vives, así que é preciso escoitar as mulleres e investigadoras que si que o son. Parece sinxelo, pero as administracións non o fan.
Susana. O programa galego require dunha reforma integral. Os problemas de desigualdade por mor de permisos de maternidade teñen solucións sinxelas (ponderacións nas avaliacións, flexibilidades nos prazos de incorporación, deseño dunha etapa posdoutoral única con avaliacións individuais intermedias…). Hai solucións válidas para elixir. Pero o primeiro paso é ser conscientes de que o parón por permiso de maternidade non é un parón equivalente ó que dura o permiso. Pode haber circunstancias que afecten dende antes, e por suposto hai sempre un enlentecemento posterior, e calquera política de igualdade debe de contemplar cada unha destas fases. Queda moito por facer.