InvestiGal denuncia que a crise sanitaria actual volve evidenciar as desigualdades que este colectivo sofre de forma recurrente.
- O pasado ano 2019 tanto a Xunta de Galicia como as Universidades recoñeceron que as persoas que eran nais e pais durante o seu programa posdoutoral sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte. Aínda sen ser óptima, a propia Xunta fixo unha proposta para que esas persoas non quedasen fóra do sistema.
- Na crise causada pola COVID-19, a Xunta de Galicia deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade.
- Dende InvestiGal demandamos que de maneira inmediata se inclúa ás investigadoras da Modalidade A 2016 afectadas por permisos de maternidade e paternidade nas prórrogas de 6 meses debido á COVID-19.
Galicia, 28 de maio de 2020.
O programa posdoutoral da Xunta de Galicia busca a formación de investigadores de alto nivel competitivo nas Universidades galegas. O pasado ano 2019 tanto a Xunta de Galicia como as Universidades recoñeceron que as persoas que eran nais e pais durante o seu programa posdoutoral (Modalidade A) sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte (Modalidade B, á que un/ha investigador/a só se pode presentar nunha única ocasión, na convocatoria que lle corresponde) ao ter gozado dos permisos relacionados coa maternidade.
O colectivo de investigadores/as propuxo diversas fórmulas naquel momento para chegar a unha solución, e foi a propia Xunta a que determinou que estas traballadoras debían finalizar os seus contratos ao mesmo tempo que aquelas persoas coas que deberían de concorrer á seguinte convocatoria, para así estar en igualdade de condicións que as mesmas, como literalmente recolle o convenio que Xunta e Universidades (USC e UVigo) asinaron para este fin. A proposta que achegou a Xunta, sen ser a óptima, resolvía nese momento a situación.
Debido á sorprendente crise causada pola COVID-19, pónse de novo de manifesto os fallos do sistema: a Xunta deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade. Estas persoas, que do mesmo xeito que as demais investigadoras e investigadores viron interrompidos ou seriamente retardados os seus traballos durante a presente situación, reclaman o seu dereito a rematar as súas investigacións, tal e como estaba previsto nos seus contratos, en igualdade de condicións aos seus compañeiros e compañeiras cos que terán que medirse en convocatorias futuras.
A opinión pública debe saber que nestas convocatorias de concorrencia competitiva a porcentaxe de avaliacións finais negativas da Modalidade A (que impide concorrer á subseguinte Modalidade B) aumenta de forma anómala naqueles casos onde hai maternidade, polo que se entende que esta situación ten que ver cunha problemática estrutural. De feito, existen varios procedementos en curso, tanto administrativos como xudiciais, relacionados cos permisos de maternidade dentro das axudas posdoutorais da Xunta e doutras investigadoras contratadas por entidades dependentes da Xunta (SERGAS). Isto demostra a falta de interese en resolver situacións de discriminación vixentes e en implementar as medidas precisas para evitar que se sigan repetindo no tempo.
InvestiGal – Rede Galega pola Investigación demanda que de maneira inmediata se inclúa ás investigadoras da Modalidade A 2016 afectadas por permisos de maternidade e paternidade nas prórrogas de 6 meses debido á COVID-19. Xa se rexistraron reclamacións ante a Valedora do Pobo, a Consellería de Educación e GAIN (2020/784297; 2020/784260), sen obter respostas efectivas. Presentáronse hoxe novos rexistros ante a Presidencia, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Sanidade, a GAIN, e a ACIS (2020/928250; 2020/928047;2020/928103; 2020/928164; 2020/928198; 2020/928302; 2020/928363), dado a urxencia dos casos, pois estamos a falar de resolver proxectos vitais de 4 personas que foron completamente abandonadas polas institucións. Ademais, InvestiGal demanda que se resolvan e emenden as demais situacións de discriminación vixentes, mediante satisfacción extraprocesal, e que se tomen medidas a nivel lexislativo para evitar que estas situacións se sigan repetindo ano tras ano.
Nesta ligazón podedes acceder a un documento elaborado polo GdT Igualdade, Xénero e Conciliación cunha análise mais detallada desta situación.
Ánimo compañeiras!
3 comentarios en “InvestiGal apoia as investigadoras posdoutorais que reclaman ante a Xunta o seu dereito a non ser penalizadas pola súa maternidade”
Os comentarios están pechados.