Dende InvestiGal cremos que a investigación debe ser un eixe estratéxico da Galicia do futuro. Para trasladar estas reivindicacións e expoñer a delicada situación da investigación en Galicia, InvestiGal convidou ás principais candidaturas ás eleccións autonómicas do 12 de xullo a manter xuntanzas individuais. Nestas xuntanzas, que se desenvolverán a partir do 22 de xuño, trataremos tamén de coñecer as propostas concretas de cada unha en materia de investigación, pois cremos que a administración ten un papel esencial neste proxecto de construír unha Galicia moderna que aposte pola investigación como un piar estratéxico do futuro.
Co obxectivo de denunciar a situación precaria do sector da investigación en Galicia e reivindicar solucións a curto, medio e longo prazo, distintos grupos de traballo de InvestiGal están a elaborar un documento titulado “Investigación: eixe estratéxico da Galicia do futuro” que estará dispoñible próximamente. Entre outros feitos, neste documento saliéntase que o investimento en I+D representa en Galicia só un 0,94% sobre o PIB (https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/gasto-galego-i-d-i-non-chega-1/20200519211833097994.html), significativamente por baixo da media española do 1,24% e moi lonxe da media europea do 2,11%.
Ademais, faise un repaso polas distintas fases da carreira investigadora en Galicia, que comprende as etapas predoutoral, posdoutoral e de investigador principal ou consolidado. No antedito repaso, faise fincapé nas principais dificultades que as investigadoras e investigadores acostuman atopar. Neste sentido, tamén se pon de relevancia a falta de financiamento concreto para a contratación de persoal técnico e xestor da investigación, sen o cal o sistema tampouco pode funcionar. Por exemplo, no plan de Investigación, Desarrollo e Innovación Tecnolóxica de Galicia (2006- 2010), existían as convocatorias Lucas Labrada e Isabel Barreto para a formación, especialización e incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i, figuras desaparecidas na actualidade.
Tamén se destacan as deficiencias que presenta o noso sistema en materia de igualdade, principalmente debidas á falta de apoio institucional e de lexislación en materia de xénero, que sitúan ás investigadoras que son ou queren ser nais nunha situación de especial vulnerabilidade.
Finalmente, desde InvestiGal queremos aproveitar este documento para facer un chamamento a un Pacto Galego pola Investigación, reclamado tamén recentemente por Juan Lema (https://www.gciencia.com/ciencia/juan-lema-pacto-ciencia-ragc/), presidente da Real Academia Galega das Ciencias (RAGC).
1 comentario en “Investigación: eixe estratéxico da Galicia do futuro”
Os comentarios están pechados.