Grupos de Traballo

Os grupos de traballo (de agora en adiante, GdT) son estruturas flexibles de base a través das que se xestiona a actividade da Rede. Xorden para facer fronte ás diversas problemáticas específicas no eido da investigación galega así como para dar voz ás diversas sensibilidades que a Rede quere representar. Pola súa propia natureza e obxectivos, algúns GdT concíbense como órganos permanentes, ligados ao funcionamento da Rede per se; outros responden a cometidos estratéxicos puntuais planeados a curto, medio ou longo prazo, polo que poden aparecer e desaparecer, transformarse ou converterse en grupos latentes.

Deste xeito, a listaxe que se expón a continuación non se concibe como unha oferta pechada, senón que está aberta á inclusión de novas propostas e visións. De igual modo e na medida das súas posibilidades, anímase á participación activa dos membros da Rede nos GdT.

Grupos permanentes

  • MEDIOS: As competencias deste GdT son a elaboración de contidos e a xestión conxunta das distintas plataformas da Rede. Isto inclúe elaboración de notas de prensa, o mantemento do web e actualización das redes sociais (RRSS).
  • XESTIÓN INTERNA: O seu cometido é a asistencia ás xestións administrativas da Rede. Concíbese que tanto secretari@ como tesoureir@ non só pertencen naturalmente a este GdT, senón que ademais actúan como a coordinadora do mesmo.
  • IGUALDADE, XÉNERO E CONCILIACIÓN: Este GdT entronca directamente coas liñas programáticas de InvestiGal a prol da igualdade de xénero na investigación (punto 3).
  • CARREIRA INVESTIGADORA: Os obxectivos deste GdT relaciónanse cos puntos 4 e 5 das liñas programáticas de InvestiGal, relativas á necesidade de creación dunha Fundación Galega para a Investigación e a promoción e deseño dun Pacto Galego pola Investigación.
  • RELACIÓNS INSTITUCIONAIS: O seu fin é a coordinación das relacións con outras institucións, administracións e organismos públicos e privados, así como o deseño de estratexias e accións concretas para a consecución dos obxectivos da Rede na súa interacción coas mesmas.
  • TRANSPARENCIA, ÉTICA E BOAS PRÁCTICAS: Este GdT relaciónase cos puntos 8 e 9 das liñas programáticas de InvestiGal. Terá o dobre obxectivo de velar pola transparencia e boas prácticas nos distintos organismos de investigación, así como internamente na propia Rede.

Grupos temáticos

  • GRUPOS POR TRAMOS/SECTORES DE INVESTIGACIÓN: Co fin de atender ás distintas sensibilidades e problemáticas específicas, considerouse oportuna a creación de diferentes GdT por tramos/sectores da investigación. Trátase de grupos abertos a discutir diversas problemáticas específicas que, unha vez analizadas e documentadas, poden converterse en liñas de acción. A Rede está aberta á creación doutros novos ou á adecuación dos xa contemplados:
    • INVESTIGADORES PREDOUTORAIS.
    • INVESTIGADORES POSDOUTORAIS.
    • INVESTIGACIÓN SANITARIA.
    • PERSOAL DE XESTIÓN EN INVESTIGACIÓN.
    • PERSOAL TÉCNICO DE INVESTIGACIÓN.
  • RETORNO SOCIAL: Este GdT estará encargado da xestión das distintas actividades de divulgación, visibilización e sensibilización social. O seu cometido é o de concienciar á sociedade da importancia da investigación como sector estratéxico e de promocionar as distintas accións da Rede.

Grupos temporais de acción

  • ELECCIÓNS 2020: O carácter inminente das Eleccións Galegas de abril obríganos a adoptar medidas inmediatas para contactar cos distintos partidos políticos e axentes sociais e lograr a maior repercusión social posible das demandas do sector da investigación.
  • MOBILIZACIÓNS: Este GdT concíbese como un órgano latente, un reforzo que permita planear e levar a cabo mobilizacións e accións de protesta concretas.

Outros posibles grupos

Durante a reunión de traballo que seguiu á Asemblea Constitutiva discutiuse a posible creación doutros grupos a medio prazo, entre eles:

  • MOBILIDADE E INTERNACIONALIZACIÓN: Este GdT tería como obxectivo manter activa unha rede de comunicación co persoal investigador galego que na actualidade se atopa no exterior, así como asistir a todas aquelas investigadoras e investigadores que veñen de iniciar a súa actividade profesional en Galicia.