InvestiGal-Rede Galega pola Investigación denuncia que a última convocatoria de contratos posdoutorais precariza aínda máis a investigación en Galicia, diminuíndo as posibilidades de progresión e limitando o atractivo de Galicia para iniciar a carreira investigadora.
- As modificacións con respecto as anteriores convocatorias limitan o acceso das persoas solicitantes saltándose a convocatoria de 2020, reducen o seu salario en máis de 6000€ anuais, e tamén reducen as horas de docencia por ano que poden ser impartidas.
- Esto constitúe unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara o desmantelamento gradual do principal programa de recursos humanos para a captación e formación de investigadores/as posdoutorais de Galicia.
Galicia, 7 de Xaneiro de 2020.
Dende InvestiGal gustaríanos salientar a importancia dos/as investigadores/as posdoutorais no sistema de I+D+i, que constitúen un persoal altamente formado (doutor) coa experiencia necesaria para realizar actividades de investigación con autonomía, o que deriva nunha alta produtividade e que xera coñecemento de alto valor engadido e un importante retorno económico e social. Recentemente, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) mesmo relacionou a alta produtividade das Universidades da rexión norte de Portugal (RNP) (1,71 publicacións/profesor·ano) con respecto ás tres Universidades galegas (1,05 publicacións/profesor·ano) debido ao importante número de investigadores posdoutorais que as Universidades portuguesas manteñen nas súas estruturas. Ademais, dende a RAGC xustifican que unha das posibles explicacións desta enorme diferenza entre as Universidades galegas e a RNP radica na política activa e intensa de captación de talento polas universidades portuguesas dende o ano 2000, coa incorporación dun número moi importante de investigadores de nivel internacional; de feito, o cadro de persoal de investigadores/as posdoutorais nas universidades portuguesas é notablemente máis elevado que nas galegas.
Pola contra, atendendo á última convocatoria de axudas predoutorais e posdoutorais publicadas esta semana conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, parece que a Xunta segue unha estratexia radicalmente oposta e que busca o desmantelamento do principal programa de captación de doutores/as da nosa comunidade en vez de realizar unha aposta firme por este perfil de investigadores posdoutorais que garantizan o retorno da inversión pública e fortalecen a competitivade do sistema de investigación galego. Dende InvestiGal levamos tempo propoñendo unha reforma estrutural do programa e ofrecéndonos a axudar no seu deseño, aportando o punto de vista do colectivo que inclúe o maior número de persoal investigador doutor de Galicia. Lonxe disto, o programa dirixido pola Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, introduce unha serie de cambios na convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral, equivalentes á antiga modalidade A, que son lesivos para os/as solicitantes con respecto a convocatorias anteriores (2012-2019), precarizan notablemente as súas condicións laborais e desincentivan a atracción de talento e a consolidación da carreira investigadora en Galicia. Isto supón un agravio comparativo para as persoas candidatas e as sitúan en desvantaxe co persoal investigador doutor que obtivo estas mesmas axudas durante os anos 2012-2019, salientando as seguintes:
- Imposibilita o acceso á convocatoria ao persoal investigador que obtivo o titulo de doutor/a no ano 2015 ou de licenciatura, grao ou equivalente no 2009. Un ano máis, a falta de vontade dende a Secretaría Xeral de Universidades deixa fóra de xogo a aquelas persoas con grao de doutor/a que poderían reforzar o sistema galego de ciencia. Esta vez débese, novamente, á incongruencia da propia convocatoria, que indica que “poden optar a estas axudas os solicitantes que estean en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016” e que “a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010”, mentres que para a convocatoria do ano 2019 o grao de doutor/a debía terse obtido “en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2014” e a do “título de licenciatura, grao ou equivalente igual o posterior al 1 de enero de 2008” . Tendo en conta que durante o ano 2020, igual que xa pasou no 2015, estas axudas non foron convocadas, e analizando os históricos das convocatorias publicadas no DOG, o lóxico e xusto sería que este prazo se ampliase para a obtención do título de doutor/a ata o 1 de xaneiro de 2015 e do 2009 para a obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento para a obtenición do título de doutor/a. A Secretaría Xeral de Universidades confirmou a InvestiGal que isto non se debeu a un erro, o que incomprensiblemente impide que as persoas afectadas poidan presentarse á única convocatoria de axudas para a formación posdoutoral ofertada pola Xunta de Galicia.
- Número de axudas insuficientes: a convocatoria actual aumenta o número de axudas ata 49, 3 máis con respecto aos 46 contratos ofertados na convocatoria do 2019. Con todo, este aumento é falso, xa que asumindo que o ano 2020 quedou en “branco” e, se relativizamos ao número de axudas a dous anos (2020 e 2021) en vez de un (2021), o número de axudas ofertadas “reais” vese reducida á metade. De acordo con isto, dende InvestiGal esiximos un esforzo maior á Xunta de Galicia e unha aposta decidida pola I+D+i, máis tendo en conta que ano tras ano non se executa todo o orzamento asociado a estes programas, xa que parte dos investigadores non se benefician do programa ata o seu remate. Esto supón, por exemplo, máis de 430.000€ só na convocatoria do 2017. Dende InvestiGal esiximos unha explicación pública que xustifique a onde vai ese diñeiro público e por que non se destina ao persoal investigador afectado.
- Redución significativa das remuneracións salariais do persoal investigador: a nova convocatoria elimina a fase de retorno que si tiña a antiga Modalidade A, na que os investigadores e investigadoras que obtiveron estas axudas entre o 2012-2019 debían permanecer investigando en Galicia durante o terceiro ano (e último) do contrato posdoutoral, e xustifícao coa idea de dotar de máis “flexibilidade” á hora de que as estadías no estranxeiro poidan desenvolverse ao longo dos 3 anos que duran os contratos. Con todo, o programa só financia estadías no estranxeiro durante un máximo de 24 meses, polo que as persoas beneficiarias permanecerán un mínimo de 12 meses investigando en Galicia. Durante estes 12 meses o salario destas persoas será de aproximadamente 1.500€ brutos mensuais, moi afastados dos 2.000€ brutos mensuais que percibe o persoal investigador que obtivese a mesma axuda entre 2012-2019. Esta importante rebaixa salarial sitúa a estes investigadores e investigadoras mesmo por baixo dos mínimos salariais fixados por algunhas institucións como a USC ou o CSIC nestes momentos nos que inclusive o Ministerio está incrementando salarios dos contratos posdoutorais Juan de la Cierva e Ramón y Cajal.
- 50 h menos de docencia por ano: outra novidade da convocatoria é a redución a un máximo de 30 h a docencia impartida en graos e másters universitarios, fronte ás 80 h que imparten os que obtiveron a mesma axuda entre 2012-2019. Esta redución nas horas de docencia aplícase tamén como novidade este ano a outros programas, como as axudas predoutorais.
Paralelamente, anunciouse a convocatoria das axudas para completar a formación posdoutoral, equivalentes á antiga Modalidade B, da cal depende o futuro de 24 dos 37 investigadores retornados que se atopan a día de hoxe en situación de desemprego debido á falta de previsión da Xunta de Galicia. Este colectivo vén reclamando a convocatoria das axudas desde Outubro, de maneira que se resolvesen antes de acabar os seus contratos en Decembro, e que as súas investigacións e labor docente non se viran paralizadas. Porén, a Xunta de Galicia manifestou que de carácter previo á convocatoria era necesaria a resolución da avaliación da Modalidade A, requisito que vemos hoxe eliminado no borrador da convocatoria e que pon de manifesto unha vez máis a falta de vontade por parte da Xunta de Galicia para manter a dignidade laboral dos seus traballadores.
Como contempla a propia convocatoria, a finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral “é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación”. As actuais modificacións afastan ás persoas candidatas deste obxectivo, e sitúanos nunha posición de desvantaxe fronte a outro persoal investigador.
A crise social e sanitaria que atravesamos puxo de manifesto as carencias do sistema de investigación e Ciencia en España, e en particular en Galicia. Neste contexto, InvestiGal ten manifestado repetidamente a súa vontade para contribuir a corrixir os numerosos desequilibrios creados polo sistema e contribuir de forma activa a un mellor deseño da carreira investigadora. Dende InvestiGal consideramos que baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso, e que lonxe de coidar e incentivar o crecemento dun sector estratéxico para o futuro do país, constitúen unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara ao seu desmantelamento gradual. Isto supón que case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano por unha xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia. Dende InvestiGal solicitouse unha reunión urxente cos responsables desta convocatoria co fin de reconducila, dado que aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG. Esiximos que se depuren responsabilidades e se rectifiquen as devanditas modificacións realizadas nesta convocatoria.