Organización

Na seguinte imaxe amósase a organización de InvestiGal, que ten tres niveis principais: coordinación e apoio, grupos de traballo estruturais e faladoiros temáticos.

A Coordinadora está conformada pola Xunta de Representantes máis as persoas responsables de cada un dos grupos (entendendo por grupos todas as demais estruturas que aparecen nas imaxes previas, salvo os grupos ad hoc). O principal grupo de apoio é o de Xestión Interna formado por Presidenta, Secretario e Tesoureira, así coma as persoas que estas consideren importantes para desenvolver as tarefas de administración interna da asociación.

Os grupos de traballo estruturais son o de Igualdade, Xénero e Conciliación, o de Medios e o de Divulgación. Sen corresponder a ningún perfil específico, estes grupos demostraron desde o inicio de InvestiGal que desempeñan labores de elevado interese para o funcionamento da asociación.

Por outra banda, os Faladoiros Temáticos pretenden ser punto de encontro de persoas cun perfil semellante polo seu papel dentro do sistema de investigación. Deste xeito, contamos con faladoiros para persoal técnico, persoal xestor, investigadores predoutorais, posdoutorais, de investigación sanitaria e un de mobilidade e internacionalización.

Finalmente, contemplamos a creación de grupos de traballo para tarefas ad hoc para dar resposta a unha necesidade concreta, co obxectivo de levar adiante un proxecto definido e con horizonte temporal pechado.

Todas as comunicacións destes grupos lévanse a cabo a través do Discord de InvestiGal ou da nosa canle de Telegram. En Discord, ademais das canles só para socios, dispoñemos de canles públicas nas que calquera persoa interesada pode consultar información e/ou interactuar coa asociación.

O acceso a ambas canles (Telegram e Discord) recíbese tras asociarse, un proceso de balde para o que só cómpre remitir o formulario de inscrición a contacto@investi.gal.