Propostas de InvestiGal de cara as eleccións ao Parlamento de Galicia 2024

O vindeiro 18 de febreiro celébranse as eleccións ao Parlamento de Galicia. Dende InvestiGal, pensamos que o futuro de Galicia depende en boa medida de que sexamos quen de realizar un cambio de estratexia respecto ao modo en que entendemos e xestionamos a investigación en Galicia e que nos leve a poñer en valor a nosa profesión e a construír unha sociedade do coñecemento.

Financiamento. O investimento de Galicia en I+D+i é do ~1,1%, lonxe do de España (~1,45%) e o da media europea (~2,3%). Investir en I+D+i é un “bo negocio” xa que estas actividades xeran un retorno económico situado arredor do 20% do investimento [1] e por cada 1€ invertido un retorno de 2,50€ [2].

  • Desde InvestiGal vemos totalmente primordial aumentar o investimento no noso sector e que isto se faga de xeito estábel ao longo do tempo e non dependa das eivas duns gobernos ou outros.
  • Implantación dun financiamento basal aos grupos de investigación con independencia do centro ou organismo ao que pertenzan e baseado na transparencia, equidade e produtividade.

Carreira científica. Debemos profesionalizar ao persoal investigador e definir a carreira investigadora. É importante destacar que a fuga de investigadores/as na etapa intermedia ou final da carreira investigadora adoita ser común. Isto supón a perda de toda a inversión pública realizada para a súa formación, cuantificada en máis de 500.000€/investigador [3].

  • Definición e apoio para unha carreira científica profesional definida e integral.
  • Deseño dun programa forte de retención, captación e retorno de talento. 
  • Elaboración dun plan de atracción de talento, similar aos programas ICREA ou IKERBASQUE, no que se abordará de maneira específica o retorno de investigadores/as altamente productivos/as que están a desempeñar a súa función fora de Galicia. Establecer contratacións a longo prazo, atractivas e competitivas.
  • Elaboración dun sistema de avaliación que prime a calidade e traxectoria global e incorpore expertos/as independentes.
  • Posibilidade de estabilización do persoal científico e técnico.

Administrativo e lexislativo. A fragmentación dos organismos que xestionan o I+D+i galego, dividido en tres consellerías (educación, sanidade, industria…), supón atrasos e falta de homoxeneización na burocracia.

  • En InvestiGal consideramos que é fundamental a creación dunha Conselleria de Investigación, Innovacion e Universidades, de xeito que agrupe, administre e xestione o investimento en I+D+i.
  • Pacto Galego pola Investigación. Completo e dotado de contido real e compromisos vinculantes, e transversal ao estar referendado por toda a representación parlamentaria.
  • Compromiso de manter e respetar o ocalendario de Axudas e Programas con datas constantes tanto de publicación da convocatoria coma de resolución que permitan ao personal investigador e técnico organizar as súas vidas persoais e profesionais. 

Perspectiva de xénero na ciencia. A brecha de xénero, a conciliación familiar e a igualdade son problemas que deben ser atallados.

  • Medidas para evitar o abandono das mulleres nas etapas pre e posdoutoral.
  • Non penalizar a maternidade e parternidade, lactancia, enfermidade ou coidado de persoas dependentes.
  • Medidas para romper o teito de cristal e promover a presencia feminina en tódolos ambitos da ciencia e en tódalas etapas da carreira científica profesional.
  • Seguimento da lei Angeles Alvariño.

REFERENCIAS:

  1. https://sciencebusiness.net/system/files/reports/Why-fund-research_.pdf
  2. https://cadenaser.com/asturias/2023/05/08/las-matematicas-de-la-investigacion-cada-euro-invertido-en-idi-genera-25-de-retorno-radio-asturias/ 
  3. https://theconversation.com/cuanto-cuesta-formar-a-un-investigador-en-espana-demasiado-como-para-perderlo-130314