A recente modificación na normativa da convocatoria das axudas FPU, que elimina por completo a avaliación da traxectoria académica e profesional das persoas candidatas, supón un cambio preocupante e prexudicial para o obxectivo de fomentar a excelencia e garantir a equidade no acceso ao sistema científico na súa etapa base: a predoutoral.
Vénse de publicar a convocatoria do ano 2024 para estas axudas, perante á que InvestiGal recollemos con preocupación os segui ntes puntos:
- Por un lado, a chegada xa no ano 2025 da convocatoria supón un atraso inaceptábel de cara ás encomendas para o ecosistema investigador: novamente descoñecemento e invertidume marcan esta etapa, empeorando o contexto de marxes temporais, lugar ou institución para a realización da tese ou sustento vital. Descoñecer implica non pode planificar esta etapa, desde o punto de vista administrativo, científico ou vital.
- Por outro, a eliminación da avaliación da traxectoria académica ou profesional implica un retroceso na democratización destas axudas, xa que representa
- Unha redución da diversidade de méritos avaliables
A limitación do sistema de avaliación ao expediente académico restrinxe a capacidade de valorar aspectos que son fundamentais para identificar talento e potencial investigador, como os premios académicos recoñecidos, participacións ou comunicacións en congresos ou proxectos de investigación mediante bolsas de colaboración. Tamén se ignoran a participación en programas de iniciación á investigación, a realización de prácticas extracurriculares ou cursos de formación en técnicas ou de temática investigadora así como estadías erasmus. Ademais de aspectos como a competencia en idiomas, fundamental para calquera actividade investigadora, debería ser tida en conta. - A desincentivación do esforzo investigador previo
A eliminación do recoñecemento ás publicacións científicas, participacións en congresos ou logros en convocatorias competitivas mina a motivación das persoas candidatas para implicarse en actividades de investigación e divulgación durante a súa formación universitaria, actividades que enriquecen enormemente o panorama científico e profesional. - Unha inequidade de facto na valoración
Este novo criterio penaliza aquelas persoas candidatas que, aínda que teñen expedientes académicos bos ou notables, destacan especialmente polo seu labor investigador previo. A investigación require competencias e habilidades que non se reflicten unicamente no expediente académico, como a capacidade crítica, a innovación ou a proactividade, que quedarán agora invisibilizadas. - Un impacto negativo na calidade da selección
Ao deixar de valorar méritos relacionados coa experiencia profesional e investigadora, pérdese a oportunidade de seleccionar persoas con perfís máis completos e diversos, o que pode comprometer a calidade e o impacto do sistema investigador no futuro. - A ausencia dunha avaliación científica externa do proxecto
Con este novo modelo, a avaliación do proxecto recae nos propios departamentos, resultando máis equitativo un proceso de avaliación vía comisión externa. Agora, no ámbito dos departamentos existe o risco de uniformidade nas puntuacións ou de favorecer as prioridades e o grao de consolidación das IPs. - En definitiva, o fomento da desigualdade
Este novo enfoque beneficia especialmente a estudantes que, por circunstancias privilexiadas, puideron centrarse exclusivamente no rendemento académico, sen ter que compatibilizalo con actividades de divulgación, investigación ou traballo. Isto supón un obstáculo para as persoas candidatas que, por motivos socioeconómicos ou persoais, se viron obrigadas a diversificar os seus esforzos.
- Unha redución da diversidade de méritos avaliables
- Finalmente, co argumento do aumento de retribución, redúcense o número de contratos. O problema base arredor do sistema científico continúa sendo o financiamento: a pesar do suposto aumento de partidas, como en outras convocatorias, observamos unha reducción do número de prazas, 50 menos có ano anterior, e polo tanto, de oportunidades.
Así, o conxunto de cambios e tendencias nestas e noutras convocatorias, lonxe de solucionar, agrava eixos centrais das reivindicacións investigadoras: a incertidume e o impacto negativo na carreira investigadora
Os constantes cambios nas bases das convocatorias, como o que agora nos ocupa, xeran unha importante incerteza para as persoas candidatas e para o conxunto do sistema investigador. Estes cambios abruptos e sen previsión suficiente dificultan a planificación da traxectoria profesional e investigadora, minando a confianza na estabilidade das políticas públicas e desincentivando a aposta pola investigación como unha carreira a longo prazo.
A diversidade de méritos debe seguir sendo un dos piares fundamentais para garantir un acceso máis xusto ao sistema investigador e tao mesmo tempo impulsar a excelencia. As convocatorias públicas deben promover un modelo xusto e equitativo que recoñeza a pluralidade de achegas ao coñecemento, sen reducir a avaliación a un único indicador que non reflicte, en moitos casos, a calidade e o potencial das futuras xeracións de investigadoras e investigadores. Desde InvestiGal observamos con preocupación como a maioría dos cambios por parte das institucións poñen o foco do debate na excelencia académica como base da mellora do sistema investigador, no entando, nós temos claro que o maior problema é a falta de financiación: a innovación non nace dun perfil concreto, senón da diversidade e dunha estabilidade que permitan avanzar na carreira sen obstáculos.