Dende InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, propoñemos a candidatura da Dra. María de la Fuente Freire, coordinadora do Grupo de Traballo de Xénero, Igualdade e Conciliación, para optar á Medalla Emilia Pardo Bazán, como referente na loita pola igualdade de xénero no eido da ciencia e da investigación.
María de la Fuente Freire (@mfuentefreire en Twitter) é unha das investigadoras galegas de referencia no ámbito da nanomedicina, que ademáis adica parte do seu tempo a tratar de visibilizar á muller científica dende diferentes eidos. No ano 2017 reinvidicou o dereito das mulleres científicas e investigadoras a ser nais, sen ter que ser forzadas a elixir entre a súa carreira profesional e os seus proxectos vitais, dando lugar a un traballo de visibilización e concienciación importante, que tiña como obxectivo rachar coa normalización de condutas discriminatorias que non levan senón a agravar a fenda de xénero que se dá no ámbito da investigación.
Os datos indican que as desigualdades existentes entre homes e mulleres son particularmente acusadas no sector da investigación, facéndose especialmente notables no momento no que as mulleres investigadoras se converten en nais. A partir dese momento, a carreira investigadora presenta moitos máis obstáculos, sendo ademais a maioría destas eivas condutas invisibilizadas e normalizadas dentro do sector. Ao final, este tipo de discriminacións e desigualdade de oportunidades levan a un enorme desequilibrio de xénero. As mulleres van abandonando paulatinamente as súas profesións na investigación, o que se coñece como o tubo que gotea, e ademais, o acceso aos niveis máis altos da carreira están limitados en base ao ben coñecido teito de cristal, definido pola escasa presenza de mulleres nos postos de responsabilidade e que ten, como efecto espello, as súas bases nos chamados cimentos pegañentos das institucións. A falta de mulleres en comités de avaliacións, órganos de decisión, foros de persoas expertas, etc. fai que a desiguldade, lonxe de corrixirse, se perpetúe. Isto leva á necesidade de implementar medidas para visibilizar estas situacións, canalizar as denuncias e que non queden impunes, e propor cambios e solucións lexislativas que contribúan a eliminar de maneira eficaz e consolidada a desigualdade entre homes e mulleres.
Entre as actividades a favor da igualdade de xénero no eido da investigación levadas a cabo pola persoa proposta destacan:
- Visibilización das dificultades que experimentan as mulleres no eido da ciencia e investigación, como consecuencia da súa maternidade.
- Traballo en prol da igualdade de oportunidades e en defensa dos dereitos das mulleres en ciencia e investigación.
- Reivindicación de medidas lexislativas para rachar coas discriminacións vixentes e evitar que se sigan sucedendo no tempo.
- Establecemento de contactos con outras asociacións e grupos do mesmo perfil, para traballar conxuntantemente polos dereitos das investigadoras galegas, como AMIT, ASEICA-Mujer, Asociación de Mujeres en el Sector Públicio, Executivas Galicia, e o Grupo de Traballo de xénero de AIC.
- Coordinación do Grupo de Traballo de Xénero de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, dende o cal se levan a cabo diferentes actuacións, entre as cales:
- Elaboración de documentación específica para visibilizar as dificultades relacionadas co xénero, conciliación e coidados, que sofren maioritariamente as mulleres.
- Establecemento de accións comúns con outros grupos e asociacións que buscan un fin común.
- Coordinación de mecanismos de defensa para protexer ás investigadoras galegas asociadas ou non a InvestiGal, que se poidan atopar en situacións de especial vulnerabilidade.
- Coordinación de diferentes accións cara a acadar os obxectivos específicos do GdT:
- Resolver con carácter de urxencia as situacións de discriminación que están vixentes na actualidade e precisan unha resposta rápida.
- Acadar mudanzas lexislativas en Galicia en materia de igualdade, xénero e conciliación, dirixidas especificamente a persoal investigador e docente do ámbito público e privado.
- Visibilizar a situación actual das mulleres na investigación e os problemas de conciliación na profesión para sensibilizar aos distintos axentes sociais, rachar con condutas sexistas, establecer mecanismos de comunicación e de denuncia, e favorecer a mudanza cara un modelo xusto e igualitario.
Deixámosvos as ligazóns á memoria da solicitude e á documentación acreditativa presentadas.