Propostas das candidaturas ás eleccións do 12X (2020) en materia de I+D+i

As eleccións galegas celebraranse o próximo 12 de xullo de 2020 e dende InvestiGal fixemos un repaso aos programas electorais das principais candidaturas co fin de identificar as propostas en materia de I+D+i. A continuación, podedes ver un resumo das principais achegas que puidemos encontrar en cada programa, debidamente referenciadas para a súa consulta completa.

Partido Popular

As principais propostas da candidatura do PP están na sección “Adaptar o noso tecido produtivo e investigador ao cambio de modelo” (páxina 52), e mais concretamente nas páxinas 54 e 55 destaca os seguintes compromisos:

  • “Desenvolvemento dun Pacto pola Ciencia en Galicia, co consenso de todos os axentes públicos e privados no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente que se deberá aprobar para o novo marco financeiro europeo 2021-2027. Este pacto reforzará a senda de crecemento do investimento público e privado en I+D+i dos últimos anos.”
  • “Definición dunha Axenda da investigación universitaria para o escenario 2030 que complete o mapa galego de centros de investigación universitaria identificando novas liñas estratéxicas, que aumente progresivamente o número de prazas de atracción e retención de investigadores distinguidos, ata chegar a 50 novas prazas anuais; e que converta Galicia na comunidade líder en España en adaptar o sistema de investigación ao novo movemento internacional de ciencia cidadá.”
  • “Desenvolvemento da transferencia inversa do coñecemento da investigación biomédica, orientando a investigación dos centros públicos de investigación sanitaria cara resultados que cheguen antes á sociedade e aos pacientes, potenciando os estudos de investigación relacionados con novas patoloxías, tales como a COVID-19.”
  • Poremos en marcha o Programa “Talento Galicia 2025”, a través do cal:
    • “Crearemos un gran programa de contratación estable do mellor talento que será executado directamente desde a administración autonómica. Para iso, aproveitaremos o Programa OPORTUNIUS, único en España, ampliando a poboación obxectivo a investigadores excelentes que non teñan recibido o apoio de European Research Council (UE).
    • Aprobaremos un decreto que regule a carreira investigadora en Galicia, que deberá contemplar medidas específicas para evitar discriminacións por razón de xénero, e a partir do cal se inicie unha política de estabilización de investigadores de xeito transversal para todos os centros da Xunta con criterios de calidade e renovación por tribunal.”.

Bloque Nacionalista Galego

As principais propostas da candidatura do BNG están recollidas na sección “3. A I+D+i como motor de desenvolvemento” (páxina 27), que a súa vez ten catro subseccións máis específicas.

Na primeira destas subseccións, titulada “Construíndo un auténtico ecosistema de investigación e innovación galego” (páxina 29), destaca a proposta para definir unha carreira profesional investigadora para todo o persoal científico – técnico que desenvolve a súa actividade en Galicia, que inclúe, entre outras, os seguintes compromisos:

  • “Contratación dos/as investigadores/as predoutorais, con plena cotización á seguridade social, dereitos laborais, vacacións reguladas, dereito a paro…“
  • “Convocar o número de contratos posdoutorais en función do número de teses lidas cada ano.“
  • “Crear un Estatuto Galego do Persoal Investigador en Formación, que recolla os dereitos de todo o persoal investigador en formación, predoutorais, posdoutorais, alumnado con bolsas de colaboración…,independentemente de se tiveren contrato ou non.“
  • “Posibilidade de acceder a todas as bolsas/contratos independentemente da idade ou do ano de finalización do grao/mestrado, impedindo a discriminación por idade e a caducidade encuberta dos títulos académicos.“
  • “Plan Retorna de persoal investigador, técnico, tecnólogas/os e persoal de apoio á investigación emigrado a outros estados ou a outras zonas do Estado español e Plan de Retención do persoal investigador, técnico, tecnólogos/as e persoal de apoio.“
  • “Garantir como mínimo a taxa de reposición entre o persoal docente e investigador universitario camiñando cara á creación neta de emprego.“
  • “Aumentar o persoal en postos de técnicos/as de apoio á investigación e tecnólogas/os, traballo moitas veces realizado por persoal predoutoral ou por persoal xa contratado durante horas extras non pagadas.“

A segunda subsección está relacionada coa “Perspectiva de xénero, igualdade e conciliación familiar na ciencia e na innovación” (páxina 35) e propón a creación dun Departamento de xénero e igualdade dentro da Axencia de investigación con varias funcións para reducir as desigualdades de xénero que se producen na nosa comunidade. É salientable que unha das funcións de dito departamento será a de “Introdución de medidas específicas para evitar o abandono das mulleres científicas e investigadoras en etapa predoutoral e posdoutoral. Crear axudas de RRHH para que, no caso de mulleres contratadas con cargo a proxectos de investigación, en situacións de baixa durante o embarazo, maternidade, FIV, e riscos durante o embarazo e lactancia, as investigadoras poidan ser reemprazadas por outra investigadora/investigador, garantindo que haxa un solapamento de como mínimo dun mes para transferencia de coñecemento. O financiamento de contratos por este tempo (para garantir o solapamento da actividade) é fundamental dado que doutro modo é difícil que alguén poda continuar coa actividade da investigadora de baixa. Promover que as investigadoras sexan substituídas por unha investigadora (ou investigador) galega dos rexistrados nunha BOLSA DE INVESTIGADORAS E INVESTIGADORES.”.

A terceira subsección achega as propostas en canto aos “Retos e accións estratéxicas” (páxina 38), con compromisos concretos como:

  • “Incrementar o investimento en ciencia I+D de maneira progresiva até o 2,5% do PIB.”
  • “Dedicar á ciencia, I+D, o 3% dos orzamentos.
  • “Crear unha verdadeira Axencia Galega da Ciencia que coordine os diferentes grupos científicos incentivando a colaboración no sistema científico, centralizando a xestión e orientando o sistema investigador cara á resolución dos problemas da sociedade.”

Finalmente, a cuarta subsección está centrada na “Planificación da investigación sanitaria” (páxina 39) e contén as seguintes propostas:

  • “Aposta e integración da investigación biosanitaria no sistema galego de saúde.”
  • “Integración do persoal investigador no sistema galego de saúde, poñendo fin á precarización do sector, contratado maioritariamente baixo fraude de lei, cunha alta temporalidade, baixos soldos e inestabilidade laboral. Creación da categoría profesional e táboas salariais. Coordinación dos recursos humanos en Fundacións e RRHH do SERGAS. Definición das competencias.”
  • “Regulación da situación actual das fundacións biomédicas para convertelas en Fundacións Públicas, co fin de asegurar o seu correcto funcionamento e control administrativo. Garantir a transparencia nos procesos de contratación e selección tanto de xestores, como do persoal administrativo e técnico, e as boas prácticas.”
  • “Regular as condicións de acceso e relevo nas direccións dos IIS e fundacións, estabelecendo procesos de selección rigorosos.”
  • “Revisión das funcións e competencias de ACIS, e o seu papel no modelo de investigación sanitaria. Incorporar directores e xestores con formación científica e experiencia na investigación e na súa xestión.”
  • “Estabelecemento de convocatorias específicas para reforzar a investigación sanitaria para desenvolver solucións (terapias, diagnóstico, tecnoloxía, productos sanitarios, sistemas de mellora nos servicios asistenciais, etc) de interese público para a sociedade galega, e de metodoloxías específicas para regular e garantir o acceso á sociedade.”

Ademais, a I+D+i aparece presente de forma transversal no programa, facendo referencia a accións de investigación e innovación en practicamente todas as seccións do programa.

Galicia en Común

A primeira proposta concreta da candidatura de Galicia en Común está encadrada na sección “Rescatar a sanidade pública galega” e leva por título “Fomento da investigación” (páxina 30, proposta número 137). Nesta proposta, establécense os seguintes compromisos:

  • “A Administración sanitaria promoverá a biosanitaria como un instrumento a mellora da saúde da poboación tendo en as prioridades marcadas polo Plan Galego Investigación, Desenvolvemento e Innovación e polo Plan de Saúde.”
  • “Estableceranse os mecanismos de do Plan galego de investigación e en materia sanitaria co Plan galego de I+D+i. Así mesmo, a Administración garantirá a suficiencia financeira da investigación pública e as condicións laborais persoas investigadoras asegurándolles a estabilidade que lles permita desenvolver os seus estudos, proxectos e investigacións.”
  • “Facilitaremos a creación e mantemento de grupos de investigación básica e aplicada que serán unha prioridade da política sanitaria, xunto coa creación dunha rede altamente cualificada de docencia de tódalas profesións sanitarias. É un instrumento de mellora asistencial e de coñecementos que repercutirá en toda a sanidade pública galega.”
  • “Estabilizaremos os contratos do persoal investigador e tomaremos as medidas necesarias para a súa total integración na sanidade pública como persoal estatutario. Tamén modificaremos o marco legal para garantir que o valor engadido da investigación na sanidade pública permaneza neste ámbito.”

As seguintes propostas concretas teñen que ver co eido da universidade e encádranse na sección “A Universidade galega: excelencia e pulo para a I+D+i” (páxina 40). Neste sentido, a proposta número 204 “Compromiso coa investigación universitaria.” propón:

  • “Estableceremos prazos fixos para as convocatorias de investigación de xeito que se garanta unha maior estabilidade para a carreira investigadora, creando a figura de investigador no sistema galego, como teñen outras comunidades da nosa contorna.”
  • “Teranse tamén en conta criterios de paridade de xeito que os permisos de maternidade non penalicen as avaliacións das investigadoras.”
  • “Elaboraremos un plan de retención e retorno do talento investigador perdido na última década. Crearemos convocatoria de axudas competitivas que favorezan a transferencia de coñecemento e a colaboración entre o tecido social e asociativo galego e a Universidade, así como a participación de profesorado e alumnado na actividade social e cultural do noso país.”

Ademais, a proposta 205 “Recuperación dos dereitos laborais do persoal docente e investigador.” establece o seu compromiso de “Apostaremos pola negociación colectiva para a recuperación dos dereitos e das condicións laborais coa creación da Mesa Sectorial de Universidades. Nesta mesa traballarase un plan de estabilización do persoal docente e investigador que remate coa precariedade e aumente os cadros de persoal.”

As propostas continúan na sección “Xirar cara á innovación” (páxina 41), con varias achegas propostas concretas relativas as políticas de I+D+i, entre as que se poden salientar:

  • 211. Aumento do investimento público en I+D+i.
  • 212. Reforzo da investigación, transferencia e democratización do coñecemento.
  • 213. Aposta pola innovación.
  • 214. Apoio á universidade pública.
  • 215. Potenciar e aproveitar o talento galego.

É relevante o compromiso establecido no punto 211 segundo o cal “ao longo da lexislatura achegarémonos á media europea do investimento público en I+D+i, que suporá o 2% do PIB galego.”

Finalmente, outro grupo de propostas está encadrado na sección “Apostar pola investigación o desenvolvemento e a innovación” (páxina 59). En materia de igualdade, a proposta 313 “Visibilización das mulleres na investigación e a innovación.” establece o compromiso de “Reactivación da Unidade de Muller e Ciencia como instrumento de visibilización e valorización da actividade investigadora e innovadora realizada por mulleres.”.

Marea Galeguista

As propostas desta candidatura en materia de investigación atópanse na sección “10.3 Investigación” (páxina 55), con ata 18 compromisos específicos. O primeiro destes compromisos é o de promover “un Pacto Galego pola Investigación, no que paicipen os axentes políticos, sociais, económicos e académicos para garantir as condicións que lle permitan á ciencia e á tecnoloxía galegas avanzar de xeito competitivo. Dotaremos programas que permitan a atracción de talento e que contribúan á dinamización e ao reforzamento dos grupos de investigación.“.

Os seguintes tres compromisos están relacionados coa carreira investigadora e o investimento:

  • “Remataremos coa situación precaria do sector da investigación en Galicia e proporemos solucións a curto, medio e longo prazo: promoveremos programas posdoutorais como o Ramón y Cajal o Juan de LaCierva reveendo a precariedade laboral e fomentando contratos estables e dignos ao rematar as teses; convocaremos Proxectos I+D+ i para investigadores nobeles; garantiremos a indemnización por fin de contrato dos contratos predoutorais.
  • “Incrementaremos o investimento en I+D en Galicia ata aproximarnos ao 2% europeo.
  • “Dotaremos de financiamento concreto para a contratación de persoal técnico e xestor da investigación, recuperando as convocatorias Lucas Labrada e Isabel Barreto para a formación, especialización e incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i, figuras desaparecidas na actualidade.

En canto á igualdade, esta candidatura inclúe o seguinte compromiso: “Solventaremos as eivas en materia de igualdade, dando apoio institucional e lexislativo en materia de xénero para evitar que as investigadoras que son ou queren ser nais sexan colocadas nunha situación de especial vulnerabilidade. Neste senso, garantiremos que se inclúan nas bases de contratación, dos concursos públicos e bolsas de investigación cláusulas de non discriminación polo exercicio dos dereitos laborais recoñecidos legalmente por razón de maternidade. Instaremos aos organismos responsables a que inicien procesos de revisión de procedementos administrativos firmes onde se produzan estas discriminacións para revogar de oficio as situacións xurídicas individualizadas nas que xa se teña vulnerado o dereito á igualdade. E reclamaremos que se recoñeza nos procedementos administrativos ou xudiciais non firmes a situación de discriminación producida.”.

No compromiso de “Potenciaremos e aproveitaremos o talento galego”, esta candidatura indica que:

  • “Apostaremos polo talento dos galegos e galegas, procurando que o seu coñecemento poida repercutir no noso país e evitando que teña que marchar fóra.”
  • “Cómpre impulsar programas que garantan unha oferta laboral suficiente para os e as investigadoras galegas, de xeito que se poida atraer ás persoas que nos últimos anos tiveron que buscar noutros países as oportunidades que aquí se lle negaban e, igualmente, asegurar que no futuro os mozos e mozas que inician a súa carreira investigadora poidan atopar en Galicia espazos nos que desenvolvela.”
  • “Reforzaremos os programas de contratos predoutorais e postdoutorais, sen esquecer as xeracións de investigadores e investigadoras que nos últimos anos, por mor dos recortes, quedaron sen a oportunidade de optar ás convocatorias que foron suspendidas ou adiadas.”
  • “E, igualmente, débese regularizar e estabilizar a situación laboral dos investigadores e investigadoras que dende hai anos traballan en Galicia á espera dunha consolidación dos seus postos.”

Partido Socialista de Galicia – PSOE

A escolma de medidas do programa do PSdG-PSOE inclúe, en primeiro lugar e no eido da sanidade (páxina 4), o compromiso de “Elevar o investimento en investigación sanitaria cun dobre obxectivo: a) elevar no primeiro ano un 10% o programa de investigación sanitaria para reverter os recortes das últimas anualidades; b) recuperar, ao final da lexislatura, os niveis do ano 2009”. 

Mais adiante, no ámbito da política económica e de emprego (páxina 12), encóntrase o o seguinte compromiso: “Fortaleceremos o sistema de ciencia e tecnoloxía, de maneira que a inversión total avance cara o 1,5% do PIB, tendo en conta as necesidades postas de manifesto pola COVID-19. Crearemos o Instituto Galego de Investigación Aplicada, na liña dos xa existentes en Cataluña e Pais Vasco”.